Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A España que habito

martes, 13 de septiembre de 2011
Se España fora unha película -e, analizando o panorama actual, non cabe dúbida de que os feitos superan á ficción- Almodóvar sería o director. No papel estrela -o do doutor Robert Ledgard- o equipo de goberno que, ao igual que o psicópata ao que dá vida Banderas, non ten reparo en operar, as veces que sexa preciso, a estraña criatura creada por el mesmo; un suposto Estado de Benestar ao que lle practican todas as alteracións que desexen -modificación da Constitución incluída- para facerlle un apaño chapuzas a modo de lavado de cara e sen o consentimento dos afectados, por suposto. Eles quedan condenados a gardar silencio e dirixirse con pánico cara o espello e se non lles gusta o rostro que lles devolve a mirada que boten man do estramonio para esquecelo. A fin de contas, mentres estean drogados e bailando con movementos convulsos entre as paredes dalgún mosteiro abandonado, non pensan, que é o perigoso.

E por se este método de alienación resultase demasiado evidente, cabe esperar a que Apple e Zara lancen as súas novas campañas de accesorios para a vindeira tempada ou a que Kiko Hernández chegue con novas historias de cama a modo de anestésico cerebral. Opio para as cobaias humanas e Rubalcaba Ledgard poderá seguir operando a pracer sen escoitar un chío.

Pero as cousas tampouco han de ser tan doadas, ¿non? Do contrario a película de Almodóvar carecería de suspense. Por iso hai que engadir algún elemento grotesco, propio do director, que sirva de obstáculo nos escuros propósitos dunha clase política que actúa sen escoitar as súas vítimas...é aí cando aparece o movemento 15-M, un feroz tigre de Bengala no papel de Zeca, fóra de control, disposto a violar a absurda criatura deseñada centímetro a centímetro polo equipo de goberno.

Un golpe duro e inesperado polo doutor Rubalcaba Ledgard, pois quen ía prever que apenas unha corentena de páxinas saídas do maxín do nonaxenario Stéphane Hessel estragarían millóns de pensamentos coidadosamente programados?

E peor aínda, quen ía prever que as pancartas destes hippies enrabechados ían percorrer o mundo enteiro sen nin sequera empregar a violencia? Dende logo, o doutor Rubalcaba Ledgard non pode permitir que tanta flor, tanta asemblea aberta e tanta palabra usada como única arma estrague os seus plans delicadamente deseñados e aplaudidos polo poder financeiro, o gran ditador, o mestre ao que venera. Así que saca os seus patrióticos doberman a pasear e a repartir porrazos a discreción mentres, para que os que aínda permanecen fieis á súa doutrina non teman e, sobre todo, non se subleven imitando o comportamento do resto de cidadáns, emprende unha campaña de desprestixio do movemento nos medios de comunicación.

Ai, Opinión Pública, qué ferramenta tan sutil e tan efectiva! E, cando a calma se restablece por fin, Rubalcaba Ledgard continúa capitaneando a operación a corazón aberto, abrindo novas feridas nunha criatura que chora a morte da súa identidade orixinal, mentres os que se resignaron a ser meros espectadores xa non saben se están ante unha obra de arte ou unha broma de mal gusto. Pero que os cidadáns-espectadores se poidan sentir desconcertados por unha película de Almodóvar non é grave, en cambio, que lles desconcerte a actuación da clase política e o cariz que está adquirindo un mundo decadente, si o é.
Pallares Vilar, Nerea
Pallares Vilar, Nerea


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES