Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eu non coñecín a Lois Pereiro

lunes, 13 de junio de 2011
Eu non coñecín a Lois Pereiro persoalmente. Quizais tivese oportunidade de facelo nunha visita que fixera a Lugo traendo a palabra do seu primeiro libro de poemas, pero non lembro a razón pola que non puiden achegarme a escoitala nesa data. Así e todo a súa dimensión na escrita non tardou en serme revelada e xa era consciente de que estaba diante dun altísimo poeta cando chegou ás miñas mans a segunda e derradeira entrega dos seus versos.

Eu non cheguei a mercar Poesía última de amor e enfermidade porque foi un agasallo do noso daquela editor común. Edicións Positivas acababa de botar á rúa a miña Carne de can e Paco Macías quixera obsequiarme cun libro da casa que saíra había pouco. Agradecérallo, pero dixéralle que se quería compracerme mo trocase polo de Pereiro, que estaba alí a carón, era tan recente como o outro e estaba seguro de que tería moito máis interese para min.

Se no primeiro libro xa me impresionara coa súa visión asfáltica dun mundo inconmovíbel, sen lirismos de saldo nin azucres engadidos e procurando sempre unha linguaxe case metálica, no que resultou o derradeiro a sensación foi, segue a ser, a de alguén que xa está alemparte, conservando unicamente a dose necesaria de existencia para que as súas palabras poidan caer deste lado. Magníficos os preámbulos, ás veces citas comentadas, utilizados sempre como chaira para afiar o verso e que este entre escindindo a carne magra das palabras.

Aínda que este seu derradeiro libro apareceu no último mes do 95, cinco meses antes da extinción física e o outro tres anos antes, a súa obra toda segue a ter unhas constantes vitais en perfecto estado. O mundo que Pereiro versifica está aí perfectamente recoñecíbel en todos os seus recantos e moi poucos, incluso neste presente, poden falar dunha posta ao día da palabra poética á altura que el a deixou hai máis de tres lustros.

E digo toda a obra, porque mesmo o libro Poemas para unha loia, que malia terse editado postumamente pertence á primeira época, (1975-1978), na que as vicisitudes persoais aínda non marcaran dunha maneira determinante a súa vida, a súa posición ética e estética no poema é a mesma que nos posteriores. Eu, que sempre o tiven tacitamente como da miña corda nese sentido, alégrome de velo como novidade en mans novas e que o recoñecemento que se lle deu este ano e os que veñan sexa todo o espléndido que a súa poesía merece.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES