Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Uxi, te llama Ci!

viernes, 14 de octubre de 2011
Escoiteino este verán na Pobra do Caramiñal. Imaxinen na escena uns rapaces xogando pola praia. Un deles chama por unha neniña: “Uxía, te llama Cibrán”. Despois dun anaco, e como se lle pesara en exceso a longura dos nomes, abrevia, e vai aos hipocorísticos: “Uxi, te llama Ci!”.
Tanta antroponimia autóctona, tantos nomes buscados na orixe da nosa lingua para acabar simplificándoos formalmente nun hipocorístico pseudocastelán que ten máis que ver con Móstoles que co Barbanza! O castelán gusta de abreviar os nomes nas sílabas finais, o catalán, por exemplo, faino por aférese: Ció por Concepció. Ao galego sempre lle gustou o uso de diminutivos: Farruco, Genucha, Carmela…
Folga dicir que os nenos non teñen culpa de que seus pais fosen ao santoral a escoller os nomes máis celtas, os máis xermanos ou máis medievais que puideron atopar para os seus fillos, aínda que logo non os educaran precisamente no cultivo da lingua oral aborixe. Ás veces só procuran nomes estraños cos que sorprender aos seus amigos de Madrid que veñen veranear, pero non teñen nin idea do que significa levar eses nomes. Talvez soen a galego puro e pretendan transmitir un valor de autenticidade pero o transfondo é outro.
Uxi e Ci non teñen ningunha responsabilidade no conto, nin consciencia da nosa cultura diglósica e superficial, nin falta que lles fai para subir polas pedras da praia e ser felices. Eles berrarían co mesmo despreocupado ton infantil: Misaki, te llama Haruyasu!, ou Jenny, te llama Bob! Pero os demais, que ás veces pensamos e ata reflexionamos, sabemos que a nosa memoria xa tronzou por aí. De xeito definitivo ademais. Soa a baleiro. Aínda me semella máis auténtico apelidarse Seivane Magariños- é un dicir- e levar por nome John Henry -é outro dicir- como unha homenaxe dos retornados de New Jersey. (Morriña de USA e de tempos que foron)
A nosa onomástica patrimonial tiña que ser un valor a coidar e protexer dado que nos nomes temos testemuños moi valiosos para a nosa auto –identificación, se é que iso nos interesa porque ao mellor non nos gusta o que nos devolve o espello. Acontece que a sombra da diglosia é alongada, e en Galicia persiste unha cultura de inversión no mal gusto e na deformación do propio. En Uxi, te llama Ci, hai moito da nosa maneira de ser, unha falsa restitución do que é de noso. Outra vez a aparencia, un querer ser a medias. A min seméllame o mesmiño que facemos cando usamos bidóns de leite decorados como paraugueiros ou chantamos un hórreo no medio dun xardín urbano.
Eu dígolle aos meus posibles lectores que é bo gardar un anaquiño de memoria, unha pequena hemeroteca das orixes propias. A miña familia aínda é coñecida pola zona como “os de Roque”, pola sona dun ascendente que deixou impronta na memoria colectiva. E canto non che debemos, Ro!
O certo é que esa utilización folclórica da lingua discorre por moitos outros lugares insospeitados, de maneira perversa e lenta, ás veces invisible. Hai mozas cantareiras que botan coplas populares entre pandeiretas e aturuxos ancestrais, que cantan con seseo e gheada imitando moi ben os sons guturais dos nosos vellos, pero despois de botar o canto, saen falando en perfecto castelán, mesmo usando ben os tempos compostos!! (Por máis que rosme o señor Mas).
Perez Rei, Mariña
Perez Rei, Mariña


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES