Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cando un rosado noso?

miércoles, 31 de agosto de 2011
Os amantes do viño e do noso, tivemos grande satisfacción non hai moitos anos pola recuperación do viño de sobremesa que nos é propio, o chamado Ribeiro tostado, que polo moi traballoso da súa elaboración desaparecera como produto do mercado. Un caldo ao meu parecer interesantísimo; un verdadeiro premio para o padal antes de despedirse da mesa. Un viño que por certo, nada ten que ver co que fan os nosos queridos veciños do Porto, de tanta sona no mundo, xa que o deles é un viño encabezado ao que se lle interrompe a fermentación con brandi para que non elimine os azucres. O noso tostado ten moito máis que ver co Sauternes francés, é dicir que se fai deixando que certa cantidade das uvas intervenientes cheguen ao estado de porriture nobre, que pasifiquen.

Tradicionalmente para facelo había que vendimar serodio e os acios ou ben pendurábanse nunha peza da casa ben ventilada ou ben botábanse riba da palla no alboio. Logo, alá polo inverno, prensábanse e había que agardar para poder catalo polo menos cousa de catro meses, debido á súa lentísima fermentación.

Tamén foi satisfactorio saber que hai aventureiros vinícolas atrevéndose a sacar ao mercado viños galegos de crianza, cando toda a vida se dixo que os nosos tintos non podían ser outra cousa que viños do ano. E é que eu coido que á hora de decidir se afoutarse a facer algo novo, debemos de dar por sentado, porque case sempre é así, de que ademais da do fracaso, unha aventura ten outras posibilidades tan incertas como gratamente sorprendentes.

Vén isto a conto de que sendo un país de produción vinícola con tradición, non semella lóxico que non teñamos a estas alturas ningún rosado en ningunha das denominacións de orixe. Sospeito eu que a culpa da súa inexistencia teña que ver cunha dobre confusión popular, calquera delas lonxe da realidade, que podería repercutir na súa acollida: a crenza de que clarete e rosado son a mesma cousa e crer que o clarete ten que ser un viño de mala calidade por definición. Para ir aliviando prexuízos, cómpre dicir que os rosados o son porque no proceso a uva tinta está macerando en frío coa pela entre seis e doce horas, pero logo a fermentación fana en limpo, coma os brancos. Encántanme os rosados de Navarra, como a Parker, mais os nosos veciños leoneses tamén fan un gorentoso empregando a uva prieto picudo.

Rosados tamén e etiquetados en galego, xaora.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES