Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O discreto teixugo

miércoles, 29 de junio de 2011
Aínda sendo un animal con importante presenza na nosa fauna, o certo é que a maioría da xente ten un descoñecemento case total deste animal que me fixo lembrar Cunqueiro cando gozaba da lectura dun dos seus artigos. Evocábaos o de Mondoñedo citando as sagas de Snorri Sturluson, escritor islandés por el admirado, e dicía que eran os viquingos moi amigos de ir á caza del logo de desembarcar en calquera ribeira para comelo asado e logo aínda aproveitaban a súa pel para cubrirse de cintura para abaixo, facendo incluso vistosas borlas co seu pelo.

Proba de que este mustélido sempre pasou bastante desapercibido é que o seu nome científico sexa meles, mel, por pensarse que tiña afección por ese ouro fundido e doce que producen os himenópteros alquimistas. Seguramente esa confusión fose debida á súa semellanza morfolóxica – agás no tamaño – co oso, pois como se sabe este si ten merecida sona de larpeiro e asaltante de alvarizas. O de teixo ou teixugo vénlle dunha adaptación ao latín do xermánico por aquilo de que é un animal que constrúe (tece) os seus tobos.

Curiosa resulta a diferenciación que fan nunha pequena comunidade do norte de Italia, a carón dos Alpes, sobre este becho, ao que chaman, ben teixo canino ou teixo porcino segundo a pouca ou moita graxa que o animal teña acumulada. Tamén nas terras lindeiras de Galiza e León marcan a diferenza entre teixo e porco teixo, sendo este o interesante dende o punto de vista gastronómico, ata o extremo de facer ás veces con el chacina. En Cataluña míranlles o morro e son os chatos os que consideran válidos para a cazola.

No seu artigo, Cunqueiro fala de que fora convidado a degustar un destes animais polo seu amigo Víctor de Faxina asado ao limón e quéixase de que a dixestión resultara lenta e ardua, pesándolle como chumbo no estómago. Eu, que adoito probar todo o que se me presenta na mesa polo menos a primeira vez, confeso que non cheguei a catar a carne deste carnívoro por moi pouco nunha ocasión no lugar de Zoó, en terras de Samos. O motivo de non facelo fora que o becho estaba aínda pendurado boca abaixo ao sereno con obxecto de que perdese o bravío.

Segundo a señora que cociñaba naquela casa, de vez en cando apertábao coas mans todo ao longo para que fose perdendo a graxa. Unha operación semellante, aínda que coa posición do animal invertida, á que se di que se fai co congro para que concentre as pequenas arganas na cola.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES