Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Flores no prato

lunes, 06 de junio de 2011
Deixando a un lado a do azafrán, cuxos estigmas se utilizan como condimento e colorante en todo o mundo dende hai tres mil anos, en tempos pasados recentes as únicas flores que eran habituais nunha mesa galega eran as da coliflor, porque ata o brócoli non se pode dicir que sexa un clásico da nosa gastronomía, malia a súa implantación nela a día de hoxe e moito menos o romanescu que nin sequera chegou a acadar no presente ese status de aceptación.

Pero malia que nas casas aínda ha pasar tempo sen que se utilicen, o emprego de flores para a elaboración de pratos en establecementos de alta cociña cada vez é máis frecuente. E debe selo porque a clientela as acepta, ademais de como delicado adorno, como gornición comestíbel.

Polo que teño lido, as súas propiedades abranguen todo o abecedario vitamínico, pero por moi benfeitoras que fosen, o éxito non existiría se o seu sabor non resultase atractivo ao padal dos comensais. Grazas á nova cociña descubrimos que ademais de fermosas e recendentes, moitas delas merecen ser consideradas como elementos de estimábel valor gastronómico.

É interesante descubrir que a begonia ten un sabor semellante ao limón, mentres que a azucena fai lembrar o melón, que o ampuloso gladíolo sabe coma a leituga e que o delicadísimo xacinto deixa un gusto a noz doce, que o xasmín é o mellor aromatizante para un té e que a violeta, sendo tan doce coma el, adoita ser empregado en sorbetes, xeados e sobremesas frías.

A nómina de flores susceptíbeis de ser inxeridas é interminábel e, como non, entre elas está a raíña de todas, a rosa, que ten un sabor que fai lembrar os amorodos e as mazás verdes, un sabor que resulta máis intenso canto máis viva sexa a cor. E ao citala non podo evitar a evocación de Xosé de Vexigas, aquel mítico mariñeiro viveirense amante da palabra que nunha época desgraciada para a súa economía ía ao xardín principal da vila, o dedicado ao poeta Noriega Varela, para alimentarse cos seus pétalos. Viría desa inxesta o seu de florido verbo?

Segundo amigos meus da parte d’O Courel e de Quiroga, por alí dáse unha flor á que chaman millarenga ou millarengo, da familia das raflesiáceas que en latín recibe o nome Cytinus hypocistis e en castelán vulgar tetica de doncella. Seica ten unha dozura e un sabor comparábeis aos do mel e polo visto nos malos tempos os nenos botaban o seu zume riba do pan se non querían comelo espido.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES