Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha historia co Rato Pérez

martes, 07 de junio de 2011
crónica da semana invisible



Martes, 31 Un caíño teimudo

O meu fillo de oito anos, que é Pérez de segundo, ten trato directo e cotiá co pequeno rato homónimo. Anda na idade da renova dos dentes de leite.

Sucede que leva un par de semanas co caíño inferior esquerdo pendurado case que dun fío, e un fío é o que precisamente quixen usar hoxe para llo extraer. Á vella maneira dos nosos pais e avós.

El andaba a darlle coa lingua e a peza semellaba xa practicamente ceibe. Mais un non é experto nestes tipos de extraccións de dentes de leite teimudos. Esta inseguridade nótaa o neno; non se fía de min, e non me deixa arrincalo.

Malia isto, tentámolo. Crucei o lazo do fío arredor do dente e, no último intre, cando a cousa xa parecía que ía, o pequeno botouse atrás:

-Non, papá, papá, que me vai doer! E aí quedou outro día máis, ríndose de nós, boca afora e boca adentro, o condenado e sentenciado marfil.



Xoves, 2 O día da decisión. Pola tarde

O caíño do neno pide unha decisión firme e xa. A coraxe da (de) nai sae a escena: vai ela na procura duns trinta centímetros de fío dental. O neno accede. Abre a boca. Eu ollo ao carón. Colle o fío, fai a lazada, coloca o nó e... zas! Tira forte e firme, pero o diaño do dente semella estar afundido na sima da enxiva. O neno láiase. O fío dental, preso no dente. E o dente, que non sae. Que facermos?

De novo, ou todo ou nada. A nai tensa unha vez máis os extremos do fío, impasible, decidida e... agora si: cede a raíz do marfil e amosa ante todos o porqué da súa teima: unha áncora fonda xorde do descoñecido. Despois da dor e moi axiña, a liberación. E uns segundos máis tarde, a frase que segue a cada dente de leite caído: "Esta noite virá o Rato Pérez". Cinco euros baixo a almofada.

A noite do Sr. Pérez

É hora de durmir. O Rato Pérez axiña ha chegar e dicímoslle ao neno que hai que pechar os ollos.

-Sabes que penso, papá?

Dime o fillo, xa na escuridade do dormitorio.

-Pois que eu creo que o Rato Pérez non existe, papá.

Eu quedo calado. E quieto. Como se agardase a que o Rato ou quen fose se revelase. Uns segundos despois, continúa:

-Non pode ser que un ratiño así de pequeno veña aquí, á nosa casa, e deixe debaixo da miña almofada un billete de cinco euros!

Eu sigo sen falar nada. Espero as súas propias conclusións.

-Sabes que creo, papá?

-Que?

-Que o Rato Pérez son os Reis Magos.

(Sei que vai ler isto, por iso lle digo, agora, de novo, que no mundo hai sitio para todos: ratiños e reis, e que a maxia non sabe de límites).
Alvarellos, Henrique
Alvarellos, Henrique


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES