Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

facer País

jueves, 03 de noviembre de 2011
Xosé Luis Rivas Cruz, Mini, ao recibir o premio FACER PAÍS:

En primeiro lugar, como non podería ser doutra maneira, mostrar o noso profundo agradecemento por este aloumiño que nos facedes. Uns e outros. Uns dándonos esta distinción de Facer País, e outros acompañándonos neste día. Demasiados amigos para nomearvos a todos, Avelino por rapaz e tantos...

Nos tempos que corren todos necesitamos alento e calor máis ca distincións, das que nós non somos merecedores.

Mero e máis eu somos fillos da Gran Mentira. Criados e educados no fascismomodalidade franquista-. Fomos caendo na conta de que había outro País, que os silencios falaban e que a prepotencia das garabatas con bigote ían en contra da nosa xente. O proceso levou tempo dada a escuridade que reinaba. Foi lento pero non foi difícil cando a adolescencia se converteu en adultez.

Tivemos moita sorte na vida. Sorte por gustar da música. Sorte por nos criar na aldea dos comúns. Sorte por ter uns pais que se empeñaron en facernos estudados. Sorte por coñeceremos a un crego chamado Xesús que nos formou-reformou musicalmente. Tanta sorte e tan ben nos tratou a vida que non podemos dar queixa ningunha.

O descubrimento da Gran Mentira, compendio de mentiras, deuse poco a pouco, ó tempo que camiñabamos poñendo escola e cantando. Foi aquí, na aldea, o noso lugar de orixe, onde ó regresaremos despois da nosa domesticación e desclasamento, descubrimos os silencios. Porque a mentira do noso País e da nosa xente radica nos silencios que produce a farfallada dos prepotentes opresores do noso pobo. Os de sempre, os de antes e os de hoxe.

A nós obrigóusenos a vivir nun mundo sen entidade cultural, negóusenos a fala dos nosos, na familia e na escola. Inxectóusenos o noxo á nosa clase social, a dos humildes, a dos proletarios labregos de onde procediamos. Ocultóusenos a nosa historia, a dos sinxelos que a sufrían. Inculcóusenos o autoodio que aínda hoxe nos aflora de vez en cando sen nos dar de conta. Impedíasenos soñar nun proxecto común de futuro porque o noso pobo non era pobo. Non me estou laiando nin chorando de nada, falo do que vivimos.

Saír disto foi a nosa obriga e a nosa meta foi comunicárllelo ós demais, as máis das veces en forma de canción. Este camiño, o da canción foi un pracer e un gozo. É, ós nosos xa sesenta anos, máis ca nunca un labor co que disfrutamos.

Hai quen nos concede unha sabedoría en cultura tradicional desmedida. É un erro. Non hai día en que non nos laiemos do que deixamos por recoller por preguiza ou por falta material de tempo. Mais o pouco que levamos apañado enriqueceunos como non podedes imaxinar. A música, a canción tradicional e a de combate social e político, permitiunos coñecer o País, a Matria, a fondo. Con ela puidemos baixar ás raíces e recollérmonos a nós mesmos. O outro, o que se nos ofrecía con músicas celestiais, era carniza de pedantes.

Cada vez que iamos a un teleclube cantar e a contactar cos nosos, cos de abaixo, atopabamos a crúa realidade dun pobo vello, sabio e oprimido que arelaba liberarse do xugo de séculos. Un pobo ateigado de desexos e impotencia. Cada mañá que ollabamos, na escola, a cara dun dos nosos Balbinos falando na fala común, medraba o noso corazón con orgullo.

E así, día a día, fomos camiñando e vendo. Unhas veces era unha confidencia que nos falaba das cunetas ensanguentadas, outras as palabras sabias dun intelectual que vestía esa confidencia con dados formais de formalidade histórica. As máis a retranca dos vellos que sen falar dicíano todo.

Claro que nos axudou o feito de seremos mestres, cando un mestre era alguén con peso social, e tamén o de músicos, artistas, con esa patente de corso que temos os da farándula para sermos desculpados no que socialmente se consideraban e se consideran extravagancias.

Como vedes todo axudou e todo isto segue a axudar en facernos o camiño máis fácil e levadeiro.

Tivemos e temos, pois, o privilexio de contar por milleiros as xentes que nos honran coa súa amizade. Gozamos do luxo de tratar ó máis selecto da nosa sociedade por riba e por baixo. E enténdaseme ben falo da xente seria, da que paga a pena. Da que ten preocupación polo feito social, e polo futuro comunal. Non me refiro, logo, ós magacines televisivos tanto en boga nin ós mediocres que calculan a súa valía polas contas correntes que teñen nos bancos Temos, é certo, a nosa ideoloxía pero compartimos camiño con moitos carreiros que buscan futuro, non excluíndo a case ninguén e procurando aunar esforzos. No camiño a que me refiro, sabédelo ben, hai poucos gatos e demasiadas uñas afiadas duns para outros.

Hai quen di que puxemos ó servizo dos demais todo canto recollemos e aprendemos. Non podía ser doutro xeito. É parte do noso patrimonio cultural e perténcenos a todos. A nós foinos dado gratuitamente e asegúrovos que para disfrutar del é necesario compartilo. Tamén hai moito de deformación profesional como ensinantes que fomos. Por certo, isto de estar xubilado e coas facultades mentais escasamente mermadas évos unha gozada.

De tódalas mentiras contadas no período democrático, -xa vedes con que sorna o digo-, hai unha na que cremos firmemente e que nos axuda a camiñar: a da Liberdade. Posiblemente a meirande lección que recibimos na nosa vida é que para gañar a liberdade é imprescindible sentirse libres. Exercela danos algún que outro disgusto pero dá tamén un gustazo refregarlla polos fociños a algúns, que como dicía Rosalía non vos digo nada pero vaia...

Hai un dito popular por terras de Boimorto que reza así:
...” Quen non pode disfrutar da libertá, non precisa que o enterren, que ben enterradiño está”...

Coa Matria en mans de mediocres e envalentonados monifates, vivimos tempos que máis que nunca esixen o exercicio da liberdade. Non podemos calar mentres pretenden volvernos ó silencio acuñando a moeda da mentira e facendo do exercicio político unha farsa. Hoxe a nosa humilde voz pide unha vez máis o esforzo do exercicio da liberdade, o enterramento do silencio e a búsqueda da luz. A nosa vella fala, os séculos de inxustiza cos labregos, o noso territorio apestado de eucaliptos, a nosa inexistente industria, a inconsciencia da Nación... Non vou seguir...

Falemos e actuemos en liberdade!.
Mini
Mini


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES