Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O candidato R.

jueves, 10 de noviembre de 2011
Disque os romanos se vestían de branco ao se presentaren a unhas eleccións. Parece ser que de aí, de vestir unha “toga cándida” vén a palabra candidato, aquel que se postula para un posto, un cargo, unha misión, etc. Non sei se hoxe en día, máis ca vestir de branco, os nosos candidatos están “in albis”. Vaia por diante que damos por feito que actualmente non hai caldo de cultivo para termos líderes auténticos, pero imos enredar un pouco.

No tocante ás eleccións do vindeiro vinte-ene, unha percibe, igual ca vostede, amigo lector, un novo tipo de candidato, e mesmo semella que vai callar na sociedade: o candidato desdebuxado, sen perfil, case o candidato de cómic. Normalmente, ata onde temos acordo, nas contendas de calquera tipo, antes de resultar vencedor había que presentar batalla, dar a cara, darse a ver, discutir. Só despois da ardua tarefa da loita viña o concepto de éxito que podía implicar, ou non, o vencemento do contrario. Agora non. A mensaxe perdeu efecto.

Agora o que conta é a cor da gravata. Así, o candidato R. vai pola vida sen carisma, sen programa convincente, igual de insulso có seu homónimo guiñol en Canal + que tan ben manexaba na sombra aquel ex presidente de bigote, lembran? Será talvez porque sabe da herdanza cruel que comporta ser vencedor? Creo que Valdano lle chamaba a iso medo escénico, léase: o medo a fallar o penalti. No seu caso suponse que vai así de aquí en diante, porque alguén que non ten carisma despois de vir abaixo cun helicóptero é difícil que o consiga. Podía ter polo menos anticarisma, que xa é moito nos tempos abúlicos que corren, pero non, este candidato aposta por pasar desapercibido na xungla política.

Apuntou o ex presidente F.G. ( cantas oportunidades para estar caladiños desbotan os ex! ) que o candidato R. quere chegar ao goberno “facéndose o morto”. E chegará, abofé que chegará, porque o outro candidato, chamémoslle R´, aínda non expiou erros do pasado que se lle recordan cada vez que intenta abrir a boca. Velos aí van os dous, con cadansúa teima, un invocando un cambio que soa a rancio antes de comezar e outro lambendo as feridas do seu partido. Un uliscando o poder e o outro cheirando a chamusco. Candidatos burn out en tempos convulsos que precisan cambios reais e estratexias de futuro. O que pasa é que temos tan contaminadas as palabras “renovación” ou “cambio”, que xa perderon efecto, igual que noutrora queimamos outros conceptos fundamentais, digamos “memoria” ou “imposición”.

Non vou seguir por aí. Alguén debera estar elaborando xa un Dicionario de usos dislocados de palabras fundamentais para políticos manipuladores. E non serei eu.

Fagan memoria, non teñen vostedes algo de nostalxia daqueles candidatos que nos lucían tanto antes, os que dominaban o exercicio da oratoria entre perrucas, cazadoras de pana e trencas? Ou entre pasaportes ilegais e reunións clandestinas no exilio? Aqueles que ocultaban amantes e fillos ilexítimos e lían libros do top censura? Agora temos candidatos de gravatas anódinas. Que baixo caemos! E diríase que máis que un escenario de vencedores ou vencidos o vinte-ene semella un pacto entre cabaleiros, un "quítate tú para ponerme yo", unha cesión, un parte amistoso en calquera rotonda. Dan a sensación dun traspaso de poderes. Ten menos emoción que saber o vencedor do Premio Planeta. Mágoa dos directores de campaña, hai que recoñecer que deben de sufrir o seu…

O candidato R´. non quere perder máis cohortes de cara a futuras incursións, e o candidato R. gobernará con probable resultado indiscutible, pero coas mans atadas en plan marioneta, coma un candidato etéreo, ficticio e intanxible, que non resulta crible nin na fonética do propio apelido.
Perez Rei, Mariña
Perez Rei, Mariña


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES