Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lumes e ruído

viernes, 04 de noviembre de 2011
O lume fai ruído. Ao pé da chimenea, en silencio, bufan as chamas e crepita a leña e, ás veces, se non están moi secos, asubían os paus coa seiva que ferve. Cando lle cadra a un estar ao pé dun incendio, pode escoitar das labaradas inmensas zunidos graves e intensos tal que ventos do inferno.

Ben distintas estas falas grosas á aqueloutras das árbores nas quentes e pacíficas tardes do verán, á hora da sesta, cando se senten notas agudas de sorpresa que pon o estralar das cascas dos piñeiros ou as graves e secas zuopadas das piñas batendo primeiro e rolando despois sobre a frouma. Son de raxeira e paz.

Pero hai outro ruído dos incendios especialmente aborrecente: a cíclica busca de culpables entre os politicos. Non podo imaxinar sequera que cando arde o monte en Australia ou Californía –lugar cálido como un forno, de aí seica lle vén ese nome que tamén nos puido cadrar a nós- non podo imaxinar, digo, que se enguedellen en discusións os políticos sobre a incompetencia alternativa no combate ao lume.

O lume descontrolado é, claro, mala cousa. Unha desgraza. Pero, se cadra, entre a luminaria das chamas e o fume non nos deixan ver claro os prefís como son e imaxinamos mundos ideais que non existen. Evidentemente debemos tratar de que haxa menos lumes como debemos tratar de que haxa menos accidentes de coche ou menos delictos sabendo que son temas de xestión cuxo horizonte cero é utopía inalcanzable.

Máxime se asistimos á tranformación da paisaxe tan radical que se produciu nos últimos trinta anos. ¿Lembran aquelas bostas como empanadas en todo canto camiño había? Non hai vacas, non hai prados, non hai lameiros, non hai máis ca pensións, patacas e viño no campo ourensán.

Esaxero, sen dúbida, pero é ben difícil impedir que ardan eses eidos deixados a monte porque morren os vellos que termaban deles, mentres que as silvas lles comen as casas abandonadas e se produce ese inzar de matogueiras e touzas para acobillo feliz do novo rei de Galicia, o xabarín.

Non é a solución gastar millóns de euros en apagar lumes de uces, toxo e xestas sen valor económico coa mesma intensidade que se fosen explotacións de silvicultura que desen sustento a milleiros de familias. O cambio da historia, o proceso imparable de urbanización e abandono do campo non ten dono, por iso o compromiso contra o lume debe ser colectivo, dos cidadáns.

Desenganémonos. Non hai grandes tramas nin grandes beneficiarios –non creo que debamos desconfiar de máis dos que os apagan- e tampouco vai haber grandes solucións. É un vandalismo especial de moitas orixes nunha circunstancia climática especial. Quen queima un contenedor de basura -2.500 ao ano en Galicia- quen arrinca unha papeleira ou fai unha pintada nunha fachada de pedra, ben pode tamén queimar un monte. Problema de cultura, de sensibiliade. En Ourense, o concello gasta 300.000 euros ano en reposición de mobiliario urbano destrozado polos bárbaros. Hai moito guillado. Rural e urbano. E nestas cousas, como noutras moitas, debemos ir xuntos. Porque o lume, ata onde eu entendo, non é de esquerdas nin de dereitas, é do inferno.
Vázquez-Monxardín, Afonso
Vázquez-Monxardín, Afonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES