Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vilalba é o centro do mundo

miércoles, 07 de septiembre de 2011
Pregón lido no acto de inicio das festas de San Ramón e Santa María 2011

Excmo. Sr. alcalde, señoras e señores concelleiros, autoridades, veciños de Vilalba, amigos todos:
Hoxe encontrámonos aquí para celebrar un acontecemento maior: as festas de San Ramón e Santa María de Vilalba. As festas, ou que diga, Vilalba, xa ten as súas raíñas e as súas damas de honra. E quixera para min a elocuencia de Don Ramón Otero Pedrayo para loar a raíña e o seu reinado, como el fixo nunha ocasión en Mondoñedo, cando dixo (e agora quixera eu tamén a súa voz e a súa poderosa presenza): “eu coido que neste intre ata aqueles máis terribles republicanos estoicos, aqueles que levantaron as sicas nas idus de marzo para matar a César, hanse de sentir monárquicos desta monarquía única, decisiva e definitiva para a beleza e para o porvir destas terras nosas de Galicia”. Pois así mesmo dito queda.
Este acto que estamos vivindo é certamente notable. Porque Vilalba inicia as súas festas cun acto dedicado á cultura e á literatura. E isto é ben pouco frecuente. Creo que é ben indicativo da importancia que Vilalba lle dá á cultura e á literatura.
Precisamente acabamos de asistir á entrega dos premios do Certame Literario, que hogano chega xa á súa XXXVII edición. Quero felicitar de corazón aos gañadores, e non só, pois tamén a todos os que participaron nel coas súas creacións; anímovos sinceramente a perseverar nos camiños da escritura, da imaxinación e da expresión. Moito do que vou dicir a seguir ten que ver co que vosoutros estades a facer. Estou seguro que entre vós está o novo Agustín Fernández Paz, o máis grande escritor que saíu de Vilalba e un dos grandes escritores non xa galegos, senón españois e europeos, ou un novo Manuel María, o poeta maior da Terra Chá, que sempre tivo Vilalba tan achegada ao seu corazón; ou, por que non?, un novo Álvaro Cunqueiro, que tal día coma hoxe de 1953 fixo un fermoso eloxio de Vilalba e destas festas. Espero de corazón que así sexa. Beizón a todos vós polo voso traballo e o voso entusiasmo.
Agradézolles fondamente ao señor alcalde de Vilalba, Xerardo Criado, e ao señor concelleiro de cultura, José María García, que me fixesen a honra de encargarme que pronunciase hoxe aquí estas palabras, como colofón deste acto de entrega dos premios do Certame Literario. Teño para min que esta deferencia non se debeu aos meus modestos méritos académicos, nin á miña escasa notoriedade social, senón sobre todo ao mérito principal de ser vilalbés.
E nisto acertaron, porque, aínda que, dos máis de cincuenta anos que teño, só pasei en Vilalba uns dez anos, cando me preguntan de onde son, a resposta está clara: son de Vilalba. Non só porque nacín en Goiriz, senón porque os anos que vivín nesta vila foron os da miña adolescencia, mentres facía o Bacharelato no Instituto Basanta Silva. Anos decisivos, nos que un se fai adulto, se forma e se define como persoa. Eran, ademais, tempos moi activos e ilusionantes, os anos do final da ditadura e o comezo da transición. Daqueles anos gardo, quen non?, moi gratos recordos, de amigos, de compañeiros, e tamén dalgúns profesores, todo hai que dicilo. E de moita outra xente de Vilalba.
En Vilalba sigo tendo moi bos amigos, ademais de familia moi próxima, que me fai manter vivos os lazos, e que me fai volver aquí, sempre e cada vez con máis morriña.
Despois, grazas ás bolsas previstas pola Ley General de Educación, e sobre todo á axuda de meus pais e de miña irmá Luz Divina, puiden seguir facendo o que máis me gustaba: estudar. E como eu era de familia modesta, non estaba obrigado a ser avogado, nin médico, nin ningunha profesión importante. Así que me dediquei a estudar e a traballar sobre a cousa máis bonita do mundo, ou así o sinto eu: sobre a lingua, sobre as linguas, e sobre a miña propia lingua. Poida que esta expresión pareza esaxerada, pero así é como o sinto, e explicarei por que.
Aristóteles definiu o home como “ser vivo dotado de palabra”, e despois del, moitos filósofos, psicólogos e lingüistas defenden que a lingua é o que nos fai humanos. Esta afirmación non só está fundamentada en que a lingua, a comunicación por medio de códigos lingüísticos, é privativa da especie humana.
Non sabemos desde cando falamos os homínidos. Os paleoantropólogos din que os homínidos comunicámonos por medio de códigos lingüísticos desde hai máis ou menos un millón de anos, e parece bastante claro que a lingua tivo un papel decisivo na evolución da humanidade da que somos parte.
Mais sen saírmos da nosa experiencia directa, cando nacemos recibimos a maior parte dos coñecementos básicos para a nosa existencia e supervivencia a través da lingua, e a lingua é o que fai posible a existencia das sociedades humanas. Ademais, a lingua tamén é a base do coñecemento, da ciencia e da especulación filosófica. Noutras palabras, a través da lingua tratamos de entender o mundo que habitamos, e a vida que vivimos. Por medio da lingua tratamos de entender o sentido da nosa existencia, de explicarnos a nós mesmos.
A lingua forma parte da nosa esencia, pois, como humanos. É algo que compartimos con todos os restantes membros da humanidade. Todos os seres humanos, agás casos de disfunción neurolóxica grave, temos un código lingüístico completo e plenamente desenvolvido. Pero ao mesmo tempo é o que nos fai diferentes, o que nos individualiza, pois cada un de nós ten trazos específicos que poden ser recoñecidos (e niso traballa a lingüística forense), e tamén o que nos fai sentir membros dun grupo. Forma parte principal da nosa identidade como individuos, e como membros dunha colectividade.
Cítase moitas veces a frase de Castelao que di que “se aínda somos galegos, é por obra e gracia do idioma”. Esta intuición de Castelao pode ser corroborada pola lingüística moderna.
Hoxe calcúlase que se falan no mundo unhas 6000 linguas. Destas só se escriben pouco máis dun cento. A maioría é falada por comunidades moi reducidas, e moitas están en grave perigo de desaparición. Calcúlase que cada semana desaparece unha lingua, é dicir, que morre o último falante capaz de comunicarse nela de maneira fluída. Para dentro de cen anos desas 6000 linguas só quedarán entre 600 e 2000.
Isto quere dicir que a diversidade lingüística e cultural da humanidade está en serio perigo. Porque a desaparición dunha lingua leva consigo a perda de información moi importante para reconstruír a historia da humanidade, e ademais pérdese moita outra información útil, sobre animais, plantas medicinais, sobre nichos ecolóxicos que eran coñecidos por esas culturas e que estaban codificados nesas linguas.
A humanidade está cada vez máis concienciada, afortunadamente, da perda da diversidade biolóxica, da desaparición de especies animais e vexetais, pero non o está de igual maneira da perda da diversidade cultural e lingüística. Mesmo algúns avogan abertamente, en nome dunha concepción equivocada do progreso, pola uniformización cultural e lingüística, e propoñen un mundo que fale unha, dúas ou tres linguas, como un obxectivo desexable.
Permítanme contestar a isto coas palabras dun coñecido lingüista inglés, David Crystal, que poden moi ben representar o estado de opinión dos lingüistas sobre este asunto. Nun libro titulado O inglés como lingua global, despois de analizar as causas, o proceso histórico e o posible futuro do predominio do inglés no mundo moderno, conclúe dicindo: “Dentro de 500 anos, pode que a todos os nenos lles aprendan a falar en inglés xa desde o seu nacemento. Se isto forma parte dunha rica experiencia multilingüe para os nosos futuros nenos, será unha boa cousa. Mais se para daquela o inglés é a única lingua que segue falando, será o maior desastre intelectual que o planeta coñeceu nunca”.
O galego, polo de agora, non é unha lingua en perigo de desaparición. Dixen antes que hai unhas 6000 linguas no mundo. O galego por número de falantes está entre as 140 primeiras. Ten unha literatura escrita desde antigo, e cun cultivo considerable na actualidade. A pesar das dificultades que todos sabemos, está ben incorporada ao mundo de hoxe, e o seu uso en internet é moi importante: por número de páxinas en internet ocupa o posto 37 entre as linguas do mundo. Comparemos estes números coa porcentaxe da poboación galega ou co que representa o PIB galego no mundo, para decatarnos das magnitudes. A pesar da internacionalización crecente destes ámbitos, en galego faise ciencia, e ciencia de alto nivel.
Mais tamén é certo que a situación da lingua de Galicia non é boa, coa persistencia de prexuízos negativos e con perda continua de falantes. Ademais algunhas medidas negativas adoptadas recentemente pola Xunta de Galicia agravaron a situación. É dicir, non está en perigo, pero a situación actual e as medidas adoptadas fan que sexa unha lingua ameazada.
Unha xornalista preguntábame hai uns meses: “Que podemos facer?”. Os movementos ecoloxistas fixeron coñecido hai uns anos un lema que resume toda unha filosofía de acción: “Pensa globalmente, actúa localmente”. E neste caso, da mesma maneira ca no da preservación da diversidade biolóxica da vida sobre a terra, as accións máis importantes empezan á porta da casa, ou mellor aínda, dentro da nosa propia casa.
Que facer, pois? As linguas só existen e se desenvolven no acto de falar. Por tanto, falala sempre que nos sexa posible. E sobre todo falárllela aos nosos fillos.
Afortunadamente a lingua é un pouco diferente en cada lugar, e tamén o galego que falamos, sen que iso impida a comprensión máis ou menos perfecta con calquera falante doutro lugar de Galicia. Tamén temos que coidar a diversidade dentro do galego. Hai un galego común ou estándar, que é o que se ensina nas clases de galego, o que se escribe, o que se oe nos medios (e non vou falar aquí nos problemas de contacto co castelán). Convén coñecer esta variedade de galego, claro, porque é a que se nos vai pedir para certos usos, sobre todo escritos.
Pero iso non quere dicir, en absoluto, que o galego que falamos os vilalbeses sexa peor ou menos valioso. As variedades non estándar moitas veces teñen precisións e distincións útiles das que as linguas literarias carecen. E así ocorre tamén neste caso: en Vilalba distinguimos ben o ollo (dunha planta, dunha ferramenta) do óllo (o órgano da visión), cando o resto do galego non o fai; para un de Vilalba non é o mesmo un rego (feito polo arado nunha leira, por exemplo) ca un régo por onde corre a auga, cando o galego estándar non diferencia estas dúas palabras.
O galego de Vilalba e doutras terras veciñas ten, ademais, outros trazos orixinais que o enriquecen e que o fan único: cando dicimos faigo, faiguèmos, poño por caso. Ou cando dicimos deligras ou teligras para o que tamén dicimos cóxegas. Ou a marca de pronome persoal que usamos ao dicir faigoi, levoi, deixài, deixòi, que é un fenómeno innovador que segue sendo misterioso para os lingüistas.
Nas nosas, nas vosas mans está que esta lingua, esta variedade, teña continuidade e siga innovando e enriquecendo o galego e, ao cabo, a diversidade lingüística do mundo.
Porque non hai oposición entre local e universal. O local tamén é universal, porque todos habitamos o mesmo universo, o mesmo planeta. E o que fagamos na escala local ten repercusión.
Dicía José Saramago, o premio nóbel de literatura, para falar de Lisboa, a súa cidade, que “Fisicamente, habitamos um espaço, mas, sentimentalmente, somos habitados por uma memória. Memória que é a de um espaço e de um tempo, memória no interior da qual vivemos”. Desa memoria que habitamos son testemuño por exemplo os monumentos históricos e arqueolóxicos, dos que Vilalba ten un rico patrimonio, e que trazan a historia dos habitantes deste territorio, desde A Pena Grande de Bordelle, ou a Roza das Modias en San Xoán de Alba, e de maneira conspicua a torre da homenaxe que é símbolo da vila. Tamén a lingua que falamos ou a literatura de tradición oral nos pon en contacto con esa memoria, coa memoria dos nosos devanceiros. A lingua e a cultura tamén son patrimonio, e atreveríame a dicir que é o patrimonio colectivo máis valioso que temos, a obra colectiva máis importante que o noso pobo construíu nestes dous milenios, e segue viva e activa aínda hoxe. Este é un patrimonio dos vilalbeses e de toda a humanidade.
Mais o patrimonio cultural non é só a lingua e a literatura, senón tamén moitos outros aspectos da nosa vida colectiva, coma as festas e celebracións. E estas festas de San Ramón e Santa María de Vilalba son un patrimonio que compartimos e que sentimos como propio os vilalbeses.
As festas patronais, a carón do seu evidente sentido relixioso, teñen, como é sabido, outras funcións. Por un lado, as festas anuais marcan o paso do tempo, e sobre todo a repetición cíclica das estacións. Agora, coas festas de San Ramón e Santa María, un novo ano comeza en Vilalba, e no mundo. Porque, nos tempos de hoxe e na sociedade urbana da que formamos parte, o ano comeza realmente o 1 de setembro, aínda que o cambio de calendario se faga o 1 de xaneiro. E por outro lado, e sobre todo, estas festas consisten en celebrar xuntos, cantar xuntos, bailar xuntos, ser todos uns: sentírmonos membros dunha mesma comunidade.
Así que, nestes tempos, en que as palabras que máis se oen son “crise”, “paro”, “austeridade”, temos que comezar este novo ciclo con confianza, con optimismo. Por iso, as festas desta vila de Vilalba, desta “raíña nun trono de fermosura”, en palabras de Manuel María, son un magnífico xeito de facelo.
Desde os tempos en que os nosos antepasados cazaban cervos na Pena Grande de Bordelle, ou que enterraban os seus mortos na Roza das Modias, ou des que empezaron a celebrar as festas de Santa María de Montenegro, a humanidade, os vilalbeses, pasaron por moitas crises, cambios e traballos. Mais aquí estamos, aquí seguimos.
E hoxe Vilalba xa non é unha aldea, nin unha vila cabeceira dun concello rural da periferia de Galicia e da periferia de Europa. Vilalba é unha pequena cidade que busca, que ten o seu lugar no mundo actual.
Hoxe estamos afeitos a oír que vivimos nunha “aldea global”, e temos boas probas cada día desde feito. Cando propuxo esta idea, hai xa case 50 anos, Marshall McLuhan escribiu que, no mundo actual, cada cidade do globo é o satélite suburbano de todas as demais cidades, e a única referencia rexional é o planeta enteiro, porque todos vivimos no que el chamou unha aldea global. O mundo de hoxe, interconectado non xa pola radio e a televisión, coma nos tempos de McLuhan, senón sobre todo polos computadores e por internet, é a confirmación da xenial idea do autor canadense.
Por tanto, non esaxero se digo que Vilalba é o centro do mundo, se así o sabemos ver. E nestes días de festa maior, Vilalba é o mundo. E o mundo chámase A Madalena, Campo da Feira, As Sete Pontes, A Porta de Cima, Praza da Constitución. E máis aló, porque de Monseivane a Xoibán, e de Soexo a Carballido, Vilalba está de festa.
Celebremos, pois, con alegría, festexemos e divirtámonos, sempre, como quería Manuel María, coa ledicia por bandeira.
E agora chegou xa o tempo de que vaia calando e a festa comece.
Moitas grazas pola súa atención.
Regueira, Xosé Luís
Regueira, Xosé Luís


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES