Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A airexa dun abano

miércoles, 20 de julio de 2011
Con forza inusitada tivo presenza no país a primavera, con forza que para si quixera esta estación estival cando acada a canícula, que ao parecer é chamada así pola constelación Canis Major, que trae consigo a estrela Sirius e ten sona de queimona. Así e todo quizais as altas temperaturas tivesen máis que ver neste caso co po en suspensión procedente do Sahara que non deixaba percibir o azul limpo do ceo, que coa forza do noso astro cotián.
Confeso que eu nunca me queixo das altas temperaturas e sempre as soportei sen grande dificultade mesmo en lugares capaces de erguer o mercurio por riba do que a media considera razoábel. Cando chegan días así, tan de repente, ves a xente en procura da sombra dunha árbore ou dun catasol, de bebidas refrescantes e de ventiladores ou aires acondicionados, pero en moi poucas ocasións esquivando a calor con ese fermoso trebello chamado abano que xa existía nos remotísimos tempos da civilización exipcia e asiática, aínda que se di que a súa orixe, como a de case todo, é chinesa. Claro que naqueles tempos os abanos eran fixos, non pregaban, e houbo que agardar ata mediada a Alta Idade Media, para que outra vez un chinés fose quen de evolucionalo inspirándose nas alas dos morcegos. A Europa chegou de mans dos portugueses e axiña se popularizou en todos os países. Aldaya, en Valencia, é hoxe por hoxe a grande exportadora deste artefacto para todo o mundo.
Aínda que ata o século XX era utilizado por ambos xéneros, agora somos escasos os homes que o usamos, pero cómpre dicir que as mulleres souberon sacarlle partido en épocas de represión, cando as mozas eran obrigadas á permanente compaña dunha “carabina” para espantarlles os pretendentes. A linguaxe do abano foi creada exclusivamente para a comunicación amorosa. Mais quizais do que debería sentirse máis orgulloso este fermoso instrumento é do concepto que del tiña o extraordinario vate Mallarmé, que dicía que representaba o movemento da creación poética que facía aflorar do interior do artista unha expresión que cobraba vida propia no texto artístico. Como símbolo de frescura e inspiración aparece no seu poema titulado Éventail de madame Mallarmé no que o define como ala baixa mensaxeira.
Pero incluso visto dunha maneira práctica e trivial, eu son máis partidario del que dos ventiladores e por suposto moito máis que do chamado aire acondicionado, que sempre me acaba provocando mormeira.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES