Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

SOS ao Consello Regulador

viernes, 03 de junio de 2011
Temos méritos suficientes para que a Ribeira Sacra conseguise ser nomeada Patrimonio da Humanidade e con iso abrir un abano de posibilidades vitais para a súa supervivencia tanto económica coma paisaxística e monumental. Non só para o viño e as empresas relacionadas cons servizos que demandan as adegas, senón tamén para outra chea de sectores, dende o comercio de Monforte e Chantada ás outras pequenas empresas que se benefician da actividade turística (aloxamentos, restauración...). Pois o primeiro efecto sería un enorme incremento de visitantes, ao igual que pasou ao declarar Patrimonio da Humanidade o alto Douro. Sobre todo neste contexto de crise, paréceme dunha desidia enorme deixar escapar esta oportunidade de futuro.

Indiferencia política

Pero ante a indiferencia e incapacidade intelectual da nosa clase política -convertida cada vez máis nun ente corporativo que maioritariamente defende sobre todo os seus intereseses particulares, pois concibe a política como unha forma de vivir e non como xestión dos intereses de todos- deberían ser as organizacións e asociacións de base os motores de futuro. En particular a denominación de orixe Ribeira Sacra e as organizacións sindicais de viticultores e labregos. Deberían capitanear o proceso, perfilalo e convocar seguidamente aos demais entes: asociacións de casas de turismo rural, comerciantes, empresas turísticas, alcaldes, deputacións, Xunta... De aí sairía a estratexia conxunta e unha única directiva representativa coa súa única portavocía, confluíndo todos os sectores e forzas no mesmo barco e remando todos na mesma dirección. Entón tamén os políticos terán ocasión de demostrar que me equivoquei na súa apreciación e eu estaría encantado de que mo poidesen botar en cara.

Tirar do carro

Creo que o consello regulador debería empezar a tirar do carro, cando menos nesta primeira fase. Os seus membros, ao fin e cabo son cualificados adegueiros e viticultores, os sectores máis interesados e os mais damnificados pola inoperancia dos políticos. Políticos que hai que esporear porque e necesaria non só a súa incorporación senón tamén o seu protagonismo no proxecto pois, ao fin e ao cabo, son os que están nas institucións representativas e entre outras cousas manexan os cartos. Institucións e cartos imprescindibles para buscar contactos e fortalecer e publicitar o proxecto nos sitios axeitados.

Creo que non valen escusas do consello regulador de que eles non están para iso, que ese non é o seu traballo. Non só están para repartir contraetiquetas e fiscalizar as adegas da denominación de orixe, tamén están para dar a coñecer e preservar a viticultura heroica e facilitar así a comercialización dos singulares viños dos seus asociados. E esta sería a mellor forma de trasladar a paisaxe e a contraetiqueta Ribeira Sacra ao mundo, abrindo enormes e novas perspectivas. Se foron capaces de levar a cabo o proxecto máis interesante nos últimos veinte anos na comarca, como foi a creación da denominación de orixe Ribeira Sacra, por que non van poder levar a bo termo este novo paso. De paso, demostrarían que o minifundismo mental, a cortedade de miras e a falla de asociacionismo non son mal endémico en Galicia.
Moure, Xosé Manuel
Moure, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES