Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Musa pedestris

miércoles, 06 de julio de 2011
Nun dos seus sermóns, Horacio preguntaba de modo retórico a Mercurio: ... a que podo dedicar o meu traballo mellor que ás sátiras e á musa pedestre? E aínda se interrogaba máis adiante: ... oh, cando se poderán servir na mesa a faba parente de Pitágoras e, ao mesmo tempo, as verduras untadas en touciño con abondoso lardo?

Segundo a miña interpretación, este é o espírito da colección que, co nome que encabeza este artigo, está a sacar á luz a editorial Trifolium; que lecturas máis populares convivan con outras que, por diversas razóns, aínda son consideradas minoritarias e dirixidas a lectores especializados, como é o caso da filosofía. O método é sinxelo, pero intelixente e eficaz: son libriños cuxas tres dimensións dan sensación de levidade e o non iniciado nas obras de pensamento non ten diante deles esa sensación plúmbea que adoitan producir as publicacións ata agora ao uso.

Mais sendo unha característica importante a de afastarlle ao novicio o medo ao “ladrillo”, o que fai atractiva a todo tipo de público esta colección é sobre todo a nómina de autores e o asunto que estes tratan. A pesar de ter falecido, moitos aínda terán na memoria a imaxe e a palabra daquel hippy cristián chamado José Luis L. Aranguren que inaugura a colección falando d’O ocio e a diversión na cidade.

Quizais non tantos coñezan ao xornalista libertario Felipe Alaiz, aínda que dou fe que paga a pena ler a súa Arte de escribir sen arte.

Todo o mundo coñece por múltiples razóns a Bertrand Russell e unha máis sería ler o seu marabilloso Eloxio da ociosidade. Na cabeza de moitos seguro que están os nomes de Noam Chomsky e Michel Foucault, e o debate que os dous sostiveron en 1971 na televisión holandesa coa moderación do tamén filósofo Fons Elders é o libro que a colección lanzou baixo o título A natureza humana: xustiza versus poder .

O quinto (ou sexa, o E, xa que vai por letras) é O dereito á preguiza de Paul Lafargue, brillante pensador que entendeu coa súa compañeira Laura Marx que o 69 era tan bo para suicidarse como para succionarse.

E o F é de Russell de novo, que desta vez ocúpase de responder Por que non son cristián? Todos eles pois moi interesantes, pero ademais cómpre dicir que as traducións son magníficas e que grazas a elas e á boa selección previa dos textos, ata os caletres máis propensos a desenfiarse, conseguen coser a letra de principio a fin.
Meus máis expresivos parabéns por iso.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES