Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cara unha democracia sen adxectivos

viernes, 17 de junio de 2011
PARA AVANZAR CARA UNHA DEMOCRACIA SEN ADXECTIVOS

Cando se fala de “democracia real” está a manifestarse que, aínda que formalmente vivamos nunha democracia posto que hai liberdade asociativa, partidos, eleccións, parlamento, poderes executivo, lexislativo e xudicial, etc. elementos que xustifican tal réxime, porén se considera que houbo tal alteración no artellamento e funcionamento destes elementos que desvirtuaron profundamente o seu significado.

A democracia non é outra cousa que o goberno do pobo para satisfacer os seus intereses colectivos. “Nos o pobo” comeza a constitución norteamericana, aínda que logo ese pobo redúzase aos que manteñen as grandes fortunas que financian as campañas bipartidistas dese país. “Nos os pobos” reza a carta da ONU, aínda que na realidade só uns poucos teñan o privilexio de veto. Pero estes frontispicios ao menos deixan claro que o que define ás democracias é que o poder reside no pobo.

Pero o pobo non é un corpo uniforme senon diverso, con opinións, valoracións e ideas diferentes pero que todas deben encaixar nunha convivencia estable orientada cara unha vida digna e próspera para todos. E iso non é posible que se consiga con representacións parlamentarias constreñidas a un bipartidismo (ao fin, un máis que o partido único) restritivo de toda a diversidade pensante dunha sociedade complexa.

Tampouco basta unha representación parlamentaria para xustificar o poder do pobo, porque hai cantidade de cuestións indefinidas en programas, o mesmo que desviacións ou alteracións que adulteran os seus propósitos e afectan á vida dos cidadáns. En definitiva o voto non é un talón en branco do pobo aos seus representantes, os avales electorais aos partidos cada catro anos non son definitivos para que fagan o que queiran con eles.

Menos aínda ten poder o pobo, cando o goberno no que delegou se ve substituído nas súas decisións por un poder transnacional de oligarcas e mercados que ninguén elixiu, e que o que fan é esnaquizar os alicerces dese poder para someter á poboación a unha desfeita económica que racha con esa pretendida convivencia e vida digna de todos e para todos, afundíndoa nunha división social de clases enfrontadas polo enorme distanciamento xerado entre a miseria e a riqueza dos seus cidadáns.

Por conseguinte, non existe “nos o pobo”: mentres non se impoña un sistema electoral o máis xusto posible, onde os votos conten igual para todos e polo tanto haxa unha maior competitividade partidaria, que sexa auténtico reflexo desa sociedade diversa; mentres non se instituían canles efectivos de participación directa dos cidadáns para a súa definición en asuntos do seu interese; mentres non teñamos un goberno conscente da súa soberanía que, superando o sometemento humillante aos poderes políticos e económicos alleos, sexa capaz de tomar as súas propias decisións, tendo en conta o que di o pobo a quen representa.

Porén, non chega con isto se non se abordan outros dous poderes claves para un proceso democrático efectivo.

Referímonos á Xustiza e aos Medios de Comunicación.

A independencia xudicial, se é necesaria en todos os asuntos sociais, con máis razón na cosa pública, para controlar as extralimitacións do poder político, os seus malos usos, os seus abusos, as súas corrupcións… Polo tanto a intervención política na elección do Poder Xudicial, e Constitucional non pode restrinxirse ao que na realidade é: unha decisión bipartidista. Tampouco pode haber asociacións corporativas de xuíces progresistas e conservadoras que sitúan xa ao cidadán no tipo de sentencia co desprestixio que isto leva. Dende as aulas de dereito debe inculcarse a independencia xudicial ata conseguir que sexa un valor insuperable pola ideoloxía ou as simpatías partidarias que se teñan, só así conseguirase o respeto da cidadanía, e unha auténtica separación de poderes (hoxe inexistente) tan necesaria para o funcionamento democrático do sistema.

Por último, os medios de comunicación, na súa versión escrita, radiofónica, televisada, ou dixital de carácter privado, teñen tanto poder na opinión pública que, en xeral, poden orientala na liña que se propoñan. De xeito, que por moi xusto que fose o sistema electoral, se estes medios na súa inmensa maioría confluen, como actualmente ocorre, na promoción dun bipartidismo “harmónico”, pouco se pode facer para cambiar as cousas. Non son o problema os que informan neles, se non sobre todo as empresas que os dirixen. A súa privacidade incontrolada fai unha imposible competencia en igualdade de condicións, por canto os de maior poder económico sempre poserán máis medios, maior información, mellor distribución e polo tanto superior expansión e introdución social do ideario que lles interesa , o que redundará nunha meirande cantidade de adherentes fronte aos de menos. A diversidade de ideas non é, polo tanto, representada adecuadamente e a opinión pública vese limitada a un coñecemento parcial da realidade e, dalgún xeito, manipulada.

O Estado debe lexislar sen contemplacións sobre os medios privados, na liña de establecer unha igualdade de oportunidades na defensa e difusión das ideas de cada quen, esixindo as limitacións que correspondan, non en canto a liberdade de expresión (que tamén, cando se entra no terreo do espureo), senon en canto a liberdade de medios e difusión en función do poder económico que se teña, á vez que incentivando aos máis precarios e se é preciso aplicando unha discriminación positiva que equilibre as súas posibilidades informativas. Dando por sentado a independencia, o rigor e a obxectividade que deben ter os medios públicos.
Muñiz, Ramón
Muñiz, Ramón


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES