Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Made in O Mundo

jueves, 10 de noviembre de 2011
O outro día cadroume ir a un comercio de roupa. E como a cousa téxtil non me interesa en exceso, pasei o tempo mirando as etiquetas. Non as composicións nin as formas de lavado que coa lingua universal dos símbolos, indican cómo se debe facer. No que me fixei con especial atención foron nos lugares de fabricación da roupa. E teño que dicir que como afeccionado á xeografía e historia, resultou unha experiencia ben curiosa.

Lembrei, tamén, como cando andaba de arqueólogo nos facía ilusión encontrar no Castromao, en San Cibrán de Las ou Santomé, un tipo de cerámica fina romana, a sixilata, ben fose do tipo sudgálico porque nos daba o dato do comercio maiorista desde Francia, ou aretina, porque nos falaba de chegadas de produtos finos, cultos e caros desde o lugar de Arezzo, preto de Roma, hai uns dous mil anos, máis ou menos.

Pois nesa tenda de roupa multinacional, europea, vangardista, que lles dicía, contra o final do Paseo por onde estaba Tobaris, repasei as etiquetas e localicei a mesmísima ONU. Nada “made in Spain” nin tampouco como aqueloutra etiqueta de mercadillo que vin hai ano en Portonovo –cousa de vestiños indios- “Made in heaven”, ou sexa, “Feito no ceo”. Pero nesta do Paseo, nada, absolutamente nada, de occidente. Os made in levábanme en primeiro lugar ao máis afastado de Asía: China, Taiwan, Vietnam, Camboia, Tailandia, Myamar... Logo o subcontinente indio perfectamente representado: India, Pakistán, Bangladesh e Sri Lanka. Máis achegado a nós, estaba Marrocos e si, por fin, un país da Unión Europa: Romanía.

Marchei de alí pensando no bo e no malo da globalización. Sacar sacou a fame negra daquelas terras máis ca ningunha ONG ou campaña de solidariedade internacional dos estados pero esparexeu problemas na nosa parte do globo. Difícil é combinar todos os intereses. Hai, si, exemplos de países que souberon reconvertir ben a cousa. Non, desde logo, tratar de competir baixando soldos aquí, senón cambiando de actividades cara a outras que teñan máis valor engadido e que precisasen alta preparación e deseño só ofrecible en occidente. En fin, cousa difícil, pero non imposible.

Logo fixen a compra para preparar un arroz de peixe e marisco. Fixeime. O langostino –que deberiamos chamarlle gambón- de Mozambique; oceano Índico. Unhas vieiriñas que lle botei, de Chile; océano Pacífico. A rabada, peixesapo ou rape pola fala castellana, do oceano Atlántico. E ao comprar os calamares ou luras, tiven dúbidas: Os da ría, máis caros e con boa pinta, ou a alternativa, uns do Mar Negro, alá no fondo do Mediterraneo, entre Turquía e Rusia e os Balcáns, baratos e que tampouco tiñan mala cara. Tiven un arrouto atlanto-galeguista e decidinme pola ría, aínda que pagase máis. Defender “o noso” vía gastronómica, non é mal plan. ¿E de onde viñan as cebolas, os allos, os pementos? Non llo digo porque non quero falar da rica xeografía das hortas de España.

Empezara o día sábado no Paseo pensando na roupa deslocalizada e acabei cunha zarzuela universal, de tres océanos e vinte terras convivindo no meu prato. Difícil entender o mundo do s. XXI. Pero o arroz, riquisimo.
Vázquez-Monxardín, Afonso
Vázquez-Monxardín, Afonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES