Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lendas urbanas

miércoles, 19 de octubre de 2011
Deume por pararme estes días en repasar mentalmente as lendas urbanas máis coñecidas e cheguei á conclusión que as que máis me impresionaran -porque, por suposto, crera na súa veracidade no seu día- foran a da rapaza autoestopista, que se aparecía na curva da estrada onde ela mesma perdera a vida, a do can traído de fóra que logo resulta ser unha rata sibilinamente devoradora de todo o que ten ao seu alcance, bebés incluídos, e a da serpe que un día se deita na cama a carón do seu inexperto dono esnob completamente estirada, aceno que este interpreta como de mansedume e logo sabe por alguén que o que estaba era tomándolle medidas a ver se era viábel a súa inxestión.

Mais, logo de relembradas estas que pola súa difusión poderían considerarse mundiais, deume por repasar outras que suscitaron por algunha razón noutro tempo a miña atención. Veume á cabeza a que contaba que o daquela famosísimo cantante Roberto Carlos tiña un ollo de cristal e unha perna ortopédica, aínda que, por suposto, ambas próteses imperceptíbeis, por perfectas, e tamén unha de ámbito local que lle foi adxudicada a un admirado profesor de esquerdas do que, evidentemente para desprestixialo, contábase que para o seu aseo diario gastaba soamente auga mineral. Parece mentira, pero quen non as cría, polo menos dubidaba, tal era a firmeza de quen relataba.

Como esta que veño de referir, dubido se se poden considerar lendas en sentido estrito algúns casos referidos a políticos, pero se así fose, certamente o que máis ten dado que falar dende que se instaurou a democracia foi o ministro Fernando Morán, ao que se lle fixo protagonista e vítima de todos os chistes onde o prebe era a imbecilidade ou a idiocia, malia que houbese naquel goberno xente moito máis capacitada que el para renderlle honores á estulticia.

O que si considero verdadeiras lendas urbanas -ou quizais habería que denominalas doutra maneira?- son as da miña infancia nun Lugo cun cheiro aínda máis a terra que a cemento, no que a determinades idades criamos firmemente, ademais de no vello do saco e na vella da manta, na metamorfose dos grilos en alacráns, no gafo do cuspe dos sapos, na malignidade das donicelas (tan fermosas dende o meu ver adulto) e mesmo na perigosidade das vistosas píntegas, das que se dicía que no lugar do corpo onde trababan reproducíase a cabeza do animal, lenda que, por certo, teño utilizado nun dos meus relatos.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES