Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Galicia é aporófoba

miércoles, 02 de noviembre de 2011
Ata hai pouco os galegos tiñan que marchar emigrados a terras remotas e logo de instalados nelas non tiñan inconveniente en unir as súas vidas a persoas alleas á súa cultura e mesmo á súa relixión ou cor de pel. Marchaban por cubrir unhas necesidades que aquí non podían satisfacer, pero se de verdade fosen racistas o lóxico sería que acadada esa cobertura mirasen de xuntarse con xente que lles fose semellante e cunha similitude de principios, mais non era así.

O galego emigrado convivía sen ningún prexuízo con todo tipo de etnia e aceptaba a amizade e o amor chegase de onde chegase sen mirarlle a pel ou a crenza. Porén, agora que se inverteu o transvase, que os que veñen son os descendentes daqueles cos que os galegos convivían sen ningún tipo de problema, moitos dos descendentes destes rexéitanos etiquetándoos pexorativamente e afastándoos de si ata o punto de pedir a súa expulsión.

Moito antes de que esta vaga migratoria tivese lugar, coexistiamos xa dunha maneira pouco afectiva cos xitanos e se ben é certo que o orgullo e as formas de ver a vida dos membros desta etnia nunca favoreceron a súa integración, tamén hai que dicir que os argumentos do paio galego nunca foron demasiado amábeis para reducir a súa marxinalidade.

Mais, dito todo isto, eu non creo que o galego medio sexa (ou se volvese) racista, como ás veces se expresa en algúns ámbitos, porque por moito que Manuel Murguía dixese que estamos ligados estreitamente á grande e nobilísima familia aria, nunca en tempos que eu poida lembrar houbo a menor intención de amosarse como raza superior. E tampouco non considero que a xente de aquí sexa xenófoba, por máis que haxa xente que esbardalle para que boten os que viñeron de lonxe gañar a vida, porque aquí tamén vive xente de raza diferente e país distinto que é respectada e mesmo reverenciada.

Cal é logo o problema? Pois, sinxelamente, o status. O galego medio que ata non hai moito foi pobre e a día de hoxe ten certo acomodo, converteuse dalgunha maneira nun clasista. Nun clasista que, aínda non tendo máis que o xusto para unha vida digna, teme a perda dos bens que tan caro lle custou conseguir.

Un amigo meu contoume unha vez que lle chamara a atención que un grande número de emigrados galegos ao retornar facían unha casa nova de ladrillo, moitas veces da mesma dimensión que a vella de pedra, por vez de restaurar e acondicionar esta. Logo de estudar con demora ese estraño comportamento, chegou á conclusión de que era algo psicolóxico; a casa vella significáballes penuria e mal pasar, e por iso a de pedra acababa facendo todo máis de cabana ou almacén.

En conclusión, eu coido que do que verdadeiramente padece o galego medio é de aporofobia, de pauperfobia. E unha proba definitiva para sustentar o que digo sen dúbida é o idioma. Rexéitase ou tense de menos porque é o que falou a maioría nunha longuísima época de pobreza. Na vella casa de pedra.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES