Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pseudoprogresos actuais

miércoles, 21 de septiembre de 2011
Levo moitos anos ouvindo a palabra progreso cun sentido entre perralleiro e zarrapastroso, razón pola cal cando alguén bota o vocábulo a pacer, trato de escapar a facer algo urxente que tiña esquecido. Supoño que é sobre todo a televisión, en prol do consumo, a que propicia que a xente acepte todo o novidoso sen cuestionar a calidade e utilidade do que se lle ofrece. O razoamento simplista vén sendo así: se algo é novo é un paso cara a diante e todo o que supoña avanzar é progreso. A ninguén lle dá por pensar que ese paso poida ser dado cara ao baleiro dun precipicio ou, sendo menos dramático, o primeiro polo camiño que leva á infelicidade.

O que moitísimas veces se ampara baixo esa palabra, de efectos máxicos no cerebro da xente, na maioría dos casos non pasa de ser unha chilindrada presentada dunha maneira distinta á habitual e non algo que engade un valor ao que xa había de cara ao desenvolvemento humano, que ese si debería ser o verdadeiro senso do termo en cuestión. Por poñer un exemplo de algo achegado a todo o mundo, como pode ser o asunto alimentario: a existencia da chamada fast food e da repostaría industrial pode considerarse un logro do progreso? Hai anos nesta terra había unha cota de xente repoluda e ata unha de ben mantida, pero non era doado atopar nenos obesos a esgalla como en calquera rúa de New York.

Con este único exemplo é doado caer na conta de que o que á xente lle fixeron conceptuar como progreso é unicamente globalización. E como nos sigan comendo o tarro, dentro de pouco tempo todos no primeiro mundo nos pareceremos cada vez máis, todos teremos as mesmas aspiracións, o mesmo desarraigo cultural, as mesmas conversas bocexantes, o mesmo aburrimento existencial e o mesmo idioma, que por suposto xa non será o noso.

Se o progreso ben entendido existise na proporción na que adoita empregarse a palabra, vai boa que faría que deixara de haber fame e necesidades no mundo, saberiamos que na diversidade está a beleza, que é máis satisfactorio inspirar que aspirar e que as pedras do camiño son para sentar e contemplar o que nos rodea. Se o verdadeiro progreso existise, volveriamos meditar sobre o sentido da vida.

O progreso ben entendido apoia sen fisuras unha merenda infantil de pan con queixo da nabiza e marmelo preparada por unha nai e non un merdicao deses que vén de xalundes, colesterólico e indigno da menor confianza.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES