Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O futuro de Galicia e o parasitismo

viernes, 19 de agosto de 2011
Galicia precisa dun nacionalismo moderno, instalado na realidade e coa aspiración de gobernar nas institucións deste país. Nun tempo recente, baixo o liderato de Beiras e de Quintana, o BNG, que agrupa nestes momentos a todo o nacionalismo, acadou altas cotas de poder, chegando a cogobernar Galicia de 2005 a 2009 donde fixo, globalmente, unha meritoria xestión; o mesmo sucede nos concellos donde goberna ou ten amplas parcelas de actuación: leva a cabo un traballo eficaz e rigoroso centrado na busca do benestar dos cidadáns. Quere esto decir que nesa organización hai xente formada, capaz e comprometida para construir un país mellor para os nosos sucesores.

Sin embargo, nos últimos comicios electorais a presenza do BNG nas institucións vai menguando de xeito alarmante. Perdeu o goberno de Galicia, numerosas alcaldías e concelleiros, e un grande número de votantes (só 260.000, moi lonxe dos 400.000 votos acadados nas eleccións autonómicas de 1997, cunha porcentaxe do 25% do electorado). Esta tendencia decrecente fai temer que esta forza política avance con rapidez cara o desastre e que pode converterse nun proxecto irrelevante e residual, sen capacidade algunha para influir nas decisións que afectan ao presente e futuro deste país.

Hai, polo tanto, un evidente paradoxo. Mentras o traballo realizado nas institucións resulta benéfico e está ben valorado pola cidadanía, nas confrontacións electorais hai un crecente abandono do apoio popular. Esta situación preocupa a moita xente, que desexa un nacionalismo forte e capaz que traballe pola mellora da nosa vida cotiá. Tamén preocupa aos militantes e dirixentes da formación que teñen amosado a súa frustración e desconcerto. Unha veintena de alcaldes veñen de publicar un manifesto no que reclaman “un punto de inflexión que permita a resintonía coa sociedade para avanzar no camiño de liderar o País”. Solicitan un debate interno que permita actualizar o discurso e deixar de estar instalados “nun pasado mitolóxico e nun futuro idealizado, tan lonxano que nin siquera se albisca”. Trátase dunha actuación oportuna e valente, absolutamente necesaria para provocar o imprescindible cambio de rumbo.

Máis cómpre sinalar que os riscos do BNG non están no corpo social nin na deslealdade dos electores. O perigo desta fronte está no seu interior e na súa estrutura interna. O BNG, herdeiro da ANPG, está integrado por diversas organizacións de maior ou menor volume e por militantes independentes. No eixo ideolóxico dereita-esquerda caben diversas sensibilidades, sendo o elemento aglutinador o nacionalismo. A convivencia interna das distintas correntes xera as inevitables tensións de todo grupo que precisa chegar a acordos. Pero no BNG existe un grupo organizado, a UPG, o máis poderoso e influinte, que non ten vocación de acordo senon de dominio. Trátase dun partido marxista, independentista e antieuropeísta, que se adxudica o rol do liderato e dirección do BNG.

Sen restar importancia ao papel protagonista que a UPG tivo na historia recente, hoxe a súa concepción da organización –fronte popular liderada por un partido dirixente-, as súas proclamas (“Galiza colonizada e asoballada”, “Estatuto nunca máis, bases constitucionais”) e o seu discurso –antiautonomismo, antiespañolismo, antieuropeismo-, pertencen ao pasado e non son útiles para construir o futuro de Galicia. Máis, con todo, a UPG domina a organización e utiliza todo tipo de estratexias para ter o control da estrutura interna en tódolos niveis.

No reino animal as relacións entre o seres vivos son de moitos xeitos pero, a efectos pedagóxicos, podemos reducilas a dous tipos: simbióticas ou parasitarias. As relacións simbióticas producen efectos benéficos para ambas partes mentras que nas relacións parasitarias un elemento sae beneficiado do perxuizo do outro. O mesmo pasa nas relacións humanas e nos grupos sociais. As relacións simbióticas cómpre fomentalas e alimentalas mentras que os parásitos deben ser combatidos. Doutro xeito o parásito debilita o organismo no que vive e faino traballar para os seus propios fins. Co devir do tempo a relación da UPG co BNG chegou a ser destas características, e está a producir un anorme dano á organización e ao país. Non vai ser doado reformular as relacións internas: a vocación de dominio está incrustada nos propios xenes da UPG. As demais organizacións e militantes integradas no BNG terán que elaborar unha estratexia conxunta para procurar acordos e relacións de igualdade.

De non ser así o BNG non terá porvir. Nesta altura do século XXI o que Galicia precisa é unha organización moderna, que coñeza e comprenda o país, que busque xestionar o poder público en beneficio dos cidadáns, que procure relacións de irmandade co resto dos pobos ibéricos e que vexa Europa como o escenario natural donde desenvolverse e progresar. De ser capaces de reconducir a actual situación, o BNG poderá ter un papel de liderato na construcción do futuro, que hoxe a sociedade non lle concede.
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES