Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Castros lucenses: Investigación e posta en valor

martes, 24 de mayo de 2011
Castros lucenses: Investigacin e posta en valor Dentro do seu programa de investigación e difusión do patrimonio arqueolóxico, o Museo do Castro de Viladonga, de xestión autonómica e titularidade estatal. presenta nunha Exposición, que estará aberta ata o mes de setembro de 2011, unha escolma de exemplos de actuacións realizadas en castros da provincia de Lugo aproximadamente na última década.

É obvio sinalarmos que non se trata dun relatorio exhaustivo de todas as intervencións en ámbitos castrexos, senón dunha selección feita con criterios arqueolóxicos e patrimoniais, cremos que suficientemente representativa, se ben outros castros como, por exemplo, o de Barán (Paradela), o da Piringalla (Lugo), o de San Vicente do Pino (Monforte de Lemos) ou o Castro Cercio (Monterroso) poderían estar tamén presentes nesta mostra.

Os xacementos dos que se fala nesta exposición corresponden a distintos tipos de castros, entendendo isto como unha variedade de localizacións (desde a costa á montaña pasando polas chairas e vales do interior) e, así mesmo, como un amplo abano de cronoloxías (desde sitios de cronoloxía prerromana ata asentamentos de plena época galaico-romana –a maior parte deles-). Así, atoparase nela unha breve información escrita e unha boa mostra gráfica –con espléndidas fotografías aéreas para as que se contou coa colaboración co arqueólogo territorial de Cultura, Gonzalo Meijide- dos castros costeiros da Punta da Atalaia (Cervo), de Fazouro (Foz) ou das Grobas (Ribadeo); dos castros singulares de Zoñán (Mondoñedo), escavado en parte, e de Saa (A Pastoriza), con restos aínda sen asollar; de castros da Ulloa e do Miño como o da Ourela (Antas de Ulla) e o monumental de Castromaior (Portomarín), así como unha moi boa representación dos castros de montaña ou “mineiros” como Vilar ou Torre do Castro de Sobredo (O Courel), Moreira (A Fonsagrada), Sta. María de Cervantes e o de Formigueiros (Samos), espectacular pola súa situación, a súa monumentalidade e os seus achados.

Como é lóxico, o Castro de Viladonga, declarado Ben de Interese Cultural co seu Museo anexo figura por dereito propio nesta escolma de xacementos.

Nesta ducia longa de sitios castrexos e galaico-romanos representados na Exposición, leváronse a cabo diversas accións patrimoniais segundo os casos: actuacións de rozado e limpeza, adecuacións de accesos e sinalización, levantamentos topográficos, prospeccións e escavacións arqueolóxicas, consolidacións, e, en fin, labores de investigación científica.

Todos estes traballos permitiron a súa posta en valor, coa finalidade de difundir na sociedade e a todo tipo de público un patrimonio cultural de enorme interese e cunha indubidable incidencia na paisaxe, ó tempo que marcan o territorio das comunidades sociais ás que pertencen, en última instancia, estes sitios arqueolóxicos.

A colaboración de institucións públicas e entidades privadas e, de xeito necesario, da propia sociedade, é o que permite ofrecer exemplos como os que se ven nesta Exposición, coa singular presenza de lugares como o Castro de Formigueiros -coas súas lousas gravadas con cabalos, peixes e labirintos, que por primeira vez se expoñen ó público- e o Castro de Viladonga -hoxe xa unha referencia fundamental no ámbito arqueolóxico e museístico na Península Ibérica-, ó lado doutros sitios, algúns de notable sona e outras veces máis descoñecidos.
Arias Vilas, Felipe
Arias Vilas, Felipe


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES