Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A fame e o porco

miércoles, 13 de julio de 2011
Pouco oportuno sería que ocupase eu hoxe este espazo reiterando as excelencias do paquidermo máis doméstico de cantos existen – 40 séculos baixo a nosa férula – e tamén que incidise na súa implantación na terra galega malia que a súa procedencia sexa da península de Anatolia.

Sería abusivo que estando sempre tan presentes as festas do antroido, onde este animaliño deu a vida en sentido literal para abastecer as enchentes que esas datas requiren, viñese eu cun coitelo antes da época da matanza.

Non, que abondo cuincar houbo nesas datas e esa aguda queixa, tan afiada como o coitelo do matachín, debería reprimir por un tempo calquera intento cruento. Esa aguda e afiada queixa que os romanos utilizaran no seu día de horrenda maneira pois, como conta Plinio o Vello, sabedores de que os elefantes se asustaban con ela, lograran desfacer o sitio en Megara da Ática logo de untar laradas de porcos con aceite e prenderlles lume, lanzándoos logo contra eses xigantes da súa dérmica orde que se desbocaron aterrorizados polo seu dorido chiar.

En realidade o de traer o porco a colación vén por causa dun libro de curiosidades que chegou a miñas mans e sobre as que destaca unha que dificilmente podería pasar desapercibida. Trátase da que fala da figura do substancieiro.

Segundo se conta no libro, esta figura está rexistrada no Diccionario Gastronómico de Luis Felipe Lescure que a define como “personaxe que provisto dun óso de xamón ía polas casas, introducíndoo nas potas para darlles sabor”. Polo que sabemos, nos tempos da fame sempre estivo o porco, aínda que fose con escaseza, pero non criamos que ata ese extremo.

Ao parecer o substancieiro era un fulano que ganaba a vida neses tempos da maneira que a definición recolle e non sei se chegaron a andar por Galiza, pero si o fixeron por grande parte do estado, e dende logo hai constancia de que transitaron por terras leonesas.

Segundo o libro, o que se dedicaba a esa actividade era un personaxe que percorría os barrios pobres das vilas cun par de fémures porcinos anunciando o seu efémero servizo polas rúas ao xeito dos afiadores. Seica se trataba de profesionais que levaban a mercancía presa por unha corda e un reloxo que andaba.

Dise que alugaban o óso a peseta o cuarto de hora para darlle sabor ás sopas e segundo Camba eran inflexíbeis á hora de dar remate á inmersión e cobrar o acordado.

Non daría substancia, pero xeraba ilusión. Agora ata fai graza.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES