Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Que Cheiro…!

miércoles, 08 de junio de 2011
Din que de todos os sensos o olfativo é o máis desenvolvido nos humanos. Pero tamén a experiencia nos asegura que é o máis susceptíbel de atrofiarse. O cheiro da polución, os das factorías e até o mar ou a montaña máis puros engádense axiña á nosa memoria olfativa se permanecemos algún tempo nos lugares en que se producen, chegando a non ser percibidos. Só os alleos a esas circunstancias son quen de notalos.

O noso olfato urbanita xa non está afeito a cheiros coma o do xurro . De seguro que a xente do agro o ten asimilado como algo natural.

Lembro ao Golpe cargando diante da porta da casa un carro de esterco, mentres a súa dona o sacaba da corte envolvéndoo cunha picaña. Non precisaban de luvas ou máscara para evitar contaxios. Os nosos labregos estaban acostumados ás tarefas máis desagradábeis sen prexuízos, inmunizados contra cheiros e lixos, bacterias ou fungos.Tanto é así que convivían cos bechos na casa.

A do Golpe tiña unha parte baixa que contaba con varios habitáculos. Só posuía unha porta con poxigo pola que accedían á vivenda persoas e animais.Fronte á porta, había un pequeno corredor feito con chantas que daba acceso á cociña, o resto do espazo era a corte das vacas e o poleiro.

A cociña estaba separada desta por un muro de chantas verticais rematadas nunhas táboas que chegaban até o teito . Dentro, e en primeiro plano, a alta lareira coa súa gamalleira e unha grande campá que servía de andel por fóra e por dentro, onde o Golpe gardaba os cuarteróns de picadura, o chocolate en po, o café e algunhas viandas máis para que non humedeceran. A carón da lareira, nun furado cadrado da parede estaba o aparato de radio co seu afumado transformador, sobre a mesa cos seus tallos de levante. Tamén a cada lado había unha lacea. Cara a fachada estaba o vertedoiro de pedra que daba a unha pequena fiestra don ferros e contras de madeira e á dereita no fondo, erguíanse unhas escadas de madeira cos dous primeiros chanzos de pedra gra polas que se subía ao cuarto e outra porta á esquerda levaba ao forno e por el íase tamén ao resto dos cortellos onde se gardaba o gando miúdo.

Ao remate das escadas, unha porta comunicaba cun espazo a medio andar sobre os cortellos no que se gardaban as patacas e cantas ferramentas e materiais usaba o Golpe para facer as súas bricolaxes. Estaba pisado de táboas colocadas enriba dunhas trabes, pero sen encaixar, de xeito que se andabas sobre elas íanse movendo, ás veces tanto que deixaban regañas, polo que sempre camiñabas con medo a caer para o cortello. As escadas continuaban xirando á dereita pegadas á parede até un amplo cuarto presidido por unha longa mesa de madeira con dous bancos corridos.

Á dereita, separados por tabiques de táboas había dous dormitorios. Nun deles a dona do Golpe tiña a súa vella máquina de coser, que utilizaba a miúdo para remendar canta roupa poñían.

Lembro preguntarlle a miña nai cando eu era nena o por qué desa vestimenta tan remendada. E respondeume que, máis que necesidade, era costume: había que aproveitar todo até o límite. Naqueles tempos a reciclaxe estaba automatizada.

Á esquerda do longo cuarto había tamén unha separación onde se atopaba a ucha do pan, na que gardaban as mazás co fin de que o gran tivera a humidade necesaria. Cando se abría arrecendía toda a casa a mazás maduras. No chan había unha trapela que ao abrila se vía directamente a corte. Eu, na miña ignorancia, supoñía que era para vixiar ao gando, até que un día ollei sobre ela á tía Remedios coas faldras medio remangadas. Axiña adiviñei o seu uso.

A parte que máis me gustaba da casa era o forno onde se facían as fornadas que tiñan que durar polo menos quince días. O día que se cocía chegaba o arrecendo a todo o lugar, polo cheiro a loureiro chamuscado co que se varría o forno e se lle sacaba a fogaxe antes de enfornar. É un dos olores que máis me quedaron gravados dos períodos vacacionais vividos na miña infancia en Vilapedre.
Lamas, María Xosé
Lamas, María Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES