Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fumata Rubalcaba

jueves, 02 de junio de 2011
D. José Blanco días antes da xuntanza dos socialistas en Ferraz reclamaba oufanamente que o conclave do PSOE non fora feito entre bambolinas. Mesmo o facía cunha paixón que case daban ganas de créelo.

Xuntaranse os baróns do partido, un termo con moito de autocrático e medieval e non moi axeitado para dirixentes presuntamente democráticos de partidos non menos presuntamente democráticos. Nun venres, pouco santo polo acontecido, chegaron a acordos tras os trasacordos.

Incluídos os vascos encabezados por Pachi Lopez e mais aqueles que con el reclamaban un Congreso Extraordinario para de xeito indirecto censurar a xestión do secretario xeneral do partido, a sazón presidente do goberno. E tamén para coartar o posible acceso pola vía das tan queridas primarias para o Sr. Zapatero, da emerxente Sra. Chacón, moi ben vista polo presidente como herdeira.

Despois dun exercicio florentino de amagos e golpes a Sra. Chacón case coa mesma tristura que María Magdalena fíxose a un lado para non ser atropelada polo pragmatismo motorizado que arrollou o Comité Federal. A fumata, non foi branca de primarias nin negra de congreso, senón Rubalcaba en todo o seu esplendor e gloria entre os suspiros de alivio dun comisionados que nalgún momento non lles chegaba a camisa ao corpo. Case todos eles, cunhas vergoñentas derrotas as costas e postos de perfil para fuxir das súas responsabilidades, subíronse encantados no lombo dun corredor con capacidade de sprintar polo páramo deixado nas derradeiras eleccións no eido socialista. Zapatero, ecce homo flaxelado, era un ilustre convidado de pedra ollando o carro onde un auriga correúdo e resabido tomaba xa as rendas da cuadriga embridando os cabalos con pericia indiscutible.

Resolto o prioritario, unha cara solvente para un cartel difícil, había que maquillar o resto. Así pariuse unha Conferencia política cuxo obxeto mais aló de limpar a cara dos presentes apunta menos rendibilidade que moitos valores do Ibex 35. Alguén como o Sr. Touriño, empuxado a unha dimisión súpeta non esconde a súa sorpresa ante o desenvolvido comportamento dos seus colegas nesta terra dos seus pecados.

Certamente cábelle facelo, pois a súa derrota foi moi tibia en troques da que o Sr. Pachi Vazquez ten entre mans. O que non escusa as moitas torpezas de D. Emilio e o seu endeusamento patético que deu con el no chan mostrándolle que a súa peaña era de barro.

Unha vez mais optase polo parche para frear a hemorraxia sen suturar a fenda que a provoca. Agochase a cabeza diante dos atrancos da realidade partidaria. Non se afronta a redacción dun proxecto político recoñecible por unha maioría social que se distancia dun partido cuxo plano de acción e continuar teimudamente na inercia confiando en circunstancias espontáneas que lle dean resolta a situación.

E esa mesma maioría social que entende inxustas unhas reformas que se ceban cunha crueldade desigual nos mais desfavorecidos. Que non percebe a diferencia cunha xestión de dereitas nas medidas adoptados por un goberno que se presenta como depositario dos valores da esquerda.

Seguramente os cidadáns que seguiron o proceso poidan albergar varios sentimentos. Que non hai vontade nin de renovación, nin de rexeneración, e menos dun serio propósito de emenda. Da febleza ética de moitos dirixentes que con desfeitas notorias no seu haber non so aférranse como lapas aos seus cargos, senón que tentan desviar sobre outros con escasa moralidade cívica as responsabilidades das que son actores. E finalmente entre tanto despropósito, Rubalcaba. Un acerto en canto é o mellor candidato posible. Un pesadelo para un Rajoy, que no que semella un paseo militar cara a Moncloa, terá que sortear un home rochoso, autentico animal político, e con folgos mais que suficientes para poñerlle as cousas nada doadas, e moitas espiñas nese camiño que presumía de rosas e lle canta no peto.
Campos Romay, Antonio
Campos Romay, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES