Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Osama morreu, ¡Viva Obama!

viernes, 06 de mayo de 2011
Osama Bin Laden, por fin foi descuberto e abatido a tiros polas forzas máis especiais dos USA, os SEALS, que fixeron famosos as películas norteamericanas. Había que matalo, non vaia ser que collelo para xulgalo non fose moi edificante para anteriores gobernos dos Estados Unidos. E así foi, executado a conciencia pois estaba desarmado, e en tal situación a ningún destes soldados especiais, cunha preparación psicolóxica a proba de nervios, expertos en artes marcíais e con sofisticados instrumentos para neutralizar a calquera persoa desarmada, ocorriríaselle cribalo a tiros por conta propia, e menos aínda a un personaxe como Bin Laden, se non recibise unha orde superior, como seguro que así sucedeu.

Pero o descubrimento do seu paradeiro é o miolo da cuestión e por suposto para min o cuestionable.

Parece increíble, que unha familia vivindo dende o ano 2005 nunha casa dunha pequena poboación chea de militares, perto de lugares conflitivos e que, ademais, polas súas características chamase a atención dos veciños, as forzas de seguridade pakistanis, e menos aínda os servizos secretos (ISI, un dos máis famosos e temibles dos existentes), non soubesen nada de quen vivía alí. Incluso aquí, na paz de Galiza, estou seguro de que a Garda Civil sabe quen vivimos en cada casa do lugar rural no que habito por moi espallado que estea.

Parece inconcibible, que unha forza estranxeira poida entrar impunemente noutro país para realizar unha operación de guerra contra unha familia alí instalada e marcharse sen que ese país non só non diga nada senón que lle pareza moi ben. Máis aínda, en realidade non entraron se non que xa partiron das súas propias bases pakistanis. Poderíamos imaxinar que un equipo da garda civil penetrase en territorio francés para cargarse a membros de ETA sen sabelo o seu goberno e este quedase tan tranquilo coa invasión do seu territorio?.

Parece impensable, que unha persoa como Bin Laden, a máis perseguida do mundo, símbolo de varios millóns de combatentes yihadistas, vivise nunha casa sen sofisticadas medidas de seguridade, sen un suficiente corpo de garda costas dispostos a todo, e sen unha via de escape capaz de garantir unha fuxida en caso de perigo. Se non que, oh sorpresa! vivía tan tranquilo e feliz coa súa familia, mulleres e nenos, que foi o que se atoparon os aguerridos guerreiros USA ademais dun par de amigos ou tres, que non escoltas pois foron abatidos sen armas ningunhas na man.

Eu non dubido, polo tanto, que fose Bin Laden o executado, pero do demais dubido todo. O recurso de que a cousa empezou en Guantánamo, e dalí a CIA tras arduas investigacións chegou a dar co devandito, non é máis que o intento de recuperar o prestixio perdido desta sinistra axencia e de tratar de xustificar que a barbarie de Guantánamo serviu para algo. Ante o pobo norteamericano a cousa ata pode funcionar, pero para alleos a trama semella dunha inxenuidade asombrosa.

En conclusión, a hipótese que me parece máis verosímil é que Bin Laden, se vivía dese xeito tan relaxado, é que o facía coa seguridade da protección pakistaní -ao menos dos seus servizos secretos- por algún acordo propio desa sempre inexcrutable alta política, pero que por razóns xustamente dela, truncouse, e foi traizoado e entregado aos USA para que se fixesen eles responsables de todo, librando aos gobernantes pakistanís de ser culpabilizados por gran parte da súa propia poboación e mesmo doutras musulmás, de tal despropósito, co perigo que iso lle representaría para a súa seguridade nun país tan inestable e co problema engadido da confrontación coa India. Non sería a primeira vez que isto pasa, lembremos o caso do tamén famoso Carlos “O Chacal”, hoxe encerrado nas cárceres francesas. Como Bin Laden, vivía tranquilo, retirado en Sudán, protexido polo seu goberno, ata que este decidiu traizoalo e entregalo aos servizos secretos franceses.

Pero a farsa non remata aquí, senon que a pantomima final dase no portavións ao que trasladaron ao cadaver de Bin Laden e onde din, cunha chiscadela ao islamismo, que o lanzaron ao mar, é dicir o enmararon, gardando o rito musulmán. Quen vería ao comandante do barco, firme e circunspecto, lendo uns versículos do Corán e a mariñeiría en perfecta formación berrando ao unísono “Alá é grande”, mentres o corpo do musulmán afundíase no océano esnaquizado polas balas dos mesmos que por fora ritualizaban o acto islamista e por dentro rían a cachón. Esperpéntico.
Muñiz, Ramón
Muñiz, Ramón


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES