Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un paseo pola fortaleza de Monterrei

jueves, 20 de octubre de 2011
Os pasos pausados destas derradeiras tardes de estío que provocan ir con tempo ós sitios, leváronme ata o alto da fortaleza de Monterrei a onde -mal que me pese e como penitencia, debo confesar- non tiña subido por máis que leve anos reparando na súa ergueita silueta, primeiro dende a recta de Pazos, cando a vella estrada de Madrid cruzaba o casco urbano de Verín, e logo -un pouco máis lonxe- dende todos aqueles tramos da autovía dende os que é posible admirar a súa estratéxica situación alá no outeiro, dominando o val do río Támega.

Subín, e ó subir aconteceume o mesmo que lle acontece a moita xente co burgo medieval de Vilanova dos Infantes cando o único que fai é pasar ó seu carón pola estrada nacional e pensar que xa coñece Vilanova só con reparar dende o coche no fito pétreo do torreón abrazado por pequenas casas de artesáns, xa sexa camiño de Portugal ou -na dirección contraria- camiño de Ourense.
É dicir, que de súpeto zopei coa inesperada dimensión dun conxunto constructivo que vai moito máis alá das dúas torres con parapeto e do seu patio soportalado de armas, que si que coñecía por multitude de fotos.

Por ser martes non puiden acceder ó interior xa que segundo informaba un cartel na cancela da entrada, a fortaleza está aberta de mércores a domingo. Pero, como o sol de media tarde convidaba a non marchar de alí e a contemplar o val dende distintas perspectivas, camiñei ó seu redor fotografando aquelas curiosidades fotografiables e ó mesmo tempo deixándome perder por entre as súas abandonadas ruelas, o que me levou a cavilar -e a reafirmarme-, unha vez máis, en moitas das ideas sobre as que arredor do turismo cultural ourensán teño reflexionado nesta mesma columna nos últimos tempos.

Sabía, porque xa tiña lido algo ó respecto, que dende a secretaría xeral de Turismo andan a traballar nun plan director que poida definir os usos máis axeitados de cada unha das edificacións, tendo en conta que moitas daquelas propiedades anexas son de propiedade privada (coa carga de dificultade que lle engade esa común circunstancia a calquera proxecto público) e ó mesmo tempo lembrei aquelas dúas edicións -en forma de xogo de rol- das liortas irmandiñas que o departamento de xuventude de Anxo Quintana organizou para celebrar a toma de posesión do edificio e ó mesmo tempo alimentar o ego medievonacionalista da tropa.

O que non alcancei a comprender por máis que o debullei, ó estar alí no alto, foi en qué podía estar pensando Fraga Iribarne nos tempos de “la calle es mía”, cando a finais dos anos 60 mandou construír, un pouco máis abaixo, tan pequecho parador, se a fortaleza e todo o que lle alcanzaba a vista podía estar ó dispor da súa todopoderosa firma.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES