Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha billa no teto das vacas

martes, 16 de agosto de 2011
Por máis que mo expliquen, nunca lograrei entender ese principio polo cal a Unión Europea decidiu colocar unha billa no teto das vacas co fin de regular a producción de leite e que os animais non foran munguidos de máis, non fora ser que os gandeiros galegos se puxeran ricos tan pronto entraramos a formar parte dese mercado común que transformou as nosas inmensas pradeiras en monte e alimento para a praga interminable dos lumes de verán.

E nunca lograrei entendelo, por máis que me prediquen "padrenuestros" económicos que falan da relación prezo-producción, da regulación dos mercados e de non sei cantas andrómenas macroeconómicas máis, porque cada vez que falo diso e lle vexo a cada vaca catro billas virtuais impedindo que das súas ubres saia todo o leite que teñen dentro, sempre penso en multitude de imaxes esfameadas -normalmente negras e de nenos- de multitude de países de África, que serían inmensamente felices se cada día tiveran a oportunidade de cumprir co mesmo ritual que nós celebramos mecanicamente cada mañá, como é o de tomar unha taciña dese líquido alimento tan asociado á vida, e que nós lle negamos por cumprir con ese falso mandamento fariseo da regulación do mercado que pronto teremos que reinventar.

Pois ben, igual que nunca entenderei que medio mundo (ou se cadra un terzo) estea regulando a producción de alimentos para controlar os seus prezos mentres os dous terzos morren de fame, tampouco entenderei (por máis que teña rango de lei) unha noticia que lin onte nos xornais e que fala de que a Consellería de Medio Rural vai iniciar a comunicación de apertura de expedientes a 151 viticultores e 15 adegueiros galegos por teren un exceso de producción de uva na colleita de 2010.

Pero vamos a ver... Os enólogos, os productores, os investigadores e todos cantos teñen que ver co sempre complexo proceso de nacemento e maduración da uva, así como co da fermentación do viño e demais, non estudan toda a vida e traballan sen descanso para ver cómo conseguir o máximo rendemento dunha viña co fin de facer o máis rendible posible a explotación? E facer que unha explotación vitivinícola obteña a máxima rendibilidade non é directamente proporcional a producir -e vender- o máximo número posible de botellas de viño? Entón -e perdóeme, benquerido lector, tanta ignorancia supina-, a qué ven ter que castigar a un productor porque os acios que apañou na vendima, no canto de teren nacido cun mangado de vagos, naceran cun mangado e medio ou máis?
Din, ademais, no comunicado da Consellería, que este tipo de prácticas (a saber, producir de máis) "supón un dano para a imaxe e o pretixio do viño galego en xeral".

En fin... O das billas no teto das vacas mentres en África morren de fame sen querérmonos enterar.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES