Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Strauss-Kahn: Vítima ou rufián?

viernes, 20 de mayo de 2011
O esperpento que esta vivindo Strauss-Kahn só é comparable ao estupor da cidadanía cando mira o sórdido espectáculo que debullan xornais e televisións.

O 57% dos franceses creen que estamos diante dunha vítima. Un calafrío percorre as costas ao pensar que entra no posible orquestrar impunemente unha trampa deste calibre contra un candidato con posibilidades de desprazar a Sarkozy da presidencia da República Francesa. Inqueda especular que intereses poden estar tras unha presunta conspiración para reducir á indixencia civil a quen dotou ao FMI de máis peso e influencia e foi actor básico en acoutar a crise da débeda soberana da eurozona e os rescates de Grecia, Irlanda e Portugal, enfrontándose a estados con posicións pouco proclives a iso. Cabe lembrar que o FMI achega unha parte importante do investido nos rescates. Unha persoa, que como ministro de Finanzas de Lionel Jospin, foi artífice da recuperación económica de Francia, recortando o déficit fiscal e habilitando a incorporación francesa ao euro.

Se é un rufián, a xustiza norteamericana é moi severa nestas imputacións, estamos ante un miserable sen eximentes pola súa brillantez no campo económico. E unha opción que cada día parece coller máis forza mentres medran as denuncias de presuntas afrontadas polo seu comportamento. Neste suposto, simplemente será alguén que desde a súa degradación infama as institucións. A antíteses do que esixe non só a súa militancia socialista, senón un mínimo de calidade humana. Desprezo de xénero, prepotencia, crenza na impunidade, abuso de poder, comportamento criminal. Un baldón brutal para a esquerda francesa e para o goberno de Francia que o propuxo para tan alta representación.

A dereita prepárase para facer sangue sobre un individuo cuxa incoherencia entre ideoloxía e comportamento o fai presa fácil coa súa extravagante exhibición de riqueza e ouropel. Un palacete suntuoso en Marrakech. Traxes que ao seu lado, os de Camps parecerían baratiño. Apartamentos de catro millóns de euros nas prazas máis luxosas de París. Máis ou menos o que lle custou a casa con xardín nun barrio aristocrático de Washington, onde pousou para a televisión francesa. Unha vida fastuosa, allea de xeito innegable á súa procedencia socialista. Enténdese que os conservadores galos bauticen ao PS como “esquerda caviar” Se aceptamos que o exemplo arrastra, non parece moi axeitado o deste directivo cuxo soldo do director do FMI e superior ao do presidente USA, mais innumerables prebendas propias dun sátrapa. Faise difícil entender que desde tal tren de vida e semellantes condicións salariais quede unha físgoa de autoridade moral para ditar as condicións draconianas que deben sufrir as poboacións de diversos países. Mais se cabe desde unha posición presuntamente de esquerda.

Tanto se é unha vítima ou un rufián, ou mesmo ambas as cousas, en calquera caso e dramático. E doado chegar a conclusións como, ¿nestas mans áchase o noso destino? ¿persoeiros desta catadura son os que ditan o noso futuro? No caso de que fora unha trampa, aterra a impunidade para manipular os feitos e a opinión pública unha vez tras outra. Ofrecéndonos versións cociñadas como as que rodean a morte de Bin Laden, ou como que as que afastarian do escenario a este suxeito, até hai uns días todopoderoso.

E si agora e tan pervertido, ¿Por que uns e outros deron a bendición a súa presencia nun vector máximo da economía mundial? ¿Pola mesma hipocrisia coa que a Sra. Salgado onte dicía que era un “home de carácter forte” e vintecatro horas despois, cando xa é historia, fala “da extraordinaria gravidade das acusacións”, e lava a súa conciencia afirmando “ a miña soldaridade esta coa muller que sufriu a agresión”…

Como Curros, caberá dicir, “si este mundo o fixo Deus, que veña o demo e o vexa”.
Campos Romay, Antonio
Campos Romay, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES