Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ese danzar maldito...

viernes, 13 de mayo de 2011

Non sei que bailan nas rúas de Wáshington e Nova York (Luns,2). Celebran o tiro na cabeza que acabou, en Paquistán, coa vida dun dos maiores asasinos da historia: Osama Ben Laden. Pero ese tiro, ese xeito de execución, alimentará precisamente o xerme de Al Qaeda, todo ese odio fondo, atávico, ao Occidente, a millóns de nós, a todo un sistema de vida. Ou sexa, ha ser inútil. Ese tiro na cabeza, tan perfecto militarmente e tan vergoñento dende o punto de vista moral (e xurídico) botará máis lume, máis medo, máis inseguridade. Por iso, ese danzar que vexo pola tele da xente nas rúas de Wáshington e Nova York (ou en fotos na prensa escrita), é dunha inconsciencia e confusión enormes. Sangue sobre sangue. O vello Far West como lei. O Vello Testamento como ideoloxía. O ollo por ollo. O cego por cego.

Mércores, 4 Amén, Amén

Os dirixentes europeos, e mundiais, aplauden a execución. Foi ordenada polo Premio Nobel da Paz, o presidente dos EEUU, Barack Obama. Xentes das dereitas, dos centros e das esquerdas (non todas) din amén, amén. Non se cuestiona nada. Pola rúa é normal esta matanza tan límpida, tan rápida, tan básica: o país máis poderoso do mundo intérnase sen permiso na soberanía doutro e alí acaba co seu histórico inimigo. Este país tamén asente ante o xigante. Ningún estado semella cuestionar. Os políticos comprenden, xustifican, dan corpus teórico ao xuízo extremo da bala. ¿Pero non haberá ningún cabal, nisto?


Xoves, 5 A decencia do ministro Caamaño

Por fin un puido minimamente respirar. O ministro de Xustiza español, o galego Francisco Caamaño, valorou, nunha entrevista para a Radio Nacional, o asasinato de Ben Laden e as torturas ás que seica foron sometidos varios chivatos para conseguir a información do paradoiro: "O fin xamais xustifica os medios -dixo-. Mesmo para o máis canalla debe haber a oportunidade de poder ter xuízo. Antes que xusta, unha sociedade debe ser decente, e é decente aquela sociedade que non humilla outros gratuitamente. Estou absolutamente en contra da tortura e da pena de morte".

As palabras son de sentido común. A reflexión foi, estes días, excepcional. Nada cómodo debe de sentirse o ministro na estrutura na que está mergullado. O seu verso ceibe ha ser moi ferinte para o stablisment.


Venres, 5 Que decepción!

"Se dicimos que non esquecemos, non esquecemos". Así falou hoxe, na Zona Cero de Nova York, diante das Torres Xemelgas, o presidente dos Estados Unidos.

E un pensa que, se a memoria é iso, esa única forma na vinganza máis extrema, pois loada sexa logo a desmemoria..

Alvarellos, Henrique
Alvarellos, Henrique


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES