Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Perspectivas tralo VI Congreso do P.C. de Cuba

martes, 03 de mayo de 2011
A recente celebración do VI Congreso do Partido
Comunista de Cuba (PCC), realizado entre o 16 e 19
abril de 2011, marcará o futuro do acontecer político
e económico da illa caribeña. Tras o último congreso
do PCC celebrado en 1997, onde se institucionalizou
a sucesión política a favor do actual presidente Raúl
Castro, (certificada oficialmente despois da renuncia
do seu irmán Fidel en xullo de 2006 e coa posterior
elección presidencial de Raúl en febreiro de 2008
por parte da Asemblea Nacional do Poder Popular),
o contexto actual sinala varias expectativas sobre a
posibilidade de reformas políticas e económicas en
Cuba aínda que, polo momento, sen notorio relevo
político e xeracional.

Este Congreso do PCC certificou a necesidade
de aplicar unha serie de reformas e aperturas no eido
económico recollidas anteriormente no “Proxecto
de Liñas da Política Económica e Social”, aprobado
en setembro de 2010, e que autoriza o emprego “por
conta propia”. Ao mesmo tempo, estas reformas están
enmarcadas no recorte de 500.000 empregos estatais (un
20% da forza laboral cubana) iniciado en marzo pasado
e que paulatinamente vense prorrogando por tempo
indefinido. Cunha notable presenza de tecnócratas, o
goberno de Raúl Castro acordou igualmente axilizar a
recadación tributaria, a fin de dotar ao Estado de maior
liquidez financeira.

Non obstante, á vista da composición do actual
Comité Central do PCC, este congreso desestimou
como prioridade as expectativas xeradas en torno
á posibilidade dun cambio xeracional que propicie
eventuais reformas políticas. Dentro do “momento
crucial” para “garantir a supervivencia do sistema
socialista” definido polo presidente Raúl Castro
durante este congreso, a perspectiva básica céntrase
en asegurar a viabilidade institucional e política ante
a desaparición física dos principais líderes históricos
da revolución cubana. Pero, a medio e longo prazo, a
dinámica e preponderancia das reformas económicas
moi probablemente premerá por unha necesaria
apertura política, con novas caras nos cadros dirixentes
do PCC e da estrutura estatal.

Apertura económica sen relevo político

O indiscutible peso político do presidente Raúl Castro
(79 anos) confirmouse no recentemente celebrado VI
Congreso do PCC, onde o actual mandatario cubano
impulsou o seu proxecto de reformas económicas coa
finalidade de modernizar o aparentemente anquilosado
modelo socialista da illa caribeña.

Deste modo, este VI Congreso do PCC, que
reuniu a 1.000 delegados a nivel nacional, acreditou
o discurso recollido no “Proxecto de Liñas da Política
Económica e Social” establecido polo actual goberno
cubano en setembro de 2010. No mesmo se establece
a posibilidade de dar curso a actividades económicas
“por conta propia”, concedéndose 170.000 permisos
para empregos privados que poderán ser ampliados
proximamente a outras 250.000 licenzas. Este proxecto
foi sometido a un intenso debate popular a nivel
nacional, no que participaron, segundo fontes oficiais,
máis de 7 millóns de cubanos a través de demandas,
propostas e suxestións que, segundo as mesmas fontes,
permitiron a reforma de dous terzos dos 291 parágrafos
inicialmente contidos neste programa.

Este proceso ven precedido polo recorte burocrático
estatal, a través da supresión de 500.000 empregos
públicos, dos que o goberno cubano espera absorber
unhas 200.000 persoas a través de cooperativas
que se crearán con empresas operadas polo Estado.
Igualmente, o goberno cubano concedeu unha serie
de empréstitos bancarios para os novos “pequenos
empresarios”, incluso outorgando a posibilidade de que
os mesmos poidan vender os seus produtos ao Estado.
Por tanto, o VI Congreso do PCC apostou pola
necesidade de dar curso a unha inédita reforma de
mercado dentro do modelo socialista cubano instaurado
desde 1959, incluso retrotraendo o breve lapso de
apertura económica tralo “período especial de crise”
de comezos da década de 1990, unha vez desaparecera
a ex URSS. No marco deste congreso, Raúl definiu
o actual momento como o de “actualización”, de
“rectificación de erros” e de “cambios estruturais de
concepto” dentro do modelo económico socialista,
concibindo a “batalla económica” como “centro de
traballo ideolóxico” para os 700.000 afiliados ao
PCC e á Unión de Mozos Comunistas (UMC), dos
que dependerá a “sostibilidade e preservación” do
socialismo cubano.

Pero esta preponderancia na paulatina apertura
económica desprazou considerablemente calquera
iniciativa de renovación dentro dos máximos órganos de
dirección, incluíndo os 15 altos cargos do Buró Político
do Comité Central do PCC, especialmente a través do
relevo xeracional da “vella garda” revolucionaria. Deste
modo, Raúl substituíu ao seu irmán Fidel Castro (84
anos) como primeiro secretario do PCC, mentres
o actual primeiro vicepresidente do goberno, José
Ramón Machado Ventura (80 anos) relevou a Raúl
no posto de segundo secretario do PCC.

Este congreso afianzou o poder da “vella garda
revolucionaria” e do aparato militar do Estado,
confirmando nos seus altos cargos a Ramiro Valdés
Menéndez (78 anos), Comandante da Revolución e
vicepresidente dos Consellos de Estado e de Ministros;
Alberto Colomé Ibarra (71 anos), Xeneral de Corpo
do Exército, ministro do Interior e vicepresidente
do Consello de Estado; e Julio Casas Regueiro (75
anos), Xeneral de Corpo do Exército, vicepresidente
do Consello de Estado e ministro das Forzas
Armadas Revolucionarias (FAR). Igualmente, resalta
a continuidade de Ricardo Alarcón de Quesada (73
anos), actual presidente da Asemblea Nacional do Poder
Popular.

Os únicos cargos nos que se manifestaron certo
nivel de renovación política e xeracional foron os casos
de Miguel Díaz-Canel Bermúdez (50 anos), actual
ministro de Educación Superior; e Marino Murillo
Jorge (51 anos), actual vicepresidente do Consello
de Ministros e Xefe da Comisión Permanente para a
Implementación e o Desenvolvemento. Non obstante,
no discurso de clausura deste congreso, o presidente
Raúl Castro asegurou que posiblemente novas caras
formarán parte do Comité Central do PCC a partir do
2012, cando o partido gobernante volva a realizar unha
importante reunión a nivel nacional.

Diversos analistas especularon con que o principal
perdedor, á vista da composición do actual Comité
Central do PCC, foi Abel Prieto (62 anos), actual
ministro de Cultura e un dos mais prominentes
representantes da denominada “batalla polas ideas”
instaurada desde 1999. Considerado un político moi
popular entre a mocidade cubana, especialmente tendo
en conta o seu estilo crítico, informal e xuvenil, moitos
esperaban que Prieto escalara posicións dentro do PCC.
Non obstante, compre considerar algunhas medidas
adoptadas neste congreso, como o de limitar a dous
períodos consecutivos a titularidade dos cargos de
maior relevancia así como establecer a posibilidade
de realizar os congresos do PCC cada cinco anos,
polo que o próximo estaría inicialmente previsto para
2016. Entre outras das 300 medidas adoptadas neste
congreso, imponse tamén a proposta de legalizar
a venda de propiedades privadas, un aspecto que
reduciría sensiblemente o enorme peso do sector estatal
no ámbito inmobiliario.

Qué modelo tralo congreso
Dende unha perspectiva política, e a pesar do seu
carácter histórico, poucos cambios se esperaban deste VI
Congreso do PCC no eido da renovación da estrutura
política cubana, aínda que a preponderancia da apertura
económica privada constitúe un factor inédito que alterará
sensiblemente a estrutura socioeconómica cubana.
Oficializadas as reformas económicas a través do
principal organismo dirixente do país, compre ponderar
qué escenarios se presentan a medio prazo en Cuba.

En primeiro lugar, os alcances e efectos a nivel social
da aplicación de iniciativas privadas na estrutura
económica cubana. Segundo un informe de abril de 2011
do ministerio de Traballo cubano, actualmente existen
un total de 301.033 traballadores inscritos “por conta
propia” para as 178 actividades autorizadas para exercer
de forma autónoma que, en gran medida, constitúen
oficios propios de pequena empresa, como vendedores
ambulantes, perruqueiros, etc.

Nun panorama de recesión económica, a limitada
apertura privada permitiría un maior nivel lucrativo para
as familias cubanas, así como unha importante recadación
tributaria para o Estado cubano. Non obstante, diversos
cubanos cun elevado perfil universitario e profesional
observan complicacións para inserirse neste novo mercado
de traballo: entre 1996 e 2008 graduáronse en Cuba un
total de 350.398 universitarios, cuxas perspectivas para
integrarse neste novo mercado se reducen ante os recortes
burocráticos.

Estas medidas deberán pulsar o seu impacto ante
outros decretos e regulamentos económicos que
eventualmente poden adoptarse a medio e longo
prazo, tales como a adopción do dólar como moeda
corrente, eliminando o actual sistema de dualidade
cambiaria que propicia un prolífico “mercado negro”; a
eliminación gradual de subsidios estatais como a cartilla
de racionamento; ou a posibilidade de privatización
no rural cubano, permitindo maiores investimentos
estranxeiros en materia tecnolóxica, que se ampliarían
ante o beneplácito do goberno cubano para recibir
investimentos foráneos nos sectores turístico, petroleiro
e das industrias exportadoras estratéxicas, como a
biotecnoloxía e o níquel. Neste apartado, o presidente
Raúl Castro deberá cotexar en qué medida pode
adaptarse en Cuba a súa aparentemente pretendida
preferencia polos modelos chinés e vietnamita, que
propician unha apertura económica privada cun Estado
como principal actor económico.

A viabilidade destas reformas dentro do modelo
socialista intensificarán, igualmente, a necesidade
da Habana de ampliar os seus eidos de inserción no
contexto rexional e internacional que, paulatinamente,
diminúan o illamento hemisférico propiciado dende
Washington. Deste modo, países como China, Brasil
e Venezuela, este último a través do eixe da Alianza
Bolivariana para os Pobos da Nosa América (ALBA),
cumpren un factor esencial para ampliar estas marxes
de apertura exterior para Cuba.

Non obstante, o aspecto principal segue a estar
centrado na evolución das relacións entre Cuba
e EEUU, principalmente ante o actual escenario
político en Washington cun Congreso dominado
polo Partido Republicano e de cara á posibilidade de
reelección en 2012 do actual presidente demócrata
Barack Obama. Pouco antes da celebración do VI
Congreso do PCC, o ex presidente estadounidense
Jimmy Carter visitou Cuba, nun momento de
tensión entre La Habana e Washington polo xuízo
contra o contratista estadounidense Alan Gross,
detido en Cuba en 2009 tras ser acusado polas
autoridades cubanas de presuntos “delictos contra a
seguridade do Estado” a través da distribución ilegal
de equipos de comunicación satelital baixo o paraugas
da Axencia Estadounidense para o Desenvolvemento
Internacional (USAID).

Os tímidos esforzos de achegamento entre Cuba e
EEUU baixo os gobernos de Raúl Castro e Obama
influirán igualmente na mediación da Igrexa católica
cubana ante a liberación de disidentes políticos na
illa, a implicación da Unión Europea na transición
cubana e a posible intensificación de demandas de
apertura política, impulsadas a través da ampliación
dun intenso debate popular fortalecido pola apertura
económica adoptada desde finais de 2010.

Segundo o artigo 5º da Constitución cubana de
1976, o PCC constitúe “a forza dirixente superior
da Sociedade e do Estado, que organiza e orienta os
esforzos comúns cara os altos fins da construción do
socialismo e o avance cara a sociedade comunista”.
Compre observar se, dentro da perspectiva de
“actualización” e “rectificación de erros” do modelo
socialista estipulada polo presidente Raúl Castro, o
recen celebrado VI Congreso do PCC permitirá abrir
unha nova etapa para a illa caribeña. En todo caso, o
reforzamento político da “vella garda revolucionaria”
dentro das máis elevadas instancias do PCC aparca
momentaneamente a perspectiva do “postcastrismo”
e do relevo xeracional en Cuba, afirmando certa
sensación de parálise contida e expectación.
IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES