Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A importancia dunha letra

miércoles, 14 de septiembre de 2011
Eu coido de que o primeiro que un debe facer cando pasa por un lugar que non lle é propio, se quere situarse, é fixarse na súa toponimia. A pesar de todas as transformacións que na codia terrestre leva feito o home, aínda é doado recoñecer na maioría dos puntos xeográficos desta terra, a relación entre nome e nomeado.

Non digo eu que haxa que ter unha fe tan cega como a que tivera un amigo meu na súa xuventude para viaxar ata a asturiana Villaviciosa crendo que alí ía atopar algo semellante a Sodoma ou a Síbaris, pero sobre todo a toponimia miúda que define calquera elemento xeográfico que rodea un centro de poboación, ademais do nome propio deste, adoita situar ao que vén de fóra.

Os topónimos case sempre sinalan elementos xeográficos, pero incluso poden facer referencias históricas.

Neste caso do que quero falar do topónimo, hidrónimo neste caso, que define no noso idioma o chan, o elemento xeográfico, senón o cualificativo que o precede; chegando a Lalín, os meus ollos bateron cun ancestral: arroyo Chancelas. Así, con ese i grego que tan pouco ten que ver con nós. Aquí era o cualificativo o que facía a referencia histórica. Referencia a unha época negra que polo visto non dá pasado nin nos indicadores da estrada. Desidia ou intención?

Mesmo a palabra arroio, así, con i latina, está recollida nos nosos dicionarios para definir a auga de chuvia que corre con forza por unha canle natural; unha palabra que sendo correcta, ten sinónimos moito máis empregados xeralmente na nosa lingua, como enxurrada, regato, rego, regueira, regueiro e regacho.

Cando se dará conta a institución responsábel do importante que é corrixir estes detalles que a eles lles deben semellar insignificantes?

Xa metidos en hidrónimos e con ánimo de recobrar o optimismo neste artigo, venme á cabeza o espléndido letreiro que ten o Regato do Cepelo na autovía á altura do Outeiro de Rei de Manuel María. Cunha dimensión digna de anunciar o curso do Miño ou do Ebro. Sen dúbida é unha homenaxe ao poeta, como se sabe namorado desta minúscula lingua de auga. Unha lingua de auga que co seu subtil humor ameazaba ás veces con secuestrar o seu grande amigo Paco Martín cunha botella de tres cuartos.

E posto a lembrar, venme á cabeza outro poeta namorado fluvial. O da terra dos meus devanceiros Pastor Díaz. Por el se chama hoxe Landro e non Landrove o río que desemboca en Viveiro.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES