Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A solidariedade diacrónica, dende a formación

martes, 10 de mayo de 2011
Pretendo retomar a temática do desenvolvemento sostible con aportacións directas ou colaterais de diversos intelectuais, porque me parece que a enriquecen, polo menos nun planteamento perspectivista, aínda que, evidentemente, insuficiente. E quero recordar que eu xa expresei o meu escepticismo, sobre todo ós planteamentos dunha economía sostible, con base en que non se trata tanto dunha cuestión meramente económica coma dun complexo problema de ética social universal. A ver se poido artellarlles algunhas ideas ao respecto.

Empezo dicíndolles algo acerca do concepto SOLIDARIEDADE DIACRÓNICA, que sacou a palestra cultural Ramón Tamames na súa interesante obra “Estructura económica internacional”. E descúlpenme que previamente explique a etimoloxía dos termos DIACRÓNICO” e SINCRÓNICO. Supoño que os lectores non informados saberán agradecelo. SYN-CHRONOS, ven de SYN, “con”, e de CHRONOS, “tempo”. Polo tanto, dito sen moito rigor, “sincronía” é a coincidencia de sucesos no mesmo tempo. DIA-CHRONIA, análogamente, está composta de DIA, “a través de”, CHRONOS, “tempo”. É dicir, “diacronía” significa un certo movemento, neste caso, desenrolo, a través do tempo. Espero que estas sinxelas ideas servan coma instrumentos de comprensión do que segue.

Volvendo a obra de Tamames, lemos o seguinte nela: “De todo iso nace unha nova ética: entender que os bens do planeta non son nosos, senón á efectos do usufruto; toda esa propiedade temos que legala ás xeneracións vindeiras, ós que veñan”. E xustamente a isto chámalle SOLIDARIDADE DIACRÓNICA; pero coma o fai sen un tratamento da SINCRÓNICA, que eu boto de menos, quixera facerlle dúas puntualizacións.

En primeiro lugar, penso que non é posible acadar unha “solidaridade diacrónica” sen a “sincrónica” previa. Máis aínda, aquela é unha consecuencia desta, na miña modesta opinión. Porque…que poden legar ás súas xeneracións futuras os países pobres do Sur, como non sexa miseria, enfermidades, espoliacións, un insuficiente desenvolvemento científico e tecnolóxico, atrofia nas súas expresións culturais autóctonas, e, en consecuencia, abulia xeneralizada?. Estamos necesitados dunha “solidaridade cronolóxica” xa, agora, de ámbito planetario. Recordemos, a modo de exemplo, a recente crises nuclear e tsunámica xaponesa.

A segunda puntualización está estreitamente vinculada a primeira, e podemos introducila con esta pregunta: A quen corresponde a titularidade da “nuda propiedade”, se é que non somos máis que usufrutuarios dos bens do Planeta?. Por suposto, dentro das estruturas económicas actuais, a uns poucos países, e neles a non moitos cidadáns. E son os que poden cumprir os desexos éticos de Tamames, cando menos polo que respecta as súas xeneracións. Polo tanto, eu cambiaría a restrición do termo “vindeiras” (xeneracións), para evitar a confusión cos que teñen algo que legar, pola extensión de TODAS: “todas” as vindeiras, porque “os que veñan” pode referirse só a aqueles que recibiron legado de quen xa o tiña para transmitilo. Aquí hai que fiar miúdo, para que chegue a la.

Pero para acadar todo isto hai un longo camiño que andar, que ten que abrir paso a través dos campos dos sentimentos, da cultura, da estimativa, do pensamento humanístico-científico, das DIFERENTES CONCEPCIÓNS IDEOLÓXICAS, e, en xeral, das distintas maneiras do facer e do deber-facer. Pero, sobre todo, é necesario configurar, con isto, unha personalidade capaz de aceptar os sacrificios que comporta tamaña tarefa.

Son moitos os intelectuais, que, dende unha perspectiva ou outra, abordaron aspectos importantes desta temática, e non son, cronolóxicamente, de rabiosa actualidade; por iso mesmo vou traerlles aquí algún deles, porque teño a impresión de que o seus planteamentos teñen o acougo da sensatez, aínda que non esteñan na rigurosa certeza.

Antoni J. Colom Canellas, da Universidade das Illas Baleares, publica no nª 33 da “Revista Galega do Ensino” un artigo pedagóxico cunha serie de ideas moi aproveitables, que resaltarei máis abaixo. Agora quero facer referencia a un novelista e catedrático de Economía, que esribiu un traballo titulado “Desarrollo económico”, en “Economía Planeta, Diccionario Enciclopédico”, T. VIII, Barcelona, 1.980. O autor, para os informados, non podía ser outro que José L. Sampedro. Se consultamos as páxinas 352-367 veremos que estuda o termo “desarrollo” (en castelán) na súa acepción CONVENCIONAL de “crecemento”; en sentido REFORMISTA, cando ese crecemento vai acompañado dunha certa “calidade de vida”; como DESENROLO DEPENDENTE, porque aquí entendeuno como dependente da sorte que corran as políticas internacionais; ECODESENROLO, vinculado ó ambiente como factor económico, e así sometido ao desgaste, e, finalmente, baixo a denominación de NOVO DESENROLO, aquel no que se entra en propostas axiolóxicas e humanistas. Evidentemente, en todos estes casos, o DESENROLO, sostible ou non, comporta a solidaridade sincrónica, e nalgún deles a diacrónica.

Hai outra aportación interesante de L. Chesney, na súa obra “Lecciones sobre el desarrollo sustentable”, Fundambiente, Caracas, 1.993, na que nos fala dos dous sentidos do termo DESENROLO: Un, restrinxigo, entendido como “capacidade dun ecosistema de manter constantemente no tempo a vitalidade dos seus compoñentes e procesos de funcionamento”: o outro, amplo, porque integra outras variables, ademáis das da natureza, coma a cultura, a política, etc.

Tamén me parece interesante a teses de L.M. Jiménez Herrero, que expón no seu traballo”Desarrollo sostenible y economía ecológica”, Síntesis, Madrid, 1.996. Afirma que o desenvolvemento sostible só se sostería (permítanme a reiteración) nun sistema democrático internacional, con suficiente posibilidade de autocorrección. Está aquí esixindo unha solidaridade sincrónica?. Claro, a nivel internacional.

Pero traigamos agora a aportación de Colom Canellas, que deixamos aprazada para este momento, sobre todo pola súa referencia a Gro H. Brundtlandt, que foi presidente do goberno de Dinamarca e dirixiu unha comisión de cen expertos sobre desenvolvemento e medio ambiente, da que saíu unha publicación en 1.986, titulada “Nuestro futuro común”. Nela afírmase que se entende por desenvolvemento sostible aquel que é capaz de “satisfacer as necesidades da xeneración presente sen comprometer a capacidade das xeneracións futuras para satisfacer as súas propias necesidades”. Palabriñas, palabriñas… reunirse pouco máis que para concertar unha definición!. O problema no é iso: é arbitrar os medios que permitan poñer en funcionamento todo eficazmente. E para preparar ese logro penso que Colom Canellas abre unha brecha non desdeñable na leira pedagóxica.

Hai que SINCRONIZAR antes de DIACRONIZAR. Hai que introducir, como MATERIA TRANSVERSAL, no ensino, a EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE, mediante unha educación moral axeitada e seria, suficientemente ampla para subliñar os valores culturais que encerran os diversos grupos humanos, estendendo a ética ás relacións do home/muller coa naturaza, para o que é mester romper fronteiras, xa que os problemas ambientais transcéndenas; educar para o consumo, relacionándoo coa produción; poñer ós educandos en contacto cos problemas bélicos e os derivados dunha globalización salvaxe, para sensibilizalos na necesidade de acadar a paz; a educación para a defensa da xustiza social, ampliando o campo dos dereitos humanos, sen exclusión real de razas ou pobos; a educación para a igualdade de sexos e, finalmente, para levar asimismo un trato igualitario nas atencións relativas a saúde, tanto no aspecto preventivo coma no curativo.

Estou vendo ás facianas dos lectores, cunha expresión de escepticismo e desalento pasmosa. Pois ben; isto, e moito máis, é absolutamente necesario para acadar unha solidaridade diacrónica e un desenrolo sostible, e non teríamos que pretender facelo todo axiña, senón paso a paso, pero coa vontade férrea de acadalo, e senón, a solución é deixalo e calar coa temática. Porque aquí aínda albiscamos algunhas dificultades importantes, como as que arrastrarían os distintos países con concepcións antropolóxicas, relixiosas, culturais, etc., tan diversas. Polo menos, os políticos deberían por mans a obra e deixarse de perder o tempo en comisións, asambleas, estudos, que, se non empezamos, non serven para nada.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES