Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nin can nin conciencia

miércoles, 12 de octubre de 2011
Confeso que teño unha sensación de impotencia cada vez que un aparece diante e xa fago o resto da viaxe con mal corpo, pero o caso é que se converteu no máis común das visións ese vulto sanguinolento, ese pequeno cadáver esbandallado no medio da estrada. Ás veces, depende da duración da viaxe, non é un senón varios os que se nos presentan, multiplicando o malestar e facendo aflorar o sentimento de que calquera día podes ser ti o que deixe constancia do teu paso esmagando a un na calzada. Teño visto ata algún cadáver de ourizo cacho, pero o certo é que a maioría das vítimas adoitan ser gatos e cando non, cans.

Calquera día puido ser o pasado xoves volvendo de Santiago. Non era tarde, pero xa era noite pecha. Non pasara dos quince quilómetros cando albisquei diante unha sombra. Adoito conducir amodo e moito máis de noite. Iso foi o que me librou de converterme nun canicida, que aínda que involuntario, habíame rillar a conciencia. Ao ver diante de min aquel setter confuso polos faros, primeiro unha agulla fría percorreume as costas, pero logo de que reaccionou e cruzou a calzada respirei tranquilo. Momentaneamente, porque axiña a lóxica alertoume de que non era normal que o can aquel estivese a aquela hora, naquel lugar, só e solto.

Estaba afeito a que os abandonos se producisen no verán e tardei un chisco en caer na conta, pero logo toda a viaxe a pasei maldicindo o amo do que comezaba a súa andaina de vagabundo, daquel amo que o desamou ou que quizais nunca o quixo máis que un móbel que xa se aburriu de ver e decidiu desfacerse del.

Cada vez é máis doado ver nas cidades e nas vilas xente que leva pola correa cans de aspecto e orixe exótica. E non dubido que haxa unha pequena porcentaxe que sinta verdadeiro amor polo animal que pasea, pero a gran maioría -é doado notalo- utilízao sobre todo para fachendear, e razón tan banal para ser dono e responsábel dun ser vivo, seméllame perigosa.

O resto da viaxe paseino facéndome preguntas verbo da persoa que abandonara o can do tipo: Quererá a súa familia?, e os seus amigos?, que lles dirá se lle preguntan polo can?, que o atropelou un coche?, que llo regalou a alguén?, ou quizais é que a súa familia é cómplice e o do abandono foi unha decisión consensual?

Cando haxa maneira de controlar a pertenza a un dono, a lei debe de prohibir que os que abandonaron poidan volver ter baixo o seu cargo un animal doméstico.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES