Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ons: Paraíso de "batalla"

miércoles, 06 de julio de 2011
Coa chegada de xuño e o bo tempo comezan as viaxes regulares de visitantes ás illas galegas. Milleiros de galegos e turistas anímanse a descubrir paraísos próximos.

A Illa de Ons está dentro do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. É como din desde o propio Parque “un enclave natural privilexiado polos seus valores naturais e culturais, tanto na súa parte marítima coma na terrestre”. Non hai dúbida: praias paradisíacas, rica fauna e flora, un agradable silencio... Unha xoia que non brilla o que debería xa que a calidade e imaxe de marca tería que ser primordial e non o é.

Un lugar para vivir o mar, a praia, a paisaxe, para camiñar, relaxarse e desconectar, malia que existen cuestións que chaman a atención de xeito negativo para os visitantes e que posiblemente está en mans de todos cambialas, iso si, baixo a tutela da Administración.

Aqueles que viaxen en barco a Ons dende Bueu terán que pagar 14 euros regulamentarios pola ida e volta, sen moita oferta de servizos onde elixir. Existen outros portos de saída, como Sanxenxo, pero a maior frecuencia e capacidade sitúase en Bueu, concello do que depende a Illa administrativamente, ao ser unha das súas parroquias.

Á chegada á Illa, tras case unha hora de interesante travesía na que se pode gozar das bateas, praias, cabos e enseadas, podemos recoller información na caseta de turismo habilitada ao efecto, pero sorprenden as construcións na zona do peirao, a maioría do sector hostaleiro, sen moito acerto urbanístico. Chama a atención ademais o gran número de vivendas existentes espalladas pola Illa en distintas aldeas, case un cento de veciños, así como as numerosas construcións en estado de abandono ou caídas, froito da peculiar situación administrativa deste territorio.

Existen varias praias de interese, a das Dornas e Area dos Cans nas proximidades do Porto; as de Canexol e Pereiró un chisco máis retiradas, e a nudista de Melide a media hora camiñando dende a zona máis urbana da Illa. Praias de augas cristalinas e area limpa, aínda que de acceso nalgún caso complicado. Tamén non estaría de mais algunha zona de duchas, limpeza de pés, aseos públicos ou fonte que sexa de garantía sanitaria nun espazo único central para dar servizo a todos os areais.

Catro rutas para gozar: Norte con 8,1 quilómetros, Sur con 6,2 quilómetros, Faro con 4 quilómetros e Castelo con 1,1 quilómetros. Rutas nas que descubrir paraxes de gran beleza como o Mirador de Fedorentos ou o Buraco do Inferno. Están en teoría sinalizadas, alomenos nos mapas, con distintas alternativas, pero precisan unha actualización e limpeza. Existe unha sensación de improvisación. Faltan sinais e outros non se ven ao estaren cubertos pola maleza. Sería importante poñer o tempo estimado de cada ruta na sinalización a pé de camiño e que aqueles que visiten a Illa para algo máis que ir ás praias próximas, saiban que tempo resta para o remate de cada unha.

O acceso ao Faro non está permitido, aínda que a porta ao recinto está aberta.

A oferta hostaleira limítase a dúas firmas comerciais que monopolizan os servizos na Illa e que teñen moito que mellorar, tanto no tocante a hospedaxe (habitacións básicas dende 60 euros), como a oferta culinaria (prezo medio de menú por persoa 16 euros). Imaxe, servizo e prezo son cuestións descompensadas. Existe unha zona de acampada que é de balde para a que é preciso sacar unha autorización previa, unha instalación empregada de xeito correcto por unha maioría de xente nova, malia que critican o sistema de reserva anticipada de 15 días e a intención de privatizar o servizo.

A Administración non dá moito exemplo. En Ons existen unhas instalacións da Xunta de Galicia, un Campamento Xuvenil, en evidente estado de abandono, accesos cheos de herba, campos de deportes como o de baloncesto que parece una eira sementada de cereal, peches estragados, carteis polo chan... Non menos preocupante é o en teoría “Punto Limpo” que habería que definir mellor como “Punto suxo”, cheo de contedores, restos de obra, rodas, electrodomésticos e un amplo abano de lixo que dá a impresión de levar moito tempo sen a pertinente actualización e limpeza. O Centro de visitantes da Illa carece dun horario de apertura ou indicacións que poidan dar unha pista de como entrar e que ver.

Malia que a presenza de latas de refrescos e caixas de tabaco non é preocupante, en xeral obsérvase un respecto cara a natureza, si existen restos espallados pola Illa, polo que a instalación dalgún contedor ou a entrega dunha bolsa para o lixo á chegada non estaría de máis, xa que hai quen non ten conciencia cidadá pero hai que espertarlla con algunhas chiscadelas.

Tras unha fin de semana neste paraíso natural, os visitantes marchan cunha sensación de “improvisación” achacable aos responsables da posta en marcha deste lugar como destino turístico de primeiro orde. O comentario xeneralizado no barco de regreso era de queixas por aqueles que coincidiamos ao valorar todo como unha mágoa, as Ons, “un paraíso de batalla”.

Temos unha Galicia moderna, interesante, rompendo tópicos, pero que ás veces se empeña en ser o pais das oportunidades perdidas.
Mínguez, Alejandro
Mínguez, Alejandro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES