Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Chema, amigo, de falsa retirada

jueves, 10 de noviembre de 2011
Chema, amigo, de falsa retirada Pídenme que escriba algo sobre Chema Felpeto e non podo negarme. Nin quero. O malo é que non sei moito por onde moverme: que vou contar do meu amigo? Algo terei que facer para encher os dous folios que me impuxeron.

Así que direi, de primeiras, que Chema é galego. Non é moi orixinal, pero quero salientar que ben podería non ter sido desta terra se a Providencia tivera disposto algo distinto. Podería, por exemplo, ser canario. Non me refiro a eses paxaros cantores que visten de amarelo: a verdade é que o de cantar non se lle dá aló moi ben nin lle sei habilidades para reproducir o asubío con que se comunican as xentes daquelas illas. Digo que podería ser canario, e non se trata dun exemplo collido ao chou, senón que ten intención, xa que, de feito, el viviu na illa da Palma, e, cando lle escoito falar daquela estancia, abofé que non me estrañaría que tivera militado nalgún nacionalismo daquel país. Nin me sorprendería que non tivera regresado a Galicia, a non ser de visita. El é así: sabe integrase onde a vida o leve, e ademais facelo de xeito cumprido, unha cousa, entre moitas por certo, na que se parece a un seu irmán, galego de entraña, que andou por España adiante toda a vida, e agora goberna en Toledo, bendicido por todos, mesmo polo arcebispo, grazas xustamente ao senso humanista que comparten ambos irmáns. Non son exclusivistas, vaia, e por iso o Chema non dubidou en ir á procura de Nelly alí onde Galicia vai perdendo o seu nome. E sabía ben o que facía, seguro. En fin, volvo ao rego para reafirmar que o noso amigo é galego, e sofre moito con tantos desleigados fillos desta terra que non se honran nin da súa condición nin da súa lingua: imbéciles e escuros, non nos entendo, non.

Quero dicir tamén que este fillo de Alba é algo roxo. Espero que esta revelación non lle aporte desgustos propios doutros tempos. Ao parecer, ten ascendencia por liña paterna dunha extensa saga de Pígara, os Felpetos, que son coñecidos como “os do Roxo”. Así que non pensedes mal, agora que as dereitas retornan moi afoutas e non sei se ameazantes. Ou pensade mal se vos peta, porque non hai disimulo que valla: o Chema é algo roxo, ou vermello, ou rubio ou como queirades cualificar. O que pasa, dicía un meu amigo moi conservador, é que non se lle nota en exceso.

Pero non é verdade, nótaselle tanto que eu debo corrixir a miña expresión anterior para dicirvos que non é algo roxo senón moi roxo, moito: ten un senso acentuado das inxustizas e unha querenza moi desenvolvida da igualdade social, tanto que leva na fronte a estrela republicana do ser libre, loitador e solidario. E, aínda que non estivo estes días, que eu saiba, na Porta do Sol en Madrid ou mesmo na praza maior de Lugo, el foi un dos primeiros en ler o afortunado panfleto da indignación e respondeu de inmediato con máis indignación. Eu son testemuña.

Por iso o veredes moverse con liberdade e eficacia alí onde se coce a sociedade civil, de xeito que nunca é membro pasivo das asociacións nas que se compromete: ou traballa máis ca ninguén ou colle a porta e vaise. Mentres digo todo isto, estou a matinar que se o lector non o coñecera, había imaxinar que Chema é un revoltoso indignado, sempre con rostro crispado e ollada fulminante contra burgueses conformistas. E non, disto nada: non sei onde adquiriu tanta tolerancia, pero tena a mancheas. Por iso aquel colega meu antes citado afirmaba rotundo que quizais era roxo, pero non se lle notaba e, xa que logo, sería en todo caso un roxo desculpable. E eu afirmo e reitero: é home bo, tolerante sen dúbida, pero é moi roxo.

Tamén direi que o Chema é mestre de escola. O maxisterio non é a súa profesión senón que é moito máis: é a súa alma. Non está de máis lembrarmos este matiz agora que se retira cum júbilo do labor docente. Matiz necesario, porque este feito e aquela afirmación poden semellar un oxímoron en toda regra, algo contraditorio, vaia, pois deixar de facer o que a un lle comprace non debera ser cousa de xúbilo. Pero, meu amigo lector, non confundas: Chema deixa, voluntaria e gustosamente, a parte burocrática do asunto, esa que turbou a cotío o seu espírito, especialmente cando tivo que asumir trécolas de xestión, mais non vende a súa alma, esa na que aniña a vocación profunda. E que conste que a min non mo dixo el, pero eu seino, pois por algo estiven nun seminario onde aprendín todo canto hai que saber de alma e de vocación. Xubilado, andará polo mundo da Chaira facendo multitude de cousas que lle peten, e levará na súa faciana a ledicia da liberdade, pero xa verás, meu lector, que, cando se atope con quen foron os seus estudantes, non só os ha coñecer de inmediato senón que ha ter unha palabra que lles dicir, unha expresión calquera que, sen pretendelo explicitamente, resultará educativa. Porque lles ten gañado o cariño e o respecto, e ben sabido é que quen se fai escoitar xa está educando, aínda que non o pretenda. Mesmo me educa a min que son moito máis vello ca el. De verdade.

E teño que rematar, porque non falta moito para completar os dous folios.

Así que deixo para o final o que para min é máis importante e o que máis me fai admiralo. Digo que é amigo, moi amigo dos amigos, que son multitude, e non lle coñezo episodios en que a súa amizade falle. Porque sabe selo, ten esa sabedoría que non se aprende nos libros nin nas aulas de Pedagoxía. Para mostra póñovos un detalle: observaredes, por exemplo, que despois de conversar con el, un queda coa sensación de se sentir especialmente valorado. Algo así como se o Chema estivese sempre pronto a apreciar nos outros as calidades que teñen e que, se supón, el non posúe, sen que tal suposta carencia lle provoque envexa ningunha, nin mesmo a chamada envexa sa, senón que nos transmite admiración sincera. E claro está, mentres con el estamos, os amigos inchamos de fachenda. Ata que dous minutos despois, un tórnase sensato e decátase de que as máis das veces o Chema fai moito mellor aquilo mesmo que vén de loar no seu amigo. Recoñecémolo humildemente e quedamos a pre, pero o ben, pola súa banda, xa quedou feito: deunos o agasallo máis fermoso, a estima, logo axudounos sutilmente a desinchar a fachenda, sempre perigosa, e déixanos convidados a unha vindeira conversa sempre estimulante. En fin, non sei se me din explicado, pero eu ben me entendo, e seguro que el tamén me entende.

Non sei por que ten tanta présa en se xubilar, que aínda é moi novo e ten moitos azos para continuar coa súa actividade. Eu aguantei moito máis e, polo que deixo dito, non son mellor ca el. El saberá. En todo caso, unha retirada en falso, creo, porque o que a institución escolar perda será gañado polo IESCHA, e aí queda o comido polo servido. Amén.
García Cendán, Bernardo
García Cendán, Bernardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES