Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Algunhas reflexións sobre poesía

miércoles, 17 de agosto de 2011
Resúltame estraño que así como os non demasiado avezados recoñecen rexistros poéticos en textos en prosa, haxa lectores experimentados que non perciban con tanta facilidade que están a ler como tal, algo que non é poesía. A inaprensibilidade do concepto é tanta, que se presta a todo tipo de aventura experimental coas letras, e ese é o seu mérito, porque sen dúbida ese é o seu obxectivo, pero que se preste a ser un caixón de xastre, no que poden caber as máis variadas e insospeitadas voces e formas, tamén serve para que nesa súa xenerosa andorga entren elementos que non aportan nada ao seu ilimitado afán de reinventarse.

Malia que persoalmente sempre fixen distingo entre textos en verso e poesía, incluso na miña escrita, semella que esta diferenza que eu establezo, dende e para min mesmo, non concorda co sentimento xeral. Moitas veces, nos últimos tempos, cando se fala de poesía estase a falar máis de habelencia verbal, de coñecementos, de subterfuxios formais e de facilidade rítmica, que de sentimentos, que de emocións. Quizais porque esas obras das que se fala carecen deles/delas ou están tan en segundo plano que resultan apenas perceptíbeis.

Considérome un radical partidario do escándalo; digo máis, considero que a poesía é o xénero máis propicio e axeitado para facer as máis desaforadas loucuras, as aventuras máis impensábeis, pero a loucura e a aventura teñen que estar moito máis no contido do poema, que na maneira de colocar os versos ou no feito de utilizar hermetismos nos que non se tarda en evidenciar que non gardan nada tras de si. Neste tempo estase a falar moito e ben fóra dos nosos lindes da nosa poesía . E é certo que hai un bo fato de voces orixinais que arriscan na procura dunha voz propia, que é o que eu entendo que cómpre -iso e a emoción, claro-, mais hai outras voces que me semellan puro convencionalismo. Que non me achegan nada. Dicía un poeta noso hai pouco nunha entrevista que tiña a sensación de que neste país había moita poesía clonada. Coincido con el. Ás veces, moitas veces, ao coller algúns libros de poemas, un ten unha fonda impresión de déjà vu.

Se tivese que dicir que poesía é a que me gusta, recorrería ao idioma do viño e diría que sendo importante o buqué, os matices da cor e o sabor que deixa no paso por boca, o que máis me interesa dela é o arrière-goût. Afortunadamente tamén temos desa pero, ollo, da outra, moita.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES