Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cuestión de hixiene

jueves, 22 de septiembre de 2011
Na época en que lle tocou vivir ao Golpe a maior parte da súa existencia non había un sistema sanitario público coma o actual que garantira a atención médica e moito menos que fomentase a hixiene e o coidado da saúde. A mortalidade infantil era elevada, non existían vacinas e os miúdos sufrían o xarampón, a tosferina, a varicela,… como enfermidades que había que pasar si ou si. Aos poucos médicos que exercían só se acudía en casos moi graves, pois para os nacementos existía a parteira e a extracción dunha moa corría pola conta do barbeiro. O resto das doenzas paliábanse coa menciña natural a través de curandeiros que receitaban herbas e bendicían males tanto das persoas coma dos animais domésticos.

Doutra banda, os temas de saúde e hixiene tampouco eran susceptíbeis de seren tratados na deficiente escola da época, como ocorre actualmente. A primeira lei de educación que tenta organizar un sistema educativo en España é a Ley de Instrucción Pública de 1857, promovida por Claudio Moyano, sendo este Ministro de Fomento, e asinada por Isabel II o 9 de setembro dese mesmo ano. Esta lei permanecerá en vigor máis dun século, sendo obxecto de certas reformas dependendo do bienio gobernamental de cada momento (liberal ou moderado) e da forma de goberno (monarquía, república ou ditadura), que por todas pasou o país. Mais ningunha das súas modificacións engadiu aos programas en cada intre a Educación para a Saúde.

Tampouco a Ley General de Educación promovida polo Ministro Villar Palasí en 1970, de substitución da anterior, incluíu no seu articulado programas explícitos desas materias. Só na época da ditadura, e só a muller, tivo acceso a coñecementos rudimentarios sobre estes temas a cargo da Sección Feminina a través do “campamento” ou servizo social ao que estaba obrigada.

A toda esta ignorancia hai que engadir a falta de medios. Non existían cuartos de baño, nin xabón nin deterxentes, apenas auga de traída nas cidades máis poboadas e fontes e pozos a onde acudir por ela nos pobos, que tamén carecían de recollida de augas fecais. No medio rural a escaseza aínda era maior.

A casa, en xeral, mantíñase limpa a base de vasoira para o chan de lousa ou terra e de pedra e area, para a madeira de pisos e mobles. A roupa lavábase no río con xabón feito na casa con graxa vella, sosa cáustica, talco e azulete; A louza con xabón e carqueixas, actuando en ocasións como desengraxante o mel.

Lembro no cuarto da casa do tío José unha trapela de madeira que tapaba un burato que daba á corte. Un día pregunteille para que servía e dixo que era o retrete. Na casa da avoa non había tal cousa: para mexar polas noites usabamos penicos. Pero polo día era a corte (para augas menores) e a horta (para aliviarse do corpo), usando unha verza ou unha presa de herbas ou felgos como papel hixiénico, o que facía as veces de cuarto de baño.

O aseo persoal non era moito máis completo. Cada certo tempo a xente lavábase nunha tina de zinc con auga temperada e “por parroquias”, mudando tamén a roupa interior. O aseo diario consistía en lavar a cara na palangana que había no cuarto. Os cepillos de dentes non se coñecían e a pasta dentífrica tampouco.

Era unha época na que unha pastilla de “xabón de olor” supoñía un dos mellores agasallos, xunto cos panos das mans, para aniversarios e onomásticas. Aínda eu lembro de nena o cheiro do heno de Pravia “el aroma de mi hogar” como cousa excepcional. Non en todas as casas tiñan eses luxos.
Lamas, María Xosé
Lamas, María Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES