Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Interesante rede expositiva provincial

jueves, 01 de septiembre de 2011
Esoutro día tiven oportunidade de visitar o recentemente inaugurado centro expositivo dos alfareiros de Niñodaguia na compaña do presidente da Asociación de amigos do Barro desa localidade, Agustín Vázquez, un dos principais animadores deste sinxelo pero importante proxecto, tan necesario -por outra parte- para frear esa sangría que ten sufrido á localidade xunqueirá e que a ten levado a contar hoxe en día tan só con tres obradoiros abertos de entre as ducias e ducias que funcionaban décadas atrás.

A súa visita e sobre todo a conversa que mantiven con Agustín sobre os pormenores do pasado, o presente e o futuro da súa actividade artesá, trasladoume de contado á terra natal de meu pai, Vilanova dos Infantes, e ó seu centro (polas súas dimensións e polo seu contido non pode ser considerado un museo) dos zapateiros, que despois de ser aberto ó público o día 17 de maio, está agora á espera de consolidar unha iniciativa pioneira na provincia, como é a de implicar ós propios veciños de Vilanova, a maioría deles xubilados -e unha parte importante bos coñecedores do oficio de bater a sola- na súa xestión cotián, de forma que sexan eles e non un guía, os que lles poidan explicar os pormenores do oficio, a utilidade das ferramentas alí expostas, así como o resto do material que os propios veciños xenerosamente cederon para montala, ademais das moitísimas anécdotas que cada un deles garda nos petos do mandil de outrora, xunto co enigmático misterio que agacha no subsolo a adega de San Vivián.

Véuseme a idea ese, pola semellanza artesanal. Pero logo, cando volvín para Celanova fixen un alto para visitar a exposición de Moncho Borrajo na estación de Baños de Molgas e, cando na vella cantina do apeadeiro molgán me sentei a tomar unha cervexa e a sentir o relax do silencio, sen máis, de súpeto acordeime tamén da exposición etnográfica que o Padre Rivas ten no santuario dos Milagres, así como da rede de pequenos museos de Allariz, un pouco máis alá; alén do propio centro dos zapateiros e da Casa dos Poetas, en Vilanova e Celanova respectivamente.

E unha vez montado non meu corcel mental, seguindo o curso do río Arnoia decidín continuar camiño cara Ribadavia para "visitar" o Centro de Interpretación da Cultura Sefardí e o Museo Etnolóxico do Ribeiro.

E uns quilómetros máis alá, deixando O Carballiño a un lado, o Museo etnográfico Olimpo Liste, en Oseira; e xa, finalmente, achegarme á capital e "colarme" no Museo Arqueolóxico provincial así como na pequena exposición de Arturo Baltar, por poñer dous exemplos.

E así, sen querer -e incluso sen contar coa exposición visitable de San Pedro de Rocas, por ser potencialmente mellorable-, "creei" unha rede expositiva circular que lle recomendo encarecidamente que faga -se é que non a fixo xa- porque non o ha defraudar.

Ora ben. Quen a coordinará? Velaí outra cousa para o que debería servir a Deputación provincial.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES