Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A falsa publicidade

viernes, 28 de octubre de 2011
Cada vez acredito menos nas polémicas. Cóntollelo eu por se non o saben: Donetes retira a última campaña do seu produto.

Os internautas, que dispoñen de moito tempo libre e asinan por e para todo, protestaron pola campaña deses círculos de chocolate que alguén come e que levaba por slogan: A pedir al metro! Seica a empresa Panrico recoñece a metedura de pata e retira o devandito texto publicitario, agradece aos twiteros que velen pola linguaxe correcta da publicidade evitando mensaxes que poden resultar ofensivas para os colectivos máis bla bla bla.

De paso a marca sae en toda a prensa e a foto dos donetes everywhere. Casualidade? Intencionalidade manifesta dos guionistas? Poña unha publicidade sexista ou politicamente incorrecta no seu produto que xa se encargan as redes sociais de aumentar a súa presenza nos medios?

Falemos do caso de Agustín Fernández Mallo: a editorial Alfaguara retira o libro El hacedor ( Remake) das librarías. Un libro que o seu autor cualifica de revisión do clásico de Borges, case ao xeito dun Pierre Menard moderno que reescribe literalmente o texto xa existente. Mallo insiste en denominalo sample, xogo, interpolación, intertexto, etc. A viúva de Borges, María Kodama, prefire usar a palabra plaxio. E os seus avogados tamén, ese é o principal escollo. Por suposto, Mallo sae nas portadas de suplementos culturais, fanlle entrevistas, e hai, como non, moito ruxerruxe nas redes, e o autor soa, soa, soooa moitísimo. Casualidade da boa. A xente quere mercar o seu libro, sendo como é discutible ata onde chega a homenaxe ao escritor arxentino e onde comeza a pura fraude. O mesmo autor, para titular o seu libro anterior, Experiencia Nocilla, pedíralle permiso a Nutrexpa e parece ser que o obtivo sen problema. Puido facer o mesmo cos dereitos da obra de Borges e non tirar de copyright desa maneira.

Hoxe en día xa unha non sabe cal é o contido e cal o continente.( Por certo, os donetes que tal maridaxe fan coa nocilla?)

Sección de deportes: tampouco me creo que Ussain Bolt fallara estrepitosamente na súa saída dos 100 metros nos mundiais de atletismo. Un atleta de alta competición que gaña tan sobradamente non debera cometer ese fallo de afeccionado. Iso si, a súa saída en falso aparece en todas as canles e aumenta a atención mediática para unha nova competición na que o atleta arrasa. Artimaña que non é nova. Xa o fixeran antes a campioa de pértega Isinbayeva ou o propio Sergei Buka. Aumentan a atención e os ingresos por publicidade.

E que me din de Bob Dylan? Talvez pensou inocentemente o divo que na súa exposición de cadros inspirados nas súas viaxes persoais non ían atopar os críticos escandalosas concomitancias- por chamarlle dunha maneira eufemística- co traballo de fotógrafos clásicos como Henri Cartier Bresson ou Leon Busy. Abofé que si. Puido disimulalo algo máis, pero seguro que a cuestión é atraer público.

De polémica pouco ou nada. Todo vai máis alá da incredulidade e da sospeita, da mera provocación, do plaxio deliberado, das chanzas dos mercados ou da simple publicidade comercial. El será unha nova aposta por aparvarnos un pouco máis?.
Perez Rei, Mariña
Perez Rei, Mariña


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES