Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O extraño caso da guerra libia

jueves, 04 de agosto de 2011
Nas súas “veleidades” socialistas Gadhafi convertérase nun dos referentes da esquerda antimperialista occidental que ían visitalo en peregrinación político-financeira, sendo acollidos grata e solidariamente, o que lle fixo merecedor do entusiamo desta e a inimizade xurada dos outros, os EE.UU e amigos europeos, que vian con inquedanza as súas malignas amizades.

Acusado de terrorista, en abril de 1986 o goberno Reagan enviou aos seus avións a lanzar misiles sobre Tripoli e Benghazi durante tres noites cuxas forzas destrutivas afectaron, ademais da residencia de Gadhafi, a moita máis xente da poboación civil que da militar.

A cuestión é, que seguramente estes feitos, a idade e tamén unha codiciosa familia, fixeron reflexionar a Gadhafi e pensar que sería máis efectivo levarse ben cos que tiñan a forza que cos “desfarrapados esquerdistas” cos que non ía a ningures, e como pode que sexa un oportunista pero non tonto, fixo as paces cos gobernos occidentais. Deste xeito de amigo dos pobres pasou a ser amigo dos ricos, aportándolles o seu petróleo e salvando así a súa política interna de calquera intervención foránea desestabilizadora que puxera en perigo o seu liderazgo e poderio.

Así foi, como de terrible terrorista converteuse en responsable dirixente, acollido e halagado polos democráticos gobernos capitalistas, mentres no seu país exercía un poder absoluto sen obxección ningunha por parte dos seus novos amigos, porque en definitiva os cartos mandan, e Gadhafi tiña moitos para repartir. Ata mercou unha gran finca en España para o seu esparexemento e regaloulle a Aznar un precioso cabalo, mentres vendíamoslle bombas de racimo.

Ocorreron, entón, os levantamentos populares en Exipto e Túnez contra os seus gobernos ditatoriales e corruptos, e como efecto chamada chegaron ata Libia. Pero, a diferenza daqueles, as mobilizacións da oposición á Gadhafi, reprimidas por este como aquelas, non respostaron con máis mobiliacións pacíficas senón que os manifestantes, sorprendentemente tiveron acceso ás armas e xa de súpeto constituíron un goberno provisorio, o Consello Nacional de Transición (CNT), que se asentou en Benghazi e comezaron unha guerra civil, apoiados polos ata agora amigos occidentais de Gadhafi, que volvían a converterse en acérrimos enemigos acusandoo de execrable sátrapa ao que había que eliminar.

A rareza de todo este proceso fainos preguntar: por que en Libia é o único sitio onde os levantamentos populares conducen a unha guerra civil?; por que interveñen nela os países occidentais ata agora amigos de Gadhafi?; por que, se lles abastecía co seu petróleo?( ademais de haber outros moitos sitios onde facelo); sería porque non poden consentir unha poboación asoballada por un ditador?, pero pode haber alguén tan inxenuo que pense que os países capitalistas montan unha guerra por motivos éticos e non económicos? De ser así non pararían.

Pois se todo isto non explica a guerra de Libia, e se temos claro que o capitalismo por definición fai as guerras por cartos, os argumentos que parecen máis acaidos son os que a abogada e presidenta do Public Banking Institute, Ellen Brown, nos expresa no seu artigo lído na revista dixital “Sin permiso” baixo o título “Libia: ¿una cuestión de petróleo o de Bancos Centrales?”.

Neste interesante escrito aporta unha serie de claves, complicadas de traducir ao tratarse de economía financeira da que eu non teño nin idea, pero que se poden simplificar co seguinte resume.

1º Que Libia é un país moi rico (o FMI dáballe para o 2010 un ritmo de crecemento do 10’3 do PIB) ten petróleo e ouro, moito ouro, polo tanto non lle preocupa nin o FMI nin os grandes bancos centrais internacionais como o Banco de Compensacións Internacionais (BanK of International Settelements con sede en Suiza)ou europeos porque non depende deles.

2º Que Libia é capaz de manter a súa soberanía económica. O Banco Central libio é totalmente estatal, o goberno libio emite o seu propio diñeiro, o dinar, e calquera “banca globalista” que queira facer negocios con Libia ten que facelo a través do seu banco central e usar a súa moeda nacional. Isto non o poden consentir, como dicía Chomsky referente a USA, quen non lle importa o réxime que sexa sempre que sexa dependente dos seus intereses económicos, e iste non é o caso.

3º Resulta curioso, entón, que apenas se instalou en Benghazi o goberno provisorio rebelde, o CNT, recoñecido posteriormente por todos os países democráticos capitalistas, faltoulle tempo para crear un Banco Central, pondo así os alicerces da volta ao rego dos que dominan o mundo financeiro.

4º Gadhafi tivo intención de rexeitar o dólar e o euro tratando de construir unha especie de Unión Árabe-Africana utilizando unha nova moeda, o dinar ouro, iniciativa que foi ben acollida por unha serie de países que comprendían uns 200 millóns de habitantes. Evidentemente isto alporizou a norteamericanos e europeos, de tal xeito que o presidente francés Sarkozy chegou a clamar que Libia era “unha ameaza para a seguridade financeira da humanidade”.

Loxicamente Francia, pola influencia nas súas excolonias
africanas, era o máis interesado en oporse a este proxecto, polo que non foi por casualidade en ser o primeiro e máis decidido en atacar militarmente.

5º O Banco Central de Libia emite a moeda nacional e presta os cartos para fins estatais sen intereses o cal reduce á mitade o costo dos proxectos públicos, de tal xeito que Libia ten a sanidade e a educación gratuíta, préstamos sen interese en xeral e para os recén casados, becas para estudantes no estranxeiro, a agricultura non paga impostos, e moitas máis ventaxes económicas para a cidadanía, ademais de potenciar o respeto á muller nun mundo islámico. Por riba realizou o impresionante proxecto de irrigación con auga potable e para riego, que acada a un 70 % da poboación, bombeándoa dende o sistema acuífero de Nubia a 4.000 kms ao norde.

Parece evidente que o cruel ditador, autoproclamado líder da revolución, preocupouse algo do seu pobo, dende logo bastante máis que outros aos que a OTAN non lle tira bombas e o Tribunal Penal Internacional cala.

6º Gadhafi posue, polo tanto, enerxía, cartos e incluso auga suficientes para ser libre dos seus acreedores da globalización e iso pode ser a verdadeira ameaza, porque demostra que é posible ser independente dos poderosos que manexan ao seu antoxo a economía financeira mundial.

Ellen Brown, que non é a única que mantén esta tesis sobre a guerra de Libia , remata o artigo dicindo de que “se o goberno de Gadhafi cae, será interesante ver: se o novo banco central únese ao BIS, se a industria petroleira nacional é vendida aos inversores, e se a educacion e a sanidade seguen sendo gratuitas”.

Como de nada desto nos falan os periódicos dos quioscos, nin a TV, convén contrastar as informacións con outras como estas para poder equilibrar mellor as nosas opinións sobre este extraño conflito armado no que está a morrer moita xente inocente e do que, por suposto, soamente dende unha impenitente credulidade pódese pensar que a OTAN está aí lanzando bombas pola liberdade e os dereitos humanos.
Muñiz, Ramón
Muñiz, Ramón


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES