Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Repensar Galicia

martes, 15 de noviembre de 2011
Intervención de José Ramón Gómez Besteiro, Presidente da Deputación Provincial de Lugo, diante do Parlamento de Galicia:

Din que “ter poder” só significa que, para tomar unha decisión, ti eres o último ó que chaman porque despois... xa non podes chamar a ninguén máis. Eu engadiría que os que temos a responsabilidade de exercer o poder que nos confiou a cidadanía aínda podemos, aínda debemos, facer unha derradeira chamada: podemos chamarnos entre nós.

Lugo comparecere hoxe no Parlamento para ofrecerlles, en primeiro lugar, un pacto, un Pacto de País no que as diferentes forzas políticas e institucións definamos dunha vez por todas o noso papel, as liñas mestras da reordenación do sistema de competencias locais. Acompañada, esta vez si, do financiamento local axeitado. É o momento de que os maiores empecemos a xogar, en vez de xogar a ser maiores.

-Necesitamos REPENSAR GALICIA. Na súa totalidade e a longo prazo. Xa está ben de que as alternancias políticas introduzan estratexias cortoplacistas que podan as ramas que conteñen os froitos maduros sementados na etapa anterior. Falta un proxecto político de país: falta ser nós mesmos. En Galicia está a pasar o mesmo co idioma que co modelo produtivo ou cos estilos de vida... camiñamos cara a estandarización. Parece que isto é o que cotiza en certo parqué social...

O mesmo está a ocorrer co maior problema de Galicia, o máis importante. E algún nin o ve. O despoboamento demográfico, a hemorraxia social. É síntoma do mesmo diagnóstico: falta un proxecto político de país, de modelo económico, de conciencia e autoestima. E, creánme, non me caracterizo por visións fatalistas.

Por cada 3 maiores de 65 anos en Lugo, só hai un rapaz menor de 16... e a estatística galega non vai moito mellor. Entre 2000 e 2010 cinco provincias españolas viron diminuír o seu número de residentes. Galicia e, por suposto, Lugo encabeza en valor absoluto este ranking, o que converte ó despoboamento no problema de fondo máis grave a afrontar no século XXI.

A Deputación de Lugo foi pioneira en reaccionar contra o despoboamento demográfico, rachando o silencio administrativo, creando unha área propia de goberno sobre este asunto, abríndoo nun foro ó debate público e institucional –onde por certo, a Xunta de Galicia foi a única administración que declinou participar-. Mesmo solicitamos á FEGAMP a creación dun grupo estable de traballo contra a hemorraxia social para desenvolver programas específicos porque 250 dos 315 concellos galegos perderon poboación. Repito, neste asunto, coma noutros, temos que chamarnos.

Non nos enganemos. Só as rexións europeas que acadaron o equilibrio territorial, chegaron ó crecemento económico. E aquí seguen existindo dúas Galicias: a urbana e a rural. A que vive das rendas e do traballo, e a que vive das pensións. A que é e será... e a que foi e ten poucas posibilidades de ser, ata que algún deixe de pensar que o que se inviste no rural vai a fondo perdido.

Ese “repensar Galicia” que hoxe reivindico ten que vir de abaixo arriba, como a propia democracia. Escoitemos ós nosos veciños. Antes a xente tiña ganas de ter futuro, hoxe a xente ten ganas de vivir o pasado. Aínda é difícil advertir con nitidez os novos horizontes pero é tarde para seguir cos de onte pensando que van ser os de mañá. E mentres os políticos somos o terceiro problema da cidadanía... repensemos tamén a política que facemos en Galicia.

En lugar de andar traballando cada un ó seu, poderíamos poñernos a cooperar en programas por obxectivos, unindo esforzos, reducindo custes, evitando a multiplicación de equipamentos imposibles de manter e gañando en eficiencia. Póñolles un exemplo: bastaría con examinar os planes estratéxicos das Deputacións, da Xunta, dos Concellos, e todos os documentos similares para grupalos por zonas, redactando un borrador sometido á participación, e cooperando cos axentes públicos e privados que operan no territorio. Ante a falta de investimentos pola escasez de medios, prima COOPERAR –advírtolles que vou conxugar moitas veces este verbo- e INNOVAR para desenvolver o noso potencial endóxeno. A Deputación de Lugo estende a man á cooperación interadministrativa. Estoulles a falar desa “derradeira chamada” entre nós coa que iniciei esta comparecencia.

Non se trata de crear unha estrutura engadida de cooperación, senón de organizarnos e coordinarnos. Esta idea non é o resultado do soño dunha noite de verán. Foi refrendada no Consello de Europa, na Conferencia de Poderes Locais, e obxecto dunha resolución do Parlamento Europeo que a incorporou ós seus programas de desenvolvemento local e rural.


E con este ánimo de cooperación interadministrativa, de loita contra o despoboamento e de máxima transparencia, participo hoxe na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos para poñerlles en coñemento as liñas estratéxicas do presuposto da Deputación de Lugo para o ano 2012. Unhas liñas que reflicten que o cambio que comezou en Lugo hai catro anos non ten volta atrás:

-Estamos ultimando o Orzamento consolidado da Deputación. O ano pasado era de 92 millóns de euros e este ano será sensiblemente superior. Dígolles o por qué... Grazas a que a Unión Europea premiou á Deputación de Lugo pola xestión dos programas comunitarios e revalidou todas as nosas propostas. Ademais do presuposto da propia Deputación, o Orzamento consolidado constará do correspondente ó Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico (INLUDES), con 8 millóns, e a Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA), con 7 millóns.

Queremos ter o Orzamento aprobado co fin de que entre en vigor o 1 de xaneiro. Subliño que estará equilibrado e seguimos en estabilidade económica-financeira, despois de ser a primeira Deputación galega que aprobara hai tres anos un plan para chegar e acadar este fin.

-A primeira novidade, pois, é que aumentaremos o Orzamento grazas ós novos fondos europeos que fomos quen de revalidar.
Despois dos programas que rematamos con éxito no anterior mandato, sen un só reparo nas auditorías e adxudicados sempre en tempo e forma, a Deputación de Lugo acaba de converterse este ano na quinta entidade local en España que máis fondos europeos recibiu na nova convocatoria. Pasamos de captar o 15% de todos os fondos destinados a Galicia ó 30%, sendo ademais a única Deputación galega á que non lle rexeitaron nin un só proxecto. Suman 25 millóns de euros, dos que 17.781.162 euros corresponden á subvención europea e, o restante, á parte proporcional que aportará a Deputación para executar durante 3 anos.

¿Cal será o destino dos fondos europeos? Xerar actividade económica para que cre emprego que fixe poboación no rural, que é a mellor forma de cooperar cos Concellos.

Segundo os expertos en despoboamento, hai unha serie de estratexias que equilibran o rural e favorecen o asentamento da poboación. Son as novas tecnoloxías, os programas de economía medioambiental e a creación de emprego. Pois isto é exactamente ó que se vai dedicar a Deputación de Lugo.

O programa de administración electrónica, “Innova-TE 2”, con case 15 millóns de euros, foi o 4º que conseguiu máis financiamento en España. No “Innova-TE 1” ofrecimos ós concellos asesoramento in situ, equipamento informático, banda longa nas casas consistoriais... é dicir, fixemos un investimento medio de 300.000 euros por concello. Coincido co pensador Manuel Castells en que canto máis autónomo se é, o uso de internet é maior. E canto máis internet se usa, máis autónomo se é. Pido á Xunta a mesma axilidade para estender a banda longa en toda a provincia de Lugo.

O programa de economía medioambiental, “Lugo2”, superará os 6,5 millóns. O de creación de Emprego, “Pacto provincial polo emprego 2”, con 3,5 millóns, é o 5º coa maior subvención de todo o Estado. Por certo, formaremos a 1.200 desempregados nas profesións con máis futuro.

-No Capítulo 2, Gasto corrente. Desde o 2008 xa fixemos recortes no gasto corrente improdutivo e duros axustes. Do ano pasado a este a baixada case representa dous millóns de euros, salvo o que chegue por fondos europeos e que obrigatoriamente haxa que incorporar a este capítulo.

-Na área de Órganos de Goberno, baixamos nos capítulos 1, 2 e 6.

A baixada máis importante é no capítulo 1, gastos de persoal, que pasa de 1.863.000 a 1.590.000 euros. Neste Orzamento queda patente a redución dun 20% dos asesores con respecto ó mandato anterior, onde quero destacar, por exemplo, que os dependentes de Presidencia da Deputación aínda recortáronse máis: nun 30%.

No presuposto para o funcionamiento dos membros do goberno provincial aplicamos unha redución máis que notable con respecto ó mandato anterior, chegando ó 25% menos. Os soldos de quen lles fala e do equipo de goberno seguirán conxelados, unha decisión que adoptamos no 2010 antes da entrada en vigor do Real Decreto de Redución do Déficit Público.

-No Apartado de gastos de persoal, despois de aforrar o ano pasado preto de 10 millóns de euros, o que supuxo un 33% menos, unha vez reducido o gasto estrutural, este ano mantemos a baixada e seguiremos cunha pequena redución no Orzamento consolidado.

-Con respectó á debeda, tamén a baixamos. Amortizamos 4,6 millóns de euros de débeda e non superamos un crédito de catro e medio. Polo que, amortizamos máis do que pedimos. Repito, cumprimos a estabilidade orzamentaria, cumprimos por baixo do máximo do 75% dos dereitos liquidados. E, en época de crise, conseguimos estar 3 puntos por debaixo da previsión que fixen nesta mesma Cámara no ano 2008 no plan económico-financeiro para este ano.

Con respecto ós ingresos, mantemos as aportaciones dos ingresos do Estado, se ben hai que devolver a liquidación definitiva dos ingresos do 2009, que sumarán 5,8 millóns de euros no 2012.

-Capítulo 6, de Investimentos. Sube debido á que a Unión Europea premiou a xestión dos fondos comunitarios feita pola Deputación. Aumenta de 18 millóns a 27 no Orzamento Consolidado.

-No Orzamento seguiremos adiante con outros importantes programas que inciden directamente no asentamento demográfico e na cooperación cos Concellos, como son os seguintes:

1º/ Imos construír unha rede de 12 residencias da terceira idade con centros de día en concellos de todas as cores políticas, máis encargamos o proxecto para a residencia de Becerreá e as obras para rematar a residencia de Monterroso. En total son 15 millóns de euros, ofreceremos 500 prazas. A Xunta de Galicia está retrasando a execución das residencias. Desde hai anos, só pretendemos que a Xunta concerte prazas, como fai ata cos centros privados, cumprindo non só coa súa obriga competencial senón co seu compromiso político antes das eleccións.

Nós cumpriremos 3 obxectivos esenciais: crear ducias de postos de traballo directos e indirectos no rural, favorecer o asentamento de poboación; ofrecer calidade de vida ós maiores sen saír do seu entorno; e os concellos terán retorno económico nas súas arcas polas licencias, etc.

2º/ Seguiremos coa construcción do primeiro centro público de recría de gando en España na granxa provincial Gayoso Castro. Estamos executando a primera fase, máis dun 50% do total, que suma case 6 millóns de euros financiados con fondos propios. É un dos proxectos máis ambiciosos das últimas décadas no campo. Terá capacidade para unhas 3.000 novillas, inaudito ata o momento en Galicia. Aforrará numerosos custes ós gandeiros que hoxe vense na obriga de facer a recría fóra de Galicia, como media lles aforraríamos 300 euros por animal.

Moitos días vexo a agricultores que venden o seu leite e mercan os iogures que se fan con ela. Temos pendente a tarefa da transformación e a comercialización de produtos. Se a crise gandeira non se resolve, o rural morre. E Galicia é rural. Creo que a Xunta aínda non se decatou.

3º/ Este equipo de goberno conseguiu desbloquear a creación do Consorcio provincial de parques de bombeiros de Lugo. Sufragado ó 50% coa Xunta de Galicia, no Orzamento do 2012 facemos unha previsión económica próxima ós 2,4 millóns de euros, onde xa estará integrado o parque de Monforte, dando cobertura a toda esa comarca.

Igual que a Deputación de Lugo tendeu a man á Xunta para que a provincia deixase de ser a única galega sen bombeiros ou a única Deputación en España que tiña ó seu cargo hospitais, reivindicamos a transferencia de estradas impropias. No Orzamento vémonos obrigados a reservar 11 millóns de euros para manter a rede provincial de estradas máis estensa de España: 4.200 quilómetros. A Xunta non poder manter máis anos bloqueada esta situación.

Remato como empecei. Reivindicando unha política baseada no principio de recomposición máis que no de descomposición, reclamando un verdadeiro proxecto de país no que abramos as portas para que saia a burocracia e entre o sentido común, e empecemos por frear o despoboamento demográfico. Abogo porque fagamos esa “derradeira chamada” para traballar xuntos. A liña de comunicación con Lugo estará aberta. O interlocutor da Deputación -ó que creo que coñezo ben- estará sempre á súa disposición.

Moitas gracias!
Gómez Besteiro, José Ramón
Gómez Besteiro, José Ramón


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES