Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Quenlla

viernes, 24 de junio de 2011
O pasado 26 de maio acudín a un concerto magnífico, no que o grupo galego A Quenlla presentaba, dentro do programa de Lugo Cultural ‘Lubicán’2011’, o seu último traballo, baseado nos poemas do poeta da Terra Cha, Manuel María.

Os textos, agrupados baixo o título de ‘Unha vez foi o trebón’, tratan sobre as revoltas irmandiñas que tiveron lugar a finais da Idade Media, nun momento histórico no que se dan cita figuras coma o fidalgo Roi Xordo e os cabaleiros Pedro Osorio, Diego de Lemos e Alonso de Lanzós.

As once pezas que se agrupan no traballo titulado ‘Os irmandiños’ poñen de manifesto o desexo de Manuel María por fortalecer a autoestima de Galicia como pobo que sufriu as consecuencias da peste e da guerra, incrementadas polo empobrecemento das vilas e das cidades e a suba dos tributos por parte dos señores feudais. Afloran os nomes xa citados xunto a outros como Nuno Pérez de Andrade nos temas musicados polo grupo liderado por Mini e Mero, onde cómpre nomear tamén a Chus, Iria, Teresa, Mariña, Eduardo, Mijail e Manuel.

Na presentación do disco o grupo A Quenlla estivo acompañado polo alumnado da Aula de Teatro da Escola Arte e Lecer Fingoi e polo músico Carlos Doval no baixo e nos teclados. O resultado da posta en común foi un proxecto fabuloso, unha clase de historia para rememorar o noso pasado, unha deliciosa lección musical usando o idioma propio nuns tempos nos que se quere relegar a segundo plano polo influxo dun inglés alleo a nós, unha invitación cara a reflexión e a interiorización da nosa tradición e do noso destino.

Se teño que elixir algunhas das pezas do traballo, debo recomendar a que serve de ‘Introdución’ ao disco, xunto ás tituladas ‘Roi Xordo’, ‘Cantiga do derrubamento dos castelos’, ‘Gloria e triunfo dos irmandiños’, ‘Canción de contraataque dos nobles’ e ‘Canción da derrota e esperanza’, pola calidade musical, a mensaxe que se extrae de cada unha delas e a magnífica voz dos compoñentes, que me fan desprazarme dende onde estea para poder desfrutar do directo cando hai ocasión.

Noraboa a todos os que traballades por manter viva a nosa conciencia de ser galegos. Mero, Mini, seguide así! Temos unha lingua doce coma o veludo, unha riqueza paisaxística e cultural que nos agarima cada vez que pensamos en Galicia. Seguindo a Cunqueiro unha vez máis, que a música galega goce de mil primaveras!
Fernández, Ruth
Fernández, Ruth


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES