Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A empanada nosa

lunes, 20 de junio de 2011
Aínda que sexa certo iso de que a empanada é un prato de ámbito internacional e haxa sospeitas de que teña a súa orixe na antiga Persia antes de que Cristo viñese ao mundo, o certo é que a súa implantación en Galiza e a súa coidada e variada elaboración nesta terra fixeron que sexa un dos bocados máis distinguidos nela. Non cabe dúbida de que, partise de onde partise o invento, hai constancia de que aquí xa comiamos empanada alá pola Idade Media e seguramente os achegadores de tan nutritiva receita fosen os primeiros peregrinos que viñan visitar a tumba do Apóstolo, tal como nos mostra o Mestre Mateo no Pórtico da Gloria da catedral ou no Pazo de Xelmírez.

Hai lendas que contan que, como a tortilla, a empanada foi o feliz resultado de aproveitar os escasos recursos alimenticios que se tiñan con obxecto de encher a andorga, que era mochila de pastores e de xente que polos seus labores había de pasar o día fóra da casa pero, dicía Cunqueiro : Hai quen dixo que a empanada é invención do pobo pobre. Que o siga dicindo.

Segundo lle teño escoitado a Manuel María, ela era, cos callos, dos pratos máis apreciados da nosa gastronomía polo mindoniense e tiña predilección pola de papuxas que xa non se fai - pola desaparición destes volátiles - en Monforte. Aínda así, foi nesta cidade e na súa ampla comarca onde eu gocei das mellores parcelas deste manxar, quizais porque a dedicación que se lle prodiga é moita e a leva á sofisticacións como a que me revelou un meu amigo de alí que a súa nai fixera con motivo das festas patronais: de perdiz con tenreira. Seguro que non esaxerou cando me falou da súa excelencia.

Mais sen saír do sinxelo, en case toda a nosa xeografía interior podemos deleitarnos coas gorentosas de liscos ou de raxo ou de zorza ou de anguías e na litoral debe un probar, entre a inmensa variedade, as de chocos na súa tinta feitas con fariña milla nas vilas pontevedresas ou as abertas de raia que asoman nos escaparates das panaderías por Ferrolterra e pola Mariña luguesa. Pola montaña incluso as fan de verduras.

A nosa devoción pola empanada é tanta, que hoxe, sexa hortaliza, carne, peixe ou marisco, nada se libra de servirlles de recheo. Ata tal punto é certo o que digo que seica unha panadería de Meira, no concello de Moaña, dende hai cousa de oito anos fainas de centola e lumbrigante, así que, a invención será de pobo pobre, pero sabio; sabían o que lles sabía.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES