Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Naceu Antía

viernes, 12 de agosto de 2011
Na primeira xornada deste mes de agosto, pasados uns días da data prevista, naceu Antía, a nosa neta. Agardou pola entrada da lúa nova para asomarse ao mundo. Chegou chorando, con enerxía, como corresponde ao momento. Viña con fame e desde o primeiro instante reclama e busca o peito con voracidade. A nai está exhausta pero feliz. Ambolos dous pais arrastran o cansazo destas últimas noites sen durmir. Os avós, cando nos xuntemos todos, celebraremos o acontecemento con viño do Ribeiro, de colleita propia.

É unha nena desexada e vai estar rodeade de moito afecto, alimento principal para medrar con saúde. Vai ter ao seu dispor unha casa con gatos para comezar a exploración da vida. Vai xogar á beira dunha horta con froita, e poderá aprender a amar a natureza. Imos procurar que a súa infancia sexa un tempo de ledicia que lle sirva para ser unha muller alegre, xenerosa e forte como a súa nai.

Neste tempo incerto non se poden xerar inalcanzables expectativas de futuro, pero tampouco se debe, nunca, renunciar ao esencial. Antía vai ter o preciso, e algo máis, para que se vaia facendo maior pouco a pouco, disfrutando cada etapa deste percorrido, sen coñecer nunca a envexa nin o rencor. Haberá que procurar que a dor e a frustración cheguen o máis tarde posible, que teña forza e apoios sempre para superar a adversidade e facerse máis resistente ante as inclemencias da vida.

Será do noso agrado que sinta apego por esta terra e as súas xentes, que non renuncie nunca á nosa fala (a dos seus pais, avós e bisavós) e que estea sempre orgullosa da súa estirpe.

Cando ves a vida desde unha certa perspectiva decátaste de que hai feitos relevantes nunha biografía, que marcan un punto e aparte, como éste que nos ven de suceder. Tentaremos axudar para que a nena medre feliz, e que aprenda a situarse sempre no bando da luz e contra das tebras.

Polo que a mín respecta, e se os pais non se opoñen, penso ensinarlle a xogar ao fútbol. Vai ser unha crack. Xa vos enteraredes.
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES