Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A vinganza dos esquecidos

jueves, 18 de agosto de 2011
A violencia desatada en Inglaterra estos días pasados por unha xuventude enfurecida, non é cousa de bandas senon en tal caso de cuadrillas marxinais, independentemente dos adheridos atípicos que aproveitando a ocasión tamén sacaron proveito dos asaltos a tendas. É importante a diferenza entre banda e cuadrilla porque se nas primeiras o que impera é unha conduta criminal nas segundas o que as define son as condutas anómicas, pero non criminais como destacaba David Cameron no parlamento británico.

Unha banda constitúese por unhas persoas que se estruturan nunha organización con códigos, xerarquías, liderados, fins ou propósitos concretos e métodos de actuación criminais. As cuadrillas, pola contra, son grupos de mozos de semellantes idades, que viven na mesma rúa ou no mesmo barrio, coñécense de sempre, únense pola súa proximidade e características sociais, culturais ou étnicas e estabrecen unha relación de amizade solidaria na súa desesperanza. Ambas poden ser produto da marxinalidade, pero mentres as primeiras a súa marxinalidade levaos a delincuencia pura e dura onde atopan o seu estatus e a súa opción de vida, as segundas a marxinalidade afúndeos nunha situación sen saída, permanecendo nunha continua e perigosa frustración.

Polo tanto segundo a miña opinión, e polo visto e leido, o sucedido en Inglaterra é máis propio de cuadrillas que de bandas, estas xogan noutro campo máis subrepticio e máis eficaz para os seus intereses.

Foron sobre todo cuadrillas que sobreviven na pobreza, na desvalorización, na desestruturación, sen futuro ningún porque permanecen fora dos beneficios do sistema (o director de cine, Ken Loach, reflexou moi ben a vida e miseria destas persoas das cidades inglesas en varias das súas películas). Xúntanse sen saber que facer, actúan en función das súas necesidades de sobrevivencia, odian, culpabilizan, xustifican, e se fai falla tamén delinquen.

Mao Tse Tung no seu libro vermello sentenciaba “unha faisca pode acender unha pradeira”, evidentemente referíase a outro tipo de movemento, pero é aplicable a situación que se deu nas cidades inglesas. A morte en extrañas circunstancias por disparos da policía dunha persoa, que por ser un coñecido delincuente non deixa de ter o dereito á vida senon pon en perigo outras, produxo unha protesta popular diánte da comisaría do barrio de Tottenham en Londres, considerando o feito un homicidio policial. A partir daí correuse polas blackberry o feito. A faisca acendeu a pradeira e un bulebule de cuadrillas barriais puxéronse en movemento dun xeito desaforado.

Foi cando, os ata entón invisibles se visibilizaron, tomaron as rúas, os barrios de Londres e doutras grandes cidades inglesas, alí onde a marxinación é máis acumulativa, e fixéronse os seus donos. E isto, penso, foi o esencial para eles. Conseguir por un par de días, ao menos, un poder que nunca tiveron. Facían ao seu antollo, atemorizaban, destruían, roubaban, queimaban sen que ninguén lles parase, nin o propio Estado cunha policía en principio totalmente en retirada. Por un tempo foron os amos da cidade. Os ninguén foron alguén. Protagonistas da atención mediática internacional e polo tanto coñecidos en todo o mundo. Era, dalgunha forma, o medio de expresar ese poder, do único xeito que eles sabían facer para ser oidos dende a súa exclusión social, dende a súa subcultura da marxinalidade onde a conflitividade forma parte da cotidianidade das súas vidas.

Posteriormente, tranquilizadas as cousas, unha nutrida manifestación de cidadáns tivo lugar nun destes barrios de desherdados onde leíase na pancarta que levaban “Give our kids a future!” (Dádelles aos nosos rapaces un futuro).

Verdadeiramente expresiva do que pensaba esta xente do fondo do ocorrido, a pesar da manipulación do pé de foto do xornal “El País” que trataba de confundir unha oposición crítica cara o gobernó inglés cunha protesta unicamente contra os disturbios.

De certo, que o vandalismo pola súa brutalidade hai que reprimilo por moita explicación social que teña, pero reprimilo non é solucionalo, isto é unha cuestión política, porque o miolo está nas desigualdades sociais, agora agravadas coa crise, onde a pobreza convive cunha desmedida opulencia, “os verdadeiros saqueadores son os banqueiros” dicía outra daquelas pancartas. Como pode consentirse que unhas persoas sobrevivan na miseria económica e o abandono social e outras gañen varios millóns de euros ao ano por ser membros dun consello de administración dun banco ou dunha grande empresa onde non teñen nada que facer? Mentres o capitalismo sexa cada vez máis depredador xerando maiores desigualdades, os esquecidos seguirán lembrándonos, da maneira que saben, da súa existencia. E hai para rato, porque unha significativa porcentaxe dos detidos eran menores de idade, polo que se ve que xa hai un importante relevo xeracional coas mesmas pautas de conduta que os seus maiores, para continuar coa desfeita dunhas comunidades sen alternativa.
Muñiz, Ramón
Muñiz, Ramón


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES