Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O galego é un idioma de luxo

miércoles, 07 de septiembre de 2011
A sociedade, por estar integrada por individuos, ten comportamentos semellantes a estes e o grao de verdor ou madureza da unha non é máis que un reflexo dos outros. Quizais a galega, por vicisitudes da súa historia estea neste momento a xerarse de novo. Seguramente por esa historia que nos oprimiu ata case exterminarnos, o xermolo que quedou de nós estea a vivir aínda a adolescencia. E como un adolescente, a sociedade galega, que nin sabe que o é (galega), trata de imitar o que con espurias intencións lle presentan como superior. Se a sociedade galega fose adulta, coñecería os seus propios valores e a súa personalidade propia non permitiría a manipulación á que se expón todo o que non sabe quen é.

Vén todo isto a conto dunha nova recentemente lida nun xornal que dicía que o gaélico, a lingua propia de Irlanda, un dos idiomas máis antigos de Europa e que ata hai pouco se daba por desaparecido, estase a recuperar dunha maneira asombrosa na terra dos nosos antigos irmáns celtas. Ao igual que aquí o galego, o gaélico, foi ao longo de moitos anos considerada unha lingua do campo e deostada a súa utilización polos que se consideraban adaís do progreso, que pensaban que o coñecemento do inglés excluía a necesidade de aprender o idioma propio do país. Como se o ser humano non tivese máis necesidades que a economía e o desenvolvemento! Pero o caso é que eles caeron da burra. Convertéronse nunha sociedade adulta e non conformes con recuperala, amósanlle a súa veneración e seica a elevaron a lingua de prestixio dentro do país. Así pois, non era tan desatinada a afección de aprendelo daquel Frankie Dunn interpretado polo sorprendente Clint Eastwood na película titulada Million Dollar Baby. Recolle a información, que desa considerada lingua morta como o latín ou o grego ata onte, pasouse do un por cento de falantes no século dezanove a un cinco na actualidade e di tamén que toda a poboación irlandesa está polo labor de recuperala. Para iso, os habitantes daquel país mandan os seus fillos ás gaelscoileanna, que é como se chaman alí o que aquí serían as galescolas.

Non seremos capaces de escarmentar en cabeza allea? A nosa lingua, ademais de ser de prestixio é un luxo que está ao alcance de todos. Un idioma que foi falado por xente de toda condición social. E aínda está vivo, comprenden? Vivo! Fagan o posíbel para que non se converta nunha delicatessen.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES