Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Experiencias polbeiras

miércoles, 05 de octubre de 2011
Sendo os callos, dos que xa teño falado, un dos nosos pratos de feira por excelencia, non quixera deixar de lado o que o é por antonomasia: o polbo.

Nunha época do ano como esta na que a axenda de festas gastronómicas no país semella non ter físgoa para meter un bocado máis, anda tamén, como non!, o noso máis prezado cefalópodo. Ás veces acompañando a súa familia marisqueira, ás veces en nome propio, como foi non hai moito na vila de Mugardos, onde todos os anos se lle celebra festa e se lle fai particular avío, xa que preferentemente un pode desgustar o octópodo ao estilo do lugar, é dicir, á mugardesa. Trátase, en síntese, de guisar o molusco e culminalo cun refrito. E polo medio cada un engade ingredientes á súa maneira. Esta variante é digna de ser tida en conta como tal, aínda que eu confeso que de todas as maneiras a miña favorita é a que non hai moitos anos se fixo popular no país e que non é outra que a que con toda a propiedade se denomina á grella.

Así e todo, non podendo ter máis opcións que unha, ningún comedor de polbo cambiaría o tradicional estilo á feira por outro, e aínda que a súa sinxeleza aparente é moita, se se quere facer desta maneira como está mandado, ha de terse en conta, ademais do punto -primordial-, que o cortado dos tentáculos ten que ter unhas dimensións mínimas, que deberán de cortarse as talladas unha miga ao nesgo, que hai que escorrerlle toda a auga antes de aderezalo e que tal labor ha de facerse con sal gordo, de salmoira, con aceite de oliva de calidade e pouco refinamento e cun pemento picante que teña a cor viva, dea bo sabor e non sexa “queimón”, para que poida estenderse polas talladas sen que periguen o padal e mailo estómago do comensal.

E dende logo o que xa ninguén discute é que sendo o polbo un produto do mar, onde acada a súa meirande dimensión gastronómica é no interior. E para mostra de mostras está a coñecida festa que se lle fai todos os anos no Carballiño, onde se dan cita todos os polbófagos do país e o consumo de toneladas de tentáculos ese día acada cifras estratosféricas. O Carballiño, unha vila onde, como noutros lugares da provincia de Ourense, a xente ten por costume engadirlle allo cru picado ao aderezo tradicional.

Para un polbófago de sempre coma min, quizais a peor experiencia de toda a vida fose en Eivisa hai moitos anos. Filusmías, insípido e fritido con patacas. Como para anoxalo.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES