Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Noite de San Xoán

jueves, 23 de junio de 2011
O vello ritual das fogueiras de San Xoan vai ter, nesta noite, unha nova edición; e así, de diversos puntos da xeografía urbán – e tamén da rural – rubirán ó ceo as chamas do fogo desta ancestral cirimonia, engarzada nas mais devanceiras costumes da nosa terra.

Conta a tradición que na meirande parte das fontes vivían os encantos e as fadas, virxes, doncelas, donas e lavandeiras. Por iso a auga, como o lume purificador, son elementos protagonistas na noite de San Xoan, ós que se recoñecían virtudes curativas para os males do corpo e da alma.

Da nosa lonxana adolescencia, gardamos o recordo da grande fogueira que cada ano ardía no lugar do Cristo, en Marzán. Días antes, os veciños carrexaban, nos seus carros de vacas, madeiras do monte, os tanocos das berzas, así como os silveirais de camiños e congostras, que coidadosamente segaban, para ser queimados na noite lúdica e máxica do 23 de xuño. O acordeón de José da Morena, o cego, ou o de Plácido Val, poñían o contrapunto musical naquela xuntanza que congregaba en boa parte ás xentes de Foz, entón mais familiar e mais distendido que o de hoxendía.

Pero antes xa se cumprira outro ritual: deixar ó sereo un recipiente de auga con flores para, á mañán seguinte, lavarse coa auga fresca e perfumada, á que se atribuían propiedades terapéuticas para as erupcións cutáneas e os males da vista.

O amor facíase presente naquela liturxia, e así as mozas saltaban as chamas, decindo: “Salto por enriba / do fogo de San Xoan / para que non me roa / nen cobra nen can”. Se no brinco libraba das lapas era sinal de casamento dentro do ano: pero se tocaba o lume, esvaecíase a ilusión do casoiro, en tan curto prazo.

As nenas casadeiras poñían á medianoite un vaso de auga, coa xema e a clara dun ovo; ó seguinte día observaban o contido e, dacordo coa figura que tomara o mesmo, tal sería a profesión do futuro marido; así, por exemplo, se semellaba un martelo o seu home sería carpinteiro.

En Foz utilizouse nunha ocasión para coñecer o paradoiro dalguen do que había tempo non se sabía. Como no vaso xurdira a figura dun navío, soubose que o home andaba embarcado…

Como tantas tradicións, a noite de San Xoan perdeu o encanto poético de antano: xa non se deixa a auga coas flores ó sereo, nen o vaso coa xema do ovo; e se as rapazas saltan a fogueira é mais para amosar a súa forma física que para coñecer a data do casamento…

Esperemos que nesta noite, de toda a xeografía urbana – e tamén a rural – emerxan as espectaculares luminarias, lanzando ó espacio a mensaxe da ilusión das xentes, e que arredor delas se disfrute da convivencia distendida, da conversa animada e de cantos aditamentos poidan favorecer a mesma.

Á luz do lume, acolledor e subxugante, entre o bulideiro xolgorio das xentes, ledas e festexeiras, haberá un anaco para a nostalxia, porque, “¿Quén pode esquecer de vello / os seus tempos de rapaz? /¿Quén pode esquecer a noite, / a noitiña de San Xoan / co seu séquito de bruxas, / fogueiras, baños de mar / augas de rosas, parranda, bailes e aínda mais? / / ¡Se ata vellos como somos / o lume imos brincar…!”.
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES