Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Perú: a hora de Ollanta Humala

jueves, 09 de junio de 2011
Por vez primeira na historia electoral peruana, un candidato vencedor na primeira volta volve a impoñerse no ballotage dunha segunda volta. Foi o caso do candidato Ollanta Humala Tasso (48 anos), da tolda política “Gana Perú”, quen co 51,18% dos votos venceu o pasado 5 de xuño a súa contrincante Keiko Fujimori Higuchi, do movemento “Fuerza 2011”, segundo datos oficiais da Oficina Nacional de Procesos Electorais (ONPE).

A pesar da estreiteza do resultado, o triunfo de Humala foi contundente nas rexións administrativas do Centro e da zona Sur peruanas, principalmente rurais e selváticas, mentres Keiko obtivo o seu triunfo no Norte do país e na capital Lima, de maior compoñente urbana. Deste modo, Perú apréstase a experimentar unha etapa de transformación política, cun presidente ideoloxicamente orientado cara o nacionalismo progresista e que xa estivo a piques de gañar a presidencia nunha segunda rolda electoral en 2006. Dende entón, Humala adoptou unha posición mais centrista, a fin de apuntalar a súa imaxe política.

Precisamente, a atención está centrada na definición do signo da transformación política de Perú con Humala de presidente, especialmente dentro do contexto xeopolítico que actualmente se vive en América do Sur. Cun pasado de apoio ao golpismo militar e acusado constantemente de recibir apoio financeiro e político do controvertido presidente venezolano Hugo Chávez, unha vez oficializado como candidato electoral, Humala orientou a súa posición cara o centroesquerda, dotándose de asesores electorais e políticos pertencentes ao Partido dos Traballadores (PT), actualmente gobernante en Brasil, principalmente por parte do seu ex presidente Lula da Silva.

Esta conversión política de Humala, quen recibiu apoio de numerosos movementos indixenistas, sindicais e de partidos da esquerda, deberá significarse de cara aos retos que esperan a Perú, o país con maior crecemento económico do último lustro en América Latina (con taxas lixeiramente inferiores ás de China), cunha bonanza que deberá encarar as diferenzas socioeconómicas, o combate á pobreza (calculada nun 35% da poboación) e as presións políticas de cara á privatización ou o control estatal dos recursos naturais. No período presidencial 2011-2016, Humala contará con maioría parlamentaria no Congreso peruano que lle permitirá concretar lexislativamente o seu programa de reformas, aínda que dentro dun escenario politicamente atomizado.

Entre Lula e Chávez

O próximo 28 de xullo, Ollanta Humala substituirá ao actual mandatario Alán García, o seu rival electoral nos comicios de 2006, como presidente da República de Perú para o período 2011-2016. Fundador do Partido Nacionalista de Perú (PNP), Humala conformou en 2010 a alianza electoral Gana Perú, conformada polo Partido Socialista, o Partido Comunista de Perú, o Partido Socialista Revolucionario, o Movemento Político Voz Socialista e movementos indixenistas, plataforma que finalmente levárono á presidencia na segunda rolda electoral celebrada o pasado 5 de xuño.

Coa súa vitoria nas eleccións máis polarizadas dos últimos anos no país andino, Humala podería alcanzar a maioría parlamentaria no unicameral Congreso peruano mercé ao apoio político que hipoteticamente obtería do ex candidato e ex presidente Alejandro Toledo, líder do partido Perú Posible. Trala primeira volta electoral celebrada o pasado 10 de abril, o movemento de Humala obtivo 47 dos 130 escanos do Congreso peruano, precisando 66 escanos para alcanzar a ansiada maioría parlamentaria. Unha maioría que podería outorgar o partido de Toledo, que alcanzou 21 deputados, e que poderían darlle o apoio a Humala con 68 deputados en total.

Deste modo, Humala apréstase a gobernar con certa comodidade pero dentro dun marco politicamente atomizado, onde os tradicionais partidos políticos peruanos, como o actualmente gobernante, a Alianza Popular Revolucionaria Americana (APRA) de Alan García, víronse abertamente superados por novas forzas e liderados políticos. Con 37 escanos, a súa rival Keiko Fujimori, abandeirada do movemento Fuerza 2011 que reúne a maior parte dos apoios políticos do denominado “fujimorismo”, tentará impulsar unha forte oposición ás reformas de Humala, moi probablemente contando co apoio doutros partidos políticos con representación parlamentaria pero derrotados na primeira volta, como é o caso do ex ministro de Economía, Pedro Pablo Kuczynski.

Nesta conxuntura, o próximo presidente peruano gobernará seguido moi de preto polos mercados internacionais, tendo en conta que o seu programa electoral estipula o mantemento do crecemento económico e das privatizacións pero baixo unha óptica de inclusión social, especialmente das clases populares e indíxenas. Coa súa vitoria electoral, Humala consolídase politicamente dentro do escenario político peruano, pero a súa afiliación nacionalista e de esquerdas, moi identificada dentro do seu movemento político, probablemente orientarase cara unha posición máis centrista.

Precisamente, esta conversión política de Humala, pasando de ser un inicial admirador do modelo “socialista bolivariano” do presidente venezolano Hugo Chávez a promover unha versión máis centrista con referencia no modelo de Lula en Brasil, explícase pola necesidade de atraer o apoio dunha clase media polarizada, tranquilizar aos mercados financeiros e afastarse da controvertida e presunta influencia de Chávez, un aspecto moi remarcado polos seus detractores durante a campaña electoral.

A presenza de asesores do “lulismo” e do Partido dos Traballadores (PT) actualmente gobernante en Brasil na campaña electoral de Humala, levou ao agora próximo presidente peruano a reunirse co propio Lula e coa actual mandataria brasileira Dilma Roussef. En perspectiva, a implicación brasileira e “lulista” na campaña de Humala pode reflectir o evidente peso e interese de Brasilia nos asuntos peruanos, en especial ante o sólido desenvolvemento económico do país andino (con espectaculares díxitos de crecemento no último lustro) e especialmente ante o interese que ofrece o seu mercado mineiro para as multinacionais estranxeiras, aspecto que xunto ao espiñento tema do Amazonas constitúe unha baza fundamental clave nas relacións entre Lima e Brasilia.

Pero moitos sectores políticos e sociais en Perú recean das intencións de Humala, a quen aínda consideran como un admirador de Chávez, un aspecto que pode reconducir as relacións entre Caracas e Lima, moi fracturadas nos últimos tempos, principalmente durante o goberno de Alán García (2006-2011). Coa evidente intención de evitar ver reproducido en Perú o modelo “chavista” a través da candidatura de Humala, o goberno de Alán García converteuse no principal detractor rexional de Chávez, incluso outorgando asilo político a rivais políticos do presidente venezolano, como é o caso do ex gobernador e ex candidato electoral Manuel Rosales. Non obstante, cabe prever que Humala tentará conciliar as relacións bilaterais peruano-venezolanas, cun maior achegamento cara Chávez.

Tampouco resulta clara cal será a posición de Humala con respecto ao posible indulto ao seu irmán Antauro Humala, en prisión desde 2005 por rebelión militar. Como sucede no caso da súa rival electoral Keiko con respecto ao seu pai e ex presidente Alberto Fujimori (condenado en 2009 a 25 anos de prisión por crimes de lesa humanidade e por corrupción), o peso do legado familiar na imaxe política de Humala constitúe un factor relevante que pode cobrar significación durante o seu mandato. Precisamente, días antes da segunda volta electoral do pasado 5 de xuño, diversos xuristas peruanos denunciaron que o Tribunal Constitucional favorecía ao partido Fuerza 2011 de Keiko Fujimori, para dilatar a decisión de habeas corpus a favor do seu pai.

O contexto rexional

Analizando a vitoria electoral de Humala dentro do contexto político rexional, estímase que o seu triunfo revitaliza as opcións electorais da esquerda latinoamericana, tralas recentes vitorias da dereita liberal en Chile e Panamá. A clave de apoio do próximo goberno peruano parece máis asegurada na influencia que terá Brasil nos asuntos do país andino, probablemente coa perspectiva de evitar unha posible influencia “chavista” que propicie situacións de inestabilidade nun Perú politicamente atomizado.

Non obstante, resulta probable que Humala se achegue ao denominado “eixe da ALBA”, en especial cos mandatarios boliviano Evo Morales, o ecuatoriano Rafael Correa e o propio Chávez, aínda que non é segura unha inclusión peruana dentro deste grupo. A presenza de apoios indixenistas dentro do movemento de Humala identifica igualmente unha maior empatía con Evo Morales, revitalizando as opcións políticas do indixenismo dentro do contexto político andino.

Pola contra, resultará unha incógnita coñecer a evolución das relacións bilaterais de Humala co conservador presidente chileno Sebastián Piñera, á vista das históricas rivalidades e reclamacións territoriais entre Lima e Santiago. A pesar de recibir as felicitacións do presidente chileno, as friccións poden intensificarse se as demandas dos sectores nacionalistas se incrementan durante o mandato de Humala.

Igualmente, deberá medirse con nitidez a evolución das relacións entre Perú, EEUU e Colombia, a tenor dos acordos de libre comercio subscritos polo actual mandatario peruano Alán García con Washington e Bogotá. A pesar de moderar a súa tradicional retórica nacionalista e esquerdista, Humala segue sendo un especial crítico cos tratados de libre comercio e coa globalización, un aspecto que pode cobrar relevancia dentro do actual contexto de crise económica a nivel mundial.

Desde diversas ópticas, Humala afrontará un escenario fortemente atomizado no período presidencial 2011-2016, confiando en materializar a súa axenda reformista e de transformación política, social e económica de Perú. Pero estes complexos equilibrios dirimirán un escenario condicionado pola necesidade de evitar controversias cos mercados e investidores estranxeiros ao mesmo tempo que poden intensificarse as presións por parte dos sectores máis esquerdistas e indixenistas (en especial ante casos extremadamente sensibles como a explotación mineira no Amazonas), dando curso a unha maior conflitividade sociopolítica no país andino que afecte á estabilidade do seu goberno.
IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES