Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dereitos ou privilexios?

jueves, 06 de octubre de 2011
A instalación na tribuna pública do asunto das axudas que veñen percibindo dende hai case dúas décadas os funcionarios do Concello de Ourense (axudas semellantes, cando non de menor calado -todo hai que dicilo, tamén no seu descargo- ás de outras moitas administracións, locais ou non), abre diversas vías posibles de debate sobre as que non vou renunciar a reflexionar por estar a metade da miña vida -non sei se o anverso ou o reverso- relacionada co ámbito da Administración.

Neste caso concreto, abre un debate que nunca se levou a cabo, que eu lembre, sobre o papel dos denominados "concelleiros non electos" nas corporacións municipais das capitais de provincia e das grandes cidades. (¡Ai!, os eufemismos na política, qué importantes son..., pois a lei para a modernización do goberno local chámalles "coordinadores generales", pero nunca concelleiros).

Como tamén abre un debate sobre a idoneidade de que deba ser precisamente un xestor que non conta co aval representativo amparado por unhas eleccións, o que se encargue da coordinación do cadro de persoal dun concello.

Pero, estes dous deixareinos para outra ocasión, porque hoxe sobre o que me quero centrar fundamentalmente é sobre o fondo da cuestión, dando por entendido, polo tanto, que o que fago é botar man da actualidade -é dicir, do Concello de Ourense- para falar da dinámica que durante todos estes anos nos que vivimos coma novos ricos promoveron practicamente tódalas administracións, concedéndolles ós seus asalariados unha serie de beneficios que pouco a pouco foron sendo tomados polos beneficiarios como dereitos (¡Ai! os eufemismos na política, qué importantes son...) e que non deixan de seren uns privilexios dos que, con diñeiro de todos, gozan uns poucos polo mérito único de traballaren na Administración.

Por qué, pregunto, un veciño de Ourense que tivo a sorte, os coñecementos ou o que fora, de aprobar no seu día unha oposición, cando quere ir dar unhas brazadas á piscina dos Remedios –poño por caso- ten que pagar menos có veciño da porta do lado, que se cadra non ten traballo, pero tampouco ten disculpa para non cumprir coa institución cada vez que lle chega un recibo, sen que aquela lle perdoe un "patacón".

E con qué dereito de cuna (pregunto, porque tamén andan desta volta alporizados) o fillo dun funcionario da Consellería de Educación -é dicir, dun mestre- podía estudar ata o de agora a súa carreira sen pagar un ichavo, mentres as miñas fillas -ou os seus varóns- teñen que aboar cada crédito de cada materia se mañá desexan contar cun título que lles permita un futuro mellor.

Por qué lles chaman, entón, dereitos, cando todos sabemos que son uns privilexios para os que agora –¡qué lle imos facer!- non hai “cash flow”.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES